Novas

1º Educación Infantil visita os CEIPs

O pasado 23 de xaneiro o alumnado de 1º do CS de Educación Infantil conviviu cos nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos dos colexios de Educación Infantil e Primaria da contorna: CEIP Laredo, CEIP Alexandre Bóveda e CEIP Igrexa (Chapela) e CEIP Frián de Teis (Vigo). A experiencia resultou estupenda, contamos contos, fixemos teatro de sombras, cantamos cancións, participamos en actividades de psicomotricidade e xogamos a todo o que os rapaces e rapazas nos ensinaron!!! Grazas a todos os colexios pola súa acollida e por deixarnos vivir unha experiencia tan lúdica e educativa.

Concerto Dúas e Exire - Santiago de Compostela

     
 
Os días 25 e 26 de xaneiro, arredor de 100 alumnas e alumnos de 2º ESO e 3º ESO, asistiron ao Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela a escoitar o concerto Todo é percusión, interpretado polo dúo de percusión Dúas acompañado de dúas bailarinas de arte contemporánea, Exire. Dúas e Exire ofrecéronos unha selección de temas nos que xuntaron danza e percusión nunha perfecta simbiose que pretendía amosar os ritmos vitais que nos acompañan día e día. Deixámosvos un enlace onde podedes ver íntegro o espectáculo Todo é percusión. O Departamento de Música agradece o apoio da ANPA e o do propio IES Chapela para costear o transporte ata Santiago, ademais da participación na saída das profesoras Carolina e Ana Belén.   

Novidades Biblioteca - Xaneiro 2018

Concerto The Lollipops - Santiago de Compostela

 

Hoxe, 24 de xaneiro, o alumnado de música de 4º ESO, 1º e 2º Bacharelato, asistiu ao Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela a escoitar o concerto A Música Vocal, interpretado polo trío vocal As Lollipops, acompañadas do pianista Cristian Leggiero. As Lollipops está formado por tres voces femininas que interpretaron temas relacionados co swing, pop, rock and roll, gospel, soul, jive, R&B e mesmo rock alternativo. Deixámosvos un enlace da súa interpretación do tema Creep, de Radiohead.

Olimpíada Matemática Galega - 2018

   
       

Ania Lampón (2º Bach), Adrián Durán (1º Bach) e Uxío Albá (2º Bach), viaxaron ata Santiago no día de hoxe, 19 de xaneiro de 2018, para participar na Olimpíada Matemática Galega - 2018 que se celebra na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. Desta fase galega, na que están presentes centos de alumnas e alumnos de toda Galicia, sairán os tres representantes para a LIV Olimpiada Matemática Española.

Ademais de pasar varias horas, mañá e tarde, tentando resolver problemas, Ania, Uxío e Adrián, puideron facerse unha idea de como funciona a vida nun campus e descubriron algún recuncho de Compostela guiados por todo un experimentado cicerone como é o profesor de matemáticas, Aldán Santamarina. Moita sorte e moitas grazas aos tres por representar ao IES Chapela.

Ciclo de conferencias ALIMENTACIÓN SAUDABLE - Nutrición infantil

Continúa o ciclo de conferencias ALIMENTACIÓN SAUDABLE que se desenvolverá ao longo do curso 2017/18 no IES Chapela e que se iniciou o 4 de decembro do pasado ano. Hoxe, 15 de xaneiro de 2018, o alumnado de Dietética puido asistir á segunda charla do ciclo. Nesta ocasión o tema presentado xirou en torno á Nutrición infantil, e foi impartido pola nutricionista Natalia Albino Quirós e a dietista Patricia Dios Coto. Ambas as dúas profesionais formáronse no IES Chapela.

Boas festas con Luís Prego

O profesor de música tradicional Luís Prego estivo o 20 de decembro co alumnado de Educación Infantil e APSD para cantarlles e contarlles todo o que a música pode facer en nós. O alumnado e profesorado que participou quere compartilo con toda a comunidade escolar do IES Chapela para desexarnos unhas boas festas e un vindeiro 2018 de esplendor. Aquí os deixamos bailando o Don Melitón, abrazándose e bicándose ao son da música e o baile. Recomendámosvolo para estes días.

  

1º Mercado de Troco Modular

   

O 20 de decembro tivo lugar o 1º MERCADO DE TROCO MODULAR, organizado e xestionado polo alumnado do módulo de Destrezas Sociais do ciclo APSD Modular. A xornada foi exitosa, o alumnado trocou libros, filmes e música facendo uso das súas papeletas... aínda que algúns quedaron sen poder facelo, non trocaron xa que non achegaran nada antes! Mirade os datos: 159 libros, películas e música recollida; 89 trocos realizados; 17 persoas trocando. O alumnado que non trocou propón que se realice outro día de troco... cando o faremos? Esperamos que para a  próxima  non  quedes en "fóra de troco".

Estatísticas 1ª Avaliación - 2017/2018

ACROSPORT no IES Chapela

Ofrecemos aquí unha mostra dos exercicios de acrosport realizados polos alumnado de ESO e Bacharelato na materia de Educación Física coa profesora Lucía Ferreiro. O acrosport é unha modalidade deportiva que combina acrobacia e coreografía e no que están presentes elementos de forza, flexibilidade, equilibrio, danza... Mais sobre todo é unha actividade de grupo na que cada persoa adopta un rol necesario para conseguir a harmonía e coordinación do colectivo. Parabéns ao alumnado de Chapela pola súa creatividade, implicación e esforzo. Todo un exemplo do que significa traballar en equipo.

 

    

    

Distribuir contido