Reunión coas familias no Concello de Fene

Interesados/as encher o formulario que se pode descargar aquí e enviar ao enderezo electrónico que aparece no pé do documento.

Convocatoria do fondo solidario de libros de texto e axudas para material. Curso 2023-24

O venres 19 de maio (Orde do 10 de maio de 2023) publicouse no DOG a convocatoria do fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas a alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial no próximo curso 2023/24.

O prazo para presentar solicitudes remata o 21 de xuño de 2023.

Poden acceder ao texto da convocatoria na seguinte ligazón: Orde do 10 de maio de 2023

No documento seguinte poden acceder aos aspectos máis relevantes da convocatoria. Acceso ao documento resumo

 

O FSE+ cofinancia o Programa de Diversificación Curricular

O Programa FSE+ Galicia 21-27, a través da operación PDC-PMAR Curso 22-23, cofinanciará nun 60% as horas lectivas das materias incluídas no Programa de Diversificación Curricular (PDC) de 3º da ESO do IES de Fene.

Último relatorio do ciclo ContandoCiencia

O próximo martes 9 de maio ás 19:30 h. na Casa da Cultura do Concello de Fene terá lugar a última charla deste curso a cargo da enxeñeira de camiños María Canosa e falaranos da evolucióndas constricións civís coa charla “Máis vale maña que forza”.

María Canosa foi Directora de Proxectos no Centro de Coñecemento da Costa da Morte. Dende o seus inicios compaxinou o seu traballo como enxeñeira coa súa faceta de escritora así como a de guionista de distintos programas da TVG. Dalgunhas das súas obras fixéronse adaptacións teatrais. Colabora como articulista en La Voz de Galicia.

Musiqueando 2023

O pasado xoves 27 de abril celebrouse en todo o país o festival Musiqueando. Esta iniciativa pretende dar visibilidade á música que se fai nas escolas e para iso o alumnado sae á rúa a tocar.

No caso do IES de Fene levamos xa bastantes anos participando nesta iniciativa da man da profesora Bárbara Mourelo e contando sempre coa colaboración do concello de Fene.

Este ano  o alumnado de 2º e 4º de ESO e 1º e 2º de bacharelato baixaron desde o instituto ata a praza do concello para mostrar aos veciños que se achegaron a velos ou que simplemente pasaban por alí, o que aprenden nas clases de Música.

Foi unha mañá marabillosa que encheu de ledicia o centro do concello de Fene.

Enlace á nova no xornal Diario de Ferrol

Charla "A voz da muller STEM "

O pasado venres 14 de abril, o alumnado de Economía de 1º de bacharelato e 4º da ESO acudiron á charla impartida por Carmen Figueroa, veterinaria e experta en hixiene e seguridade alimentaria, dentro o ciclo de charlas organizadas polo xornal La Voz de Galicia.

Fonte: la Voz de Galicia

Foi unha charla de unha hora de duración onde a ponente falou do seu currículo formativo e laboral, demostrando que non só os estudos determinan o noso futuro profesional, senón que as inquietudes persoais e os gustos e aficcións tamén son determinantes e contribúen á nosa realización persoal e laboral.

Carmen Figueroa estudou en Lugo, licenciándose en Veterinaria pola USC pero o seu interese pola alimentación levouna a crear o blogue "Me alimento, luego existo". Antes adicouse á investigación científica (estudo de enfermidades neurodexenerativas e investigación no Departamento de Oncoloxía e Hematoloxía da Universidade de Columbus en EEUU), á revisión lingüística de publicacións científicas, a diversas cuestións de saúde alimentaria e saúde pública, implantación de sistemas de xestión de calidade no ámbito empresarial e xestión da súa propia empresa consultora, sendo tamén auditora e profesora en ciclos de Hostelaría e Turismo, diversificando así enormemente a súa formación inicial como veterinaria.

A traxectoria referida culmina coa creación da súa propia empresa, coa que actualmente está a levar a cabo diversos proxectos como este do que desfrutamos no noso centro, a divulgación da importancia das actividades científicas fronte á desinformación e as "fake news".

