Charla sobre hixiene bucodental

Ed. Primaria

O alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria asistiu a unha charla de hixiene bucodental impartida polas enfermeiras María José Molejón e Antía Hermida. A disertación versou sobre a importancia das pautas alimentarias para unha correcta e boa hixiene e saúde, tanto dental como integral do corpo humano.

Así mesmo, tamén lles falaron da importancia do exercicio físico, así como doutros elementos e pautas clave no desenrolo do seu organismo, tales como o non usar pantallas e dispositivos móbiles mentres se está comendo.

Día Mundial da Arte

Ed. Infantil e Primaria

Como cada ano o alumnado de Infantil e Primaria conmemorou o Día Mundial da Arte, homenaxeando a polifacética artista xaponesa Yayoi Kusuma. No vídeo podedes gozar coas súas obras.

Teratro Ed. Infantil

Ed. Infantil  Mestres Gandeiros

A contacontos Raquel Queizás, habitual intérprete de contos e teatro no noso centro educativo, estivo presente no noso centro escolar para realizar a función “Raposadas” para o alumnado de educación infantil, que puido desfrutar desta representación.

A raposa é moi lista, é moi curiosa. Gústalle vivir libre no monte, mais tamén achegarse á aldea para ver xogar ás nenas e aos nenos e escoitar os contos que lles contan na lareira.

Canta o galo, sae o sol. A raposa feliz achégase á aldea cantaruxando unha melodía. Vai visitar á galiña para que lle ensine adiviñas, vai escoitar os contos da señora Lela que vive preto da escola. Agarda polas nenas e nenos para xogar con carozos de millo, con paus e con pedras. Vaille botar unha carreira ao sapo e aprender con el traballos do campo.
Xa se pon o sol, a raposa ten que marchar. Para despedirse dela todos póñense a danzar.

Charla sobre Cultura Inglesa

Dep. Inglés

O alumnado da ESO asistiu a dúas charlas de cultura inglesa, divididas en sesións para primeiro e segundo da ESO e terceiro e cuarto da ESO , respectivamente, sobre aspectos culturais e sociais da cultura inglesa no contexto educativo. As charlas estiveron adaptadas ó nivel lingüístico do noso alumnado e foi de gran aproveitamento para a súa formación e coñecemento, tanto da linguaxe como dos aspectos típicos da sociedade británica e estadounidense, así como doutros países de fala inglesa.

Friulio 2024

Equipo Biblioteca  Mestres Gandeiros

Un ano máis o noso concello celebra o Friulio, a súa festa de recreación histórica castrexo-romana. Por iso, dende os obradoiros da biblio o alumnado de primaria afondou sobre as vestimentas e arquitecturas típicas destas dúas culturas elaborando un mural sobre ambas tendo de referencia o noso Río Narla.  E como non, tamén fixemos referencia ao gando típico da época (porco celta, cabras, cabalos...) en relación ao noso Plan Proxecta: Mestres Gandeiros. Aquí vos deixamos un vídeo ilustrativo do gran traballo dos nos@s nen@s!

LectoGandeiros

Equipo Biblioteca  Mestres Gandeiros

Este ano a nosa biblioteca conta co recuncho “LectoGandeiros”, onde os nen@s poden acceder a libros relacionados co mundo do rural e as actividades agropecuarias. Aquí vos deixamos algúns grolos de lectura destas obras!

Incubación de poliños

Ed. Infantil  Mestres Gandeiros

Ao noso cole chegaron uns novos compañeiros moi especiais, trátanse de ovos de galiñaque o propio alumnado de infantil vixía da súa incubación co obxectivo de que nazan pitiños. Desta forma, os nen@s adquiren a responsabilidade de controlar diariamente a humidade e temperatura dos ovos durante os 21 días que dura o proceso, aprendendo sobre o mesmo e desenvolvendo destrezas científicas.

Dámoslle as gracias ao equipo de infantil por permitirnos esta experiencia relacionada co Plan Proxecta Mestres Gandeiros, en especial á profe Patricia, quen se formou e conseguiu todo o necesario para poder levala a cabo.

Días das Artes Galegas

EDLG  Mestres Gandeiros

Este ano o Día das Artes Galegas foi dedicado a Francisco Asorey, escultor galego considerado un dos grandes renovadores da arte escultórica española do século XX. Con ánimo de afondar sobre a súa figura, o alumnado de 1º de primaria adentrouse na expresión artística deste autor recreando versións da súa escultura “O Tesouro” (1924), obra que enxalza a vida na aldea e a súa economía agrícola e gandeira, pois representa a unha muller co traxe típico das campesiñas e que sostén a un becerro que acaba de mercar na feira, unha imaxe moi típica do rural da época. Os nos@s pequen@s artistas practicaron a creación escultórica coa técnica do ensamblaxe empregando materiais reciclados a prol da arte sostible.

A viaxe de Rosalía

ANPA

O alumnado de 1º,2º,3º e 4º de educación primaria asistiu no Centro Sociocultural de Friol á representación da obra de teatro A Viaxe de Rosalía, a cargo da titiriteira Larraiz, nun evento que foi posible grazas á xentileza da ANPA do noso centro escolar. A obra realizouse coa interpretación de monicreques de mesa de grande talla artística, así como da manipulación de obxectos acompañados dunha música moi acaída, un vestiario fermoso e moi digno para a representación dos personaxes para coñecer a vida e obra de Rosalía de Castro.

FRANCISCA DO CAMPO leva século e medio contando a todo o mundo a historia da súa querida afillada ROSALÍA de CASTRO. Ela foi quen axudou a criala e quen compartiu as vivencias máis cotiás e entrañables. Cargada de maletas con teas, zapatos e moitas cousas queridas para ela, comparte con nós a traxectoria vital e artística dun símbolo irrenunciable para a cultura galega.

O Enredo do Abelleiro

Ed. Primaria  Mestres Gandeiros

O alumnado de 1° e 2° de primaria visitou o Museo Vivinte do Mel, tamén chamado "O Enredo do Abelleiro", en Arzúa. Alí escoitamos como é o marabilloso mundo da apicultura: os diferentes tipos de abellas, as súas funcións, ciclo de vida, as ferramentas e vestimenta do apicultor...Tamén aprendemos a fabricar candeas nun abradoiro con cera, e como non, probamos e envasamos o produto estrela das abellas: o mel!

Distribuir contido