25 de novembro, Día Mundial contra a Violencia de Xénero.

O pasado venres conmemorouse o Día Mundial contra a Violencia de Xénero. No noso IES foron varias as iniciativas que se levaron a cabo para berrar, con máis forza se cabe que nos outros 364 días do ano, o noso rexeitamento a tódalas formas de violencia que sofren as mulleres e as nenas polo feito de selo.

Neste vídeo podedes ver o fantástico traballo do alumnado de 1º de Bacharelato da materia de Volume, feito coa colaboración do de Educación Plástica, Visual e Audiovisual de 4º de ESO.

Ao longo de todo o corredor da entrada temos carteis de cor morada no cal toda a comunidade educativa pode expresar os seus sentimentos, pensamentos, etc, sobre o machismo e a violencia de xénero.

No segundo recreo todo o alumnado, o profesorado e persoal non docente xuntámonos no patio para celebrar un pequeno acto de reflexión e de rexeitamento da violencia machista. Andrea Raña de 1º de ESO e María Gramunt de 1º de Bacharelato leron dous poemas relacionados co tema:

Ao longo de toda a mañá estívose proxectando no corredor que leva á sala de profesorado este audiovisual realizado polo alumnado de Educación Plástica, Visual e Audiovisual

E como non, tamén Radio emBrión quixo facer un programa especial. Nel participou Pilar Martínez, psicóloga dos Servizos Sociais do Concello de Brión, que charlou sobre violencia de xénero con Alba Gil de 2º de Bacharelato, Sara Molinos de 1º de ESO, Xosé Lois de 1º de Bacharelato e Manuel Fernández de 1º de ESO.

Nas semanas previas a esta data dende o Concello nos presentaron, nos distintos niveis da ESO, o Plan de Igualdade municipal. Tamén nas titorías se traballou no fomento da igualdade de xénero e o rexeitamento da violencia. Porque o 25 de novembro é unha data un pouco máis sinalada, pero no IES de Brión cremos en 365 días de respecto e igualdade.