Fonte: la Voz de Galicia

 Enlace á charla na páxina de Facebook do programa Prensa-Escuela

 

Celebración do Día da Natureza

Hoxe no IES de Fene celebramos o I Día da Natureza. Esta celebración parte da idea de crear unha zona axardinada con árbores froiteiras e ornamentais, na finca colindante co terreo do centro, propiedade do concello, e que xuntos formaban parte dos antigos terreos do Pazo de Barallobre. Contamos para isto coa colaboración do concello de Fene que nos facilitou as árbores e asesorou e axudou na plantación.

Nesta ocasión participou o alumnado de 1º e 2º de ESO plantando unha árbore por cada grupo, unha camelia xapónica "high fragans", unha cerdeira, unha guaiaba e un mandarino clementino, co compromiso de coidalas mentres estean estudando no centro. Aproveitaron a ocasión para ler poemas que teñen como tema a natureza e a continuación disfrutaron dun tempo de diversión participando en diversos xogos tradicionais como a petanca, mariola ou o brilé.

Tamén estiveron presentes na celebración un grupo de alumnos do CM de Soldadura e Caldeiraría que nunhas semanas participarán na XI edición de Hiperbaric Challenge

Beatriz Hervella, este xoves na Casa da Cultura de Fene

Será este xoves 20 de abril ás 19:30 horas na Casa da Cultura de Fene, co seu relatorio "Cambio Climático en Galicia".

Licenciada en Física de Partículas pero o seu amor pola materia optativa –Física de Fluídos- levouna ata o departamento de  Física do Lineal da USC. Alí, cos seus integrantes crearon MeteoGalicia, onde traballou 12 anos, e 10 deles dedicounos a elaborar e presentar a información metereoloxíca da Televisión de Galicia. 

Máis adiante creou  “4gotas atmósfera y océano SL”. Traballou en biometeoroloxía, en Whatoweather - unha app de balde que mezcla tempo e moda-, e en  divulgación meteorolóxica, faceta que segue a ser prioritaria.

Na actualidade traballa na área Internacional da Organización Meteorolóxica Mundial. 

 

 

Vista de docentes e alumnado de Lodz, Polonia, na ultima semana de marzo

Do 27 ao 31 de marzo estiveron con nós un grupo de docentes e estudantes polacos da cidade de Lodz desenvolvendo un proxecto acerca de Economía e creación de empresas xunto con alumnado do IES de Fene de 1º de bacharelato. Simularon crear innovadoras empresas por parte de varios equipos compostos de estudantes de ambos países. Tamén visitaron a cidade de A Coruña e os museos científicos e asistiron ao festival "A mocidade coa lingua" o xoves. Foi unha experiencia moi enriquecedora para a comunidade educativa, como todas nas que se participa xunto con alumnado e profesorado doutros países

     
      
 

 


 

Participación no festival A Mocidade coa Lingua

Un ano máis o grupo do IES de Fene, Arredemo, participou no festival A Mocidade coa Lingua que tivo lugar no auditorio de Ferrol o pasado xoves 30 de marzo. Este festival, que vai xa pola trixésima edición, está organizado pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e ten como un dos seus obxectivos sensibilizar á mocidade da nosa comarca da importancia de manter a nosa lingua como medio de expresión cultural.

O grupo Arredemo naceu no IES de Fene alá por 2008 e os seus compoñentes van cambiando a medida que van pasando polo centro. Este curso está formado por Antón (guitarra), Alexia (baixo), Alba (batería) e Sara e María (voces), todos eles alumnado de 3º de ESO e 2º de bacharelato. Ademais nesta edición estiveron acompañados aos xilófonos polos compañeiros e compañeiras da materia de Linguaxe e Práctica Musical 1º de bacharelato.

