Sapoconcho XL. Obradoiro

O pasado mércores día 9 de novembro, e logo dun corto período de posta a punto, inauguramos o Polo Creativo do noso centro cunha colaboración con Bricolabs, os Museos Científicos da Coruña e AMTEGA. Esa tarde, un grupo de alumnos e alumnas de diferentes cursos tiveron a oportunidade de participar na montaxe dun total de 20 robots de hardware e software libre.
Sapoconcho XL, que así se chama o robot, ten un chasis impreso en PLA, contrólase mediante unha placa Arduino, desprázase sobre dúas rodas conectadas a motores de corrente continua e está dotado de sensores de infravermellos e ultrasóns.
O material para construír os robots foi cedido por AMTEGA a través cun proxecto de colaboración coa asociación Bricolabs para a difusión do hardware e o software libre nos centros de ensino.
Entre as novas actividades do noso espazo de creación figura, loxicamente, rematar a montaxe destes robots, programalos, e, quen sabe, tal vez ata organizar algunha proba ou competición.