Skip to main content

FAMILIAS

BIBLIOTECA HUMANA - PROGRAMA "LECTURA E FAMILIAS" #LecturaeFamilias #FamiliasnaBE #aBEtenapalabra #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

 

Xa estamos na fase final do proxecto "BIBLIOTECA HUMANA".

Un proxecto no que as bibliotecas escolares de Cedeira e o Concello unimos

esforzos para dar voz ao pobo, porque todas e todos temos algo que contar.

A oralidade é parte do noso patrimonio, reflexa a nosa identidade cultural e social,

a de todas as persoas que conformamos a vila: os de sempre, os que viñeron e os

que marcharon, pois todas/os imos deixando pegada e conformando a nosa sociedade.

A nosa rapazada de Antropoloxía de 1º de Bacherelato e o alumnado de 6º de Primaria,

están ultimando os preparativos para levar a cabo as lecturas e difundilas.

 

 

 

 

 

 

 

 

IV CONCURSO DE PODCASTS RADIO NA BIBLIO #Radionabiblio #ALFIN #AMI #LetrasGalegas22 #florenciodelgadogurriarán #bescolaresgal #bescolaresgalabertas @RadioGalega

 

A comunidade educativa do Nicolás estamos de parabéns!

O programa, Poemas Crioulos, presentado ao concurso de Radio na Biblio,

polas Letras Galegas, resultou gañador na convocatoria.

O podcast será difundido pola Radio Galega a  través da  páxina do Diario Cultural;

así mesmo, será difundido a través dos medios web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Chegado o momento será compartido no blog da BE "Carlos Labraña".

Moitos parabéns!!

 

 

 

 

 

 

V XORNADAS DE TEATRO ESCOLAR - CARTAZ #teatronaBE #aBEtenapalabra #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

 

O alumnado de 2º de Primaria ten o pracer de convidarvos

á representación da obra de teatro Mares de Cedeira.

Unha obra inédita de Carlos Labraña feita para a nosa biblioteca,

onde os protagonistas son Percebiño e os seus amigos/as.

Será o vindeiro 3 de xuño, con tres pases: 10:30 h, 12:30 h e ás 20:00 h.

 

 

 

Este será o resultado do traballo dun curso escolar con 47 persoas

miúdas en escea, pero grandes actrices e actores!

A rapazada será capaz de transmitirnos o mellor de si mesma,

trasladarnos a un gran problema medioambiental, coa axuda da linguaxe

corporal, as artes, a imaxinación e as palabras.

 

 

 

Veredes como solucionan problemas, traballan en equipo e ao

mesmo tempo poderedes comprobar como este curso

medraron en autoestima e confianza en si mesmos.

 


 

 

 

LECTURA E FAMILIAS "Libro de familia" #LecturaeFamilias #FamiliasnaBE #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

 

Este curso escolar, as bibliotecas escolares (BE Punta Candieira e BE "Carlos Labraña)

xunto co Concello de Cedeira, aunamos esforzos para poñer en marcha o proxecto:

Biblioteca Humana. Este proxecto foi seleccionado dentro da convocatoria de "Lectura e familias".

    

 

A BE "Carlos Labraña" é unha biblioteca LÍA e entre outras actuacións incide no

desenvolvemento de experiencias  de lectura para toda a comunidade escolar.

A experiencia creativa "Libros de familia" a cargo de Pablo Otero, permitiú traballar

historias cunha inmensa carga emotiva e crear un libro obxecto.

 

 

 

 

 

LECTURA E FAMILIA - PABLO OTERO #LecturaeFamilias #FamiliasnaBE #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Este ano a Asesoría de Bibliotecas convocou a primeira edición do programa

"Lectura e familias", que ten por obxectivo estimular o deseño e desenvolvemento

de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar.

Na biblioteca sempre pensamos en comunidade, cada vez que deseñamos un proxecto

ou actividade. Este ano, estamos no proceso de crear unha Biblioteca Humana coa

participación das nosas xentes, un proxecto entre as bibliotecas escolares e o Concello de Cedeira.

Comezaremos cunha proposta de formación. Se aínda non estás apuntado podes facelo!

