ANXO CARRACEDO VISITA O IES DE BRIÓN

O pasado xoves 27 de maio, Anxo Carracedo veu dar unha charla ao instituto para os alumnos e alumnas de cuarto da ESO. Anxo é un catedrático en medicina legal, investigador e xenetista galego, máis concretamente de Santa Comba, aclamado e recoñecido internacionalmente debido ao seu compromiso profesional e a súa capacidade laboral. El e o seu equipo traballan constantemente en numerosos casos a nivel mundial e son o centro de labor punteiro forense do mundo, algúns dos casos máis famosos nos que traballaron son: as nenas de Alcasser, o 11 M, a operación Minstead (na que colaborou co goberno británico), o tsunami asiático de 2004 e o 11 S entre outros. Nestes traballos participa analizando probas e restos xenéticos que aparecen nas escenas do crime, axudando así a atopar datos para incriminar aos culpables.

A parte do seu labor na medicina forense, é tamén director de moitas organizacións e proxectos científicos de carácter internacional, dentro destes encontramos moitos orientados a psiquiatría, máis concretamente a trastornos como o TDH e a esquizofrenia. Grazas a todos estes logros laborais, Anxo Carracedo está nomeado este ano ao premio Príncipe de Asturias o cal supón outra meta cumprida na súa carreira.

Durante toda a charla, Anxo transmitiunos a paixón e dedicación que pon no seu traballo día a día, incentivándonos así tamén a nós a traballar de algo que nos encha e que sexa a nosa verdadeira vocación. Outros aspectos a destacar da súa persoa son a humildade ca que fala, cousa que a pesar da súa importancia como profesional nunca perde, e a súa capacidade na oralidade a cal fai que entender ao que se dedica e como o fai sexa moi doado. Por todo isto e por moitas máis razóns, Anxo é un modelo a seguir e un exemplo de que con esforzo, dedicación e paixón polo que fas podes chegar tan lonxe coma el.

Carolina Cambeiro 4ºESO A