SOLTA DE LIBROS

16/05/2008 12:25
16/05/2008 14:00

 

 

O IES de Brión fará a I Solta de libros o día 16 de maio cunha alta participación do alumnado do centro.

Baseándose no concepto de ver o mundo como unha gran biblioteca global, o Bookcrossing, ou solta de libros, busca favorecer o intercambio gratuíto de lecturas. A actividade é concibida no IES de Brión como un xogo de intercambio de lecturas no que cadaquén pode liberar un libro para recoller outro. Poden participar alumnos, profesores ou persoal non docente. Cada participante liberará un libro en galego que previamente será rexistrado polo profesorado de Lingua Galega para contabilizar os libros que se mobilizan e levar un control sobre as lecturas.

A solta farase polas instalacións do centro para buscar a visibilidade dos libros e procurar o interese dos alumnado polo seu intercambio e a súa lectura. Faranse lecturas de textos de Xosé María Álvarez Blázquez, o autor homenaxeado polas Letras Galegas 2008.

O principal obxectivo é fomentar a lectura entre o noso alumnado favorecendo o intercambio de libros de xeito gratuíto.

Procúrase, así mesmo, achegar ao alumnado a valoración do libro como obxecto de interese non só a nivel cultural, senón tamén como agasallo estético ou riqueza persoal.