Este venres, imos ofertar un recurso de formación e disfrute en familia,

a actividade ten por nome "Libros de familia" e estará a cargo de Pablo Otero.

Pablo Otero, naceu en Ourense en 1970, é un escritor, ilustrador e pintor galego.

Estudou na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

De seguro será unha gran oportunidade para asistir coa familia á biblioteca!

 

 

 

FLORENCIO DELGADO - VERBAS E RADIO #Radionabiblio #poéticasdiversasnabE #LetrasGalegas22 #florenciodelgadogurriaran #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Este ano o homenaxeado nas Letras Galegas é Florencio Delgado Gurriarán,

cronista, poeta e escritor que tivo que emigrar de Galicia na dictadura de Franco.

Marchou a México onde formou unha familia e continúo espallando as nosas verbas galegas,

aínda que non foi fácil e tivo que traballar en mil oficios.

Investigando nas súas creacións, atopamos unhas poesías moi creativas e ricas en verbas.

E como este ano, a biblioteca escolar ten a palabra, pois decidimos 

propoñer á comunidade educativa a creación de poemas crioulos.

En que consiste un poema crioulo? Pois tedes que crear un par de versos ou estrofa,

con algunhas palabras doutros países a onde emigraron moitos dos nosos avós/as e bisavoas/os

e moitos outros familiares, pois todos temos alguén: México, Uruguai, Brasil, Arxentina,

Cuba, Venezuela... e escoller un par de palabras típicas destes países,

xunto con palabras galegas, creando un par de versos con rima.

Atopadas as palabras e feita a poesía, tedes que enviala nunha mensaxe de

audio ao correo da biblioteca: biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

engadindo no texto o voso nome e apelidos e o país de onde escollestes as palabras.

Engadimos a ligazón a unha páxina con información e xogos sobre Florencio Delgado.

A primavera das Letras, onde atoparedes a biografía escrita por Ledicia Costas e ilustrada por Blanca Millán

e adaptada a un público infantil.

 

GRUPOS INTERACTIVOS - COMUNIDADES DE APRENDIZAXE #PlanLIA #Axenda2030 #FamiliasnaBE #bescolatesgal #bescolaresgalabertas

 

Ramón Flecha, catedrático da universidade de Barcelona é o creador do proxecto das comunidades de aprendizaxe.

Dentro delas, temos aos grupos interactivos, que pretenden  reducir conflitos e o fracaso escolar.

Apostando polo diálogo como forma de enriquecemento. Pero non son polvos máxicos é ciencia.

A investigación INCLU-ED, realizada en 15 países, entre eles España, demostrou que ante

diversas formas de organización de aula, os grupos heteroxéneos con familias voluntarias

dan os mellores resultados de aprendizaxe e convivencia

(pese a que a pandemia estragou a súa presencialidade, pero volverán).

Os grupos interactivos:

 

 

 

- AUMENTAN O NIVEL DO GRUPO.

 

-REDUCEN CONFLITOS.

 

O potencial da familia no entorno escolar, é un recurso que non se pode desaproveitar.

Fai uns anos que se realizan na biblioteca, dependendo do curso, semanalmente

ou quincenalmente. E tamén se empezaron a incorporar na formación de usuarios da biblioteca do inicio do curso.

 

Hai uns 5 grupos cooperativos na biblio que rotan cada 20 minutos.

En cada espazo da biblioteca hai 5 actividades diferentes organizadas.

En cada espazo hai un familiar adulto voluntario que se asegura de fomentar

o diálogo igualitario, asegurándose que todos dan a súa opinión.

A súa función é dinamizadora e o mestre programa, organiza e está presente

guiando e atendendo onde xorden dificultades.

Os voluntarios son moi bos reforzadores e cada un pode aportarlle diferentes modelos ao alumnado.

 

 

As familias voluntarias reciben un par de tardes de formación e asinan un contrato de confidencialidade.