 

 

Acceso a información publicada no Diario de Ferrol

Recepción no concello de Fene aos Robots do Pazo

O pasado martes 28 de marzo o equipo participante na IX edición da First Lego League Galicia, "Os Robots do Pazo", forón recibidos polo alcalde e membros da corporación do concello de Fene nun recoñecemento ao traballo realizado e aos logros acadados, Premio Xunta de Galicia ao Proxecto Científico e Nomemento para o National Innovation Award. Xunto ao equipo estaba a súa adestradora, a profesora de Tecnoloxía Juana Polo, os profesores de Matemáticas Laura Vilariño e Raúl Veiga, representantes da dirección e as familias dos rapaces e rapazas que forman o equipo.

O alcalde mostrou o orgullo que sinte o Concello polos logros acadados e felicitou aos rapaces e á comunidade do IES de Fene polo traballo realizado.

Enlace á entrevista a Juana Polo na Fenestra de Radio Fene

Vacacións de Semana Santa

Durante o periodo correspondente ás vacacións de Semana Santa, este centro permanecerá pechado. Mentres tanto pode vostede contactar no seguinte enderezo electrónico: ies.fene@edu.xunta.gal

Retomarase a actividade normal o próximo martes 11 de abril.

Bolsas do MEFP para o curso 2023/24

O Ministerio de Educación e Formación Profesional (MEFP) publicou, no BOE do 17/03/2023, o Anuncio da Convocatoria de bolsas de carácter xeral para o curso 2023/24 para estudantes que cursen estudos postobrigatorios.

 

Continúa o ciclo de relatorios ContandoCiencia

Será este xoves 9 de marzo ás 19:30 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene.

Nesta ocasión, Fran Canosa, doutor en Xeoloxía e director científico do proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal, dará a charla: “Galicia, un paraíso xeolóxico”.


Canosa foi docente na Universidade de Oviedo durante 2 anos. Máster en recursos xeolóxicos e xeotécnia.
Ampla experiencia investigadora na Universidade de Salamanca e Oviedo. Estadía de investigación na Université Henri Poincaré de Nancy (Francia). Promotor e guía das XeoRutas en máis de 10 concellos de Galicia.
Dende o 2013 organiza ca SGE (Sociedad Geológica de España) o "Geolodía" nalgunha das catro provincias galegas.
Docente dos cursos anuais da AEPECT (Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra) en Galicia. Docente colaborador dos sete CFR (Centros de Formación e Recursos) e o CAFI da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Creador do programa educativo "Descubrindo as rochas que pisas", impartido en máis de 100 centros de ensino de Galicia.
Autor de varias publicacións de divulgación de xeoloxía, pero tamén de investigación en revistas científicas internacionais
https://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com/

Os Robots do Pazo gañan o Premio ao Proxecto de Innovación na FLL Galicia

O equipo "Os Robots do Pazo", formado por alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO do noso IES participou este sábado na First Lego League Galicia onde acadou o Premio Xunta de Galicia ao Proxecto de Innovación e foi nomeado para o National Innovation Award.

Esta competición, organizada en Galicia pola UDC, celébrase todos os anos no Campus Industrial de Ferrol e ten como eixe a robótica, pero vai moito máis alá xa que ademais de construir un robot con pezas de Lego e programalo para que cumpla unha serie de misións, sempre lanza un desafío, este ano nomeado SuperPowered, sobre o que os participantes deben investigar e desenvolver unha solución innovadora. A proposta do equipo do IES de Fene foi unha terraza "ecofriendly" calefactada con chan radiante mediante placas fotovoltaicas e bomba de calor.

Ademais de todo o anterior tamén se poñen en xogo os valores de equipo, compañeirismo, respecto entre eles e cos demais equipos e, nesta ocasión, tamén os medioambientais. Neste aspecto o equipo quixo deixar moi claro que o desenvolvemento enerxético e tecnolóxico non pode levarse a cabo a calquera prezo e resaltou a importancia de ser respetuosos coa sociedade e o medioambiente.

Cabe destacar a magnífica defensa do proxecto que fixeron os participantes, motivo polo que foron felicitados polo tribunal.

Parabéns ás rapazas e rapaces do equipo polo gran traballo que realizaron desde outubro e ao profesorado polo seu compromiso e dedicación.

Imaxe dos Robots do Pazo. Cedida por Inés Piñeiro

Enlace á noticia en La Voz de Galicia

Distribuir contido