Calendario probas libres Formación Profesional

Pode consultarse premendo aquí

 

Programacións probas libres: APH  MMM  EAE

Convocatoria extraordinaria 2º de bacharelato. Calendario de exames

Os días 5, 6 e 7 de xuño terán lugar os exames da convocatoria extraordinaria de 2º de bacharelato. No seguinte enlace poden consultarse os horarios.

Enlace ao documento

Gradación dunha nova promoción de bacharelato

O pasado xoves 16 de maio tivo lugar o acto de gradación do alumnado da promoción 2022-2024 de bacharelato, que rematou este ano a súa última etapa no IES de Fene.  Foi un acto moi emotivo no que participaron, ademais dos propios protagonistas, as familias, profesorado, dirección e concello coa presenza do alcalde Juventino Trigo. As intervencións dos delegados, titoras, alcalde e director do centro estiveron cheos de risas, recordos e bos desexos para todo o alumnado e foron moi aplaudidas. Ademais proxectouse un vídeo moi emotivo, editado por Zaira López, alumna de 2º de bacharelato, no que se resume a traxectoria do alumnado ata o momento actual, e que emocionou a moitos dos que estabamos presentes na celebración. O acto finalizou coa entrega de orlas, diplomas e recordos do seu paso polo centro.

A comunidade do IES de Fene deséxalles moita sorte nas probas de acceso á universidade, que se desenvolverán nun par de semanas, así como na nova etapa que van a comezar.

 

 

Vídeo editado por Zaira López Primoy, alumna de 2º de bacharelato do IES de Fene

Convocatoria do fondo solidario de libros de texto e axudas para material escolar. Curso 2024-2025

 

O luns 20 de maio (Orde do 7 de maio de 2024) publicouse no DOG a convocatoria do fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas a alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial no próximo curso 2024-2025.

O prazo para presentar solicitudes remata o 21 de xuño de 2024.

Poden acceder ao texto da convocatoria na seguinte ligazón: Orde do 7 de maio de 2024 (DOG do 20 de maio)

Poden acceder aos aspectos máis relevantes da convocatoria na seguinte ligazón: Circular fondo solidario de libros de texto e axudas para material escolar

 

Concursos organizados polo departamento de Matemáticas

TOUR DAS MATES

O Tour das Mates é unha competición de cálculo mental que se divide en dúas fases, a primeira no centro educativo e a segunda a nivel provincial. Na fase interna do centro adícase un día á semana, os cinco primeiros mínutos da clase, a resolver unha lista de operacións e as marcas conseguidas envíanse á organización do concurso. Na fase provincial participan os cinco corredores máis rápidos de cada centro. Este ano o IES de Fene participou con todo o alumnado da ESO e, voluntariamente, o de bacharelato. Os cinco mellor clasificados participaron na fase provincial que se celebrou no IES Fernando Wirtz de A Coruña.

XXXVI OPEN MATEMÁTICO.

Este concurso desenvólvese dentro do Club de Ciencias e está baseado na resolución de problemas organizado polo Colectivo Frontera de Profesores de Matemáticas de Requena (Valencia). Cada ano ten como fío condutor unha temática diferente que nesta ocasión era a Arqueoloxía e as Matemáticas. Contamos coa participación de 27 estudantes.

CONCURSO DO DÍA DE PI

Este curso, o reto proposto polo departamento de Matemáticas e o Equipo de Normalización da Lingua Galega do IES de Fene consistiu en elaborar un vídeo en galego de entre minuto e medio e dous minutos e medio de duración e no que se explicara algo relacionado coas Matemáticas e ademais facer referencia ao número pi. A participación podía ser individual ou por parellas.

 

Parabéns a todos os gañadores!!

 

Musiqueando 2024

O pasado 25 de abril as clases de Música volveron saír á rúa pola celebración coñecida como Musiqueando, que reivindica a importancia das ensinanzas de Música na educación secundaria. Nesta ocasión as actuacións desenvolvéronse no salón de plenos do concello de Fene que como ven sendo habitual colabora con IES de Fene cedendo as instalacións e axudándonos no desprazamento.

Deixamos un pequeno vídeo como mostra desta actividade e felicitamos ao alumnado e á súa profesora Bárbara polo marabilloso traballo desenvolvido.

 

II Día da Natureza no IES de Fene

O pasado venres 20 de abril no IES de Fene celebramos o II Día da Natureza. Esta celebración, iniciada o curso pasado, parte da idea de crear unha zona axardinada con árbores froiteiras e ornamentais, na finca colindante co terreo do centro, propiedade do concello, e que xuntos formaban parte dos antigos terreos do Pazo de Barallobre. Contamos para isto coa colaboración do concello de Fene que nos facilitou as árbores e asesorou e axudou na plantación.

Nesta ocasión participou o alumnado de 1º de ESO plantando unha árbore por cada grupo, unha moreira e un capudre, co compromiso de coidalas mentres estean estudando no centro. Aproveitaron a ocasión para ler poemas que teñen como tema a natureza e a continuación disfrutaron dun tempo de diversión participando en diversos xogos tradicionais como a mariola, a corda ou o brilé.

Tamén estiveron presentes na celebración un grupo de alumnos do CM de Soldadura e Automoción que nunhas semanas participarán na XII edición de Hiperbaric Challenge. A eles correspondeulles apadriñar unha oliveira en lembranza dos sucesos que están tendo lugar en Palestina.