 

 

A VIAXE DE PERCEBIÑO #diainternacionaldolibroinfantil #DILI22 #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Convidamos a toda a comunidade a participar na gravación do video clip

"A viaxe de Percebiño", baseada no libro de Quique Vázquez e Diego Cheda,

sobre educación vial.  Publicado no blog da BE "Carlos Labraña" ao comezo

da pandemia. Esta será a continuación dun proxecto inacabado.

Recordade que para participar hai que apuntarse.

 

 

 

MÚSICA, POESÍA E ESTRELAS! ROSALÍA DE CASTRO - PODCASTS Nº 4 #Radionabiblio #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Hoxe é festa! Celebramos o nacemento da nosa ilustre Rosalía de Castro!

Con aromas mariños, aquí tedes o cuarto podcast de Música, poesía e estrelas!

Un programa noso, feito por familias, alumnado e mestres.

A comunidade educativa en pe, berrando poesía!

O mellor agasallo para Rosalia, o maior legado para nós.

Parabéns Rosalía!!

 

 

MÚSICA, POESÍA E ESTRELAS! ROSALÍA DE CASTRO - PODCASTS Nº 3 #Radionabiblio #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

As verbas saen dos nosos beizos e seguimos adicando poesía.

Nestas datas Rosalía e a Radio Experimental son protagonistas.

Aquí vai o noso terceiro podcasts do programa: Música, poesía e estrelas!

Continuade nas ondas!

 

MÚSICA, POESÍA E ESTRELAS! ROSALÍA DE CASTRO - PODCASTS Nº 2 #Radionabiblio #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Aquí temos o segundo podcast para homenaxear a Rosalía de Castro,

desexamos que a voz dun pobo vos faga pasar un intre agradable,

que encha e quente corazóns e que manteña a expectativa para o vindeiro capítulo.

Parabéns Rosalía!!

 

 

BIBLIOTECA HUMANA #aBEtenapalabra #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

As bibliotecas e o Concello de Cedeira unimos os esforzos para dar voz ao pobo porque

todas e todos temos algo que contar. A oralidade é parte do noso patrimonio inmaterial,

reflexa a nosa identidade cultural e social, a de todas as persoas que

conformamos a vila: os de sempre, os que viñeron e os que marcharon,

pois todos/as imos deixando pegada e conformando a nosa sociedade.

 

Agradecemos a túa colaboración! Prema na ligazón e cubre o formulario.

 

 

 

MÚSICA, POESÍA E ESTRELAS! ROSALÍA DE CASTRO - PODCASTS Nº 1 #Radionabiblio #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Rosalía de Castro, semente, planta, árbore. Muller que fixo patria.

Levou a nosa bandeira por onde foi e non calou ante nada.

Berrou Galiza, espallou cultura, beleza, verdade, bondade, humildade...

Puxo nas verbas a fermosura dun pobo, das xentes, da natureza...

 

Fixo crítica social, non calou e dixo o que pensaba, pero tamén porque o pensaba. Puxo puntos en moitas "ies".

Defendeu á muller, a súa capacidade, liberdade, dereito a facer o mesmo que calquera home.

Escolleu un compañeiro de vida e tivo fillos, formou unha familia e deixou un legado,

as súas incomensurábeis obras e un puñado de herdeiros que tamén crearon e espallaron cultura,

porque a semente sempre agroma.

 

E na vila, no pobo tamén agromaron as súas verbas e puxéronsenos nos beizos e adicamos poesía,

doce poesía de Rosalia.

O facemos a través dun programa: Música, poesía e estrelas que toma a idea do antigo "Música y estrellas"

escoitado na radio fai bastantes anos pola zona de Cedeira, Cariño e Ferrol.

 

Serán unha serie de podcast (programas duns cinco minutos) nos que toda a comunidade

educativa adicará poesía a un familiar, amigo/a...

O programa estará guiado por locutoras e locutores, función que desempeñará

o alumnado de 4º e 6 de Educación Primaria.

 

Aquí vai o primeiro, desexamos que a voz dun pobo vos faga pasar un intre agradable,

que encha e quente corazóns e que manteña a expectativa para o vindeiro capítulo.

Parabéns Rosalía!!

 

 

 Música: Aerosol of my love deKevin MacLeod (incompetech.com) Licenciado baixo Creative Commons: por licencia Attribution 3.0

http://creativecommons.org/licenses/by/3.0/

 

LECTURA EN FAMILIA DENDE OS COMEZOS! #FamiliasnaBE #bibliotecasescolares #bescolaresgal

O noso alumnado máis pequerrecho tamén goza en familia da lectura.

Luns e xoves levan unha bolsiña cun tesouro para as súas casas:

un conto e un xogo relacionado coa temática.

Unha actividade que realizarán cos que máis queren para fomentar o pracer pola lectura,

deixar voar a imaxinación, crear novas historias e gardar estes intres como tesouros.

Pois sen darlle importancia estamos creando bos cimentos cara a lectoescritura,

deixando que as emocións xoguen un papel vital como en calquera aprendizaxe.

Os xoves as bolsiñas voltarán cheas de novas historias e vivencias.

Espallade pitufiñas e pitufiños!

PROXECTO: ROTEIROS EN FAMILIA! #ABP #ALFIN #AMI #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

O alumnado de 2º de primaria continúa poñendo en valor o noso patrimonio.

O proxecto "Roteiros en Familia" iniciado o curso pasado,

pretende coñecer en profundidade a nosa vila, da man das familias e do profesorado.

É unha actividade compartida onde teñen que atopar á mascota da nosa

biblioteca, o noso famoso percebe Percebiño!

Comezaron enviando unha carta ás familias.

Posteriormente, realizaron na aula virtual un xogo de fuga,

onde conseguiron pistas para a localización de Percebiño.

No transcorrer do xogo tiñan que documentarse na biblioteca,

preguntando a algún avó ou avoa... investigando.

Aquí temos a algúns deles na localización. Chegamos a Castro Sarridal!!




En breves as súas obras... Parabéns rapazada e familias!


 

 

ROTEIROS EN FAMILIA! #ABP #ALFIN #AMI #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

O alumnado de 2º de primaria, Duendes, Esquíos e Vagalumes

continúan coñecendo a vila e poñendo en valor o patrimonio.

Deste xeito, continúan propoñendo actividades para realizar en familia e solventar  o non

podelas ter máis presentes aínda na aula (polas restriccións sanitarias).

Nestes roteiros, as familias teñen que  atopar a Percebiño, a nosa mascota da biblioteca,

nun lugar da vila, en calquera das súas parroquias.

Desta volta, comezan superando un xogo virtual de fuga, sobre a nosa vila.

Superado o reto, conseguen pistas para a localización de Percebiño.

Comezan presentándonos o reto.

 

A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA! #Axenda2030 #FamiliasnaBE #bibliotecasescolares #bescolaresgal

E non será a pandemia quen nola quite!

Por este motivo e dadas as novas restriccións, o equipo de biblioteca decidíu

establecer un espazo para a conversa, dentro da aula virtual do centro.

Neste lugar son ben recibidos todas e todos,

a comunidade educativa ao completo: familias, alumnado e mestras/es.

Comezaremos con catro foros: dous para os clubes,

outro para o voluntariado de biblioteca e outro aberto a toda a comunidade educativa.

Agradecemos teñades en conta as normas de uso dos foros e

vos identifiquedes con nome e apelido.

É imprescindible a lectura e aceptación das normas de uso do foro para entrar en eles.

Podedes acceder dende aquí.

BIBLIOTECA HUMANA #aBEtenapalabra #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

As bibliotecas e o Concello de Cedeira unimos os esforzos para dar voz ao pobo porque

todas e todos temos algo que contar. A oralidade é parte do noso patrimonio inmaterial,

reflexa a nosa identidade cultural e social, a de todas as persoas que

conformamos a vila: os de sempre, os que viñeron e os que marcharon,

pois todos/as imos deixando pegada e conformando a nosa sociedade.

 

Agradecemos a túa colaboración! Prema na ligazón e cubre o formulario.

 

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O NADAL

Xa chegan as vacacións e ler é unha actividade de ocio ben divertida.

Quen quere viaxar coa imaxinación?

Aquí as recomendacións lectoras da BE Carlos Labraña.

 

Distribuir contido