 

 

 

Festival A Mocidade coa Lingua

Un ano máis o grupo do IES de Fene, Arredemo, participou no festival A Mocidade coa Lingua organizado, como en anteriores ocasións, pola Coordenadora de Equipas de Dinamización da Lingua Galega. Nesta ocasión estiveron acompañados cos xilófonos do grupo de alumnos e alumnas de 2º de bacharelato e dirixidos, como de acostume, pola profesora de música Bárbara Mourelo. Noraboa ao grupo completo pola súa actuación.

Nova charla da Escola de Familias

Este vindeiro venres 3 de maio desenvolverase a última sesión da Escola de Familias do IES de Fene. A charla dará comezo ás 16:30 no salón de actos do edificio A e xirará en torno ao benestar emocional na adolescencia e as estratexias para promover un desenvolvemento san.

AXUDASLE: Resolución provisional de alumnado admitido e remisión de documentación

Onte día 23 de abril foron publicadas as listaxes provisionais de alumnado seleccionado e suplente e a listaxe de solicitudes que precisan remisión de documentación relacionada coas comprobacións segundo o establecido no artigo 8.1 (apartados c,d,e,f), segundo o establecido no artigo 16.3 da Orde do 29 de xaneiro de 2024 pola que se convocan axudas para a realización de actividades formativas en linguas estranxeiras no ano 2024, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG do 12/02/24) que se poden consultar na web da convocatoria http://www.edu.xunta.gal/axudasle e no Portal Educativo https://www.edu.xunta.gal/portal/node/42968 

Este xoves volta ContandoCiencia !

Será este xoves 25 de abril, coma de costume ás 19:30 horas na Casa da Cultura do Concello de Fene. Entrada de balde.

Nesta ocasión Javier Pedreira, “Wicho”, informático e autor de Microsiervos falará sobre "Os valores de casa para andar pola rede”.

Javier Pedreira é responsable de informática dos Museos Científicos Coruñeses e un dos creadores de Microsiervos, uns dos blogs sobre ciencia e tecnoloxía máis lídos en español.

É tamén coautor do libro "Los nativos digitales no existen" e colaborador habitual de medios de comunicación como El País, cadena SER, a revista "Muy Interesante" e outros, así como da plataforma de divulgación científica Naukas.

 

 

Somos un pobo de artistas!!

O pasado 22 de marzo, como broche ao segundo trimestre, o departamento de Lingua Galega e Literatura do noso centro, organizou un encontro do alumnado de 3º ESO e 1º de bacharelato co cantante, escritor, actor e profesor Xurxo Souto para falar sobre Luisa Villalta, escritora homenaxeada nas Letras Galegas 2024. Foi unha experiencia marabillosa; falounos da estreita relación entre a música e a literatura, de como moitos dos poemas de autoría galega, Pondal, Rosalía ou Curros foron musicados e versionados por moitos artistas galegos. Trouxo á nosa memoria temas de Los Tamara con Pucho Boedo ou Andrés do Barro, que moitos cantamos. O alumnado e o profesorado presente disfrutou dunha actividade educativa e lúdica por igual. Ademais deixounos a súa dedicatoria no libro de firmas da nosa biblioteca.

Resolución definitiva bolsas NEAE 2023-24

Poderán consultarse as resolucións e listados na seguinte páxina:

https://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/general/05/050130/ficha/050130-2023.html

 

RECURSO DE REPOSICIÓN

- Cando se pode interpoñer? Cando a bolsa foi denegada ou cando non estamos de acordo coa contía asignada. Tamén podemos presentalo cando nos denegaron a bolsa por non presentar a documentación que nos requirían. Podemos presentar agora a documentación que nos solicitaban.

- Cal é o prazo para interpoñelo? Desde o día 10 de abril ata o día 9 de maio de 2024.

- Cómo se pode interpoñer? Imprima o documento que se pode descargar aquí , leao con atención , cúbrao e xunto con toda a documentación que considere necesaria ou que lle requiren presenteos a través de:

Xeito presencial:

  • REXISTROS DA ADMINISTRACIÓN DO ESTADO

  • REXISTROS DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

  • REXISTROS DO CONCELLO E DA DEPUTACIÓN

  • CORREO POSTAL (ORDINARIO E CERTIFICADO)

 

Xeito telemático:

Vacacións de Semana Santa

Comunícase que este centro permanecerá pechado durante o periodo estival. Voltamos o martes 2 de abril en horario normal.

Ata aquela poden contactar a través do enderezo electrónico ies.fene@edu.xunta.gal

 

Os Robots do Pazo gañan o National Innovation Award

Os Robots do Pazo, o equipo do club de ciencia do IES de Fene, que hai dúas semanas conseguiu o Premio Xunta de Galicia ao Proxecto de Innovación na pasada edición da First Lego League Galicia, ven de acadar un novo galardón, nesta ocasión a nivel nacional. Trátase do National Innovation Award, premio ao mellor proxecto de innovación dos 33 eventos celebrados en España nesta edición 2023-24.

O seu proxecto, Tocando as Meninas, trata de achegar a arte ás persoas con diversidade funcional a nivel visual. A inspiración para este traballo naceu nunha visita ás Meninas do barrio de Canido, cuxo impulsor, Eduardo Hermida, está decidido a colaborar co grupo do Pazo. Ademais conta co apoio da ONCE.

Vídeo de presentación do proxecto Tocando as Meninas

Unha vez máis felicitamos a este grupo de alumnado e profesorado polo traballo realizado e os éxitos acadados.

A continuación deixamos os enlaces ao vídeo de presentación do equipo e ás novas sobre o equipo na prensa local.

Vídeo de presentación dos Robots do Pazo

Nova no Diario de Ferrol

Nova en La Voz de Galicia

Distribuir contido