Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

5º Educación primaria

As nosas historias de Gatiza: Lara e Daniela

Historia Gatiza de Lara

Ola, son Gatiza e son unha gata cun pasado bastante raro, vóuvolo contar.

Todo empezou un día na escola dos gatos. Era última hora e estabamos na clase de galego. Cando fun para casa, colléronme uns rapaces e leváronme para un laboratorio. Alí, os rapaces, que tiñan pinta de ser científicos e que estaban un pouco tolos, falaban dun experimento para o que precisaban un gato e o máis gordo dixo:

- Aquí temos un gato.

E metéronme nunha caixa cunhas cousas raras. Escoiteilles dicir:

- Este será o gato co que faremos o experimento do gato de Sridering.

E xa non me acordo de que pasou logo e agora estou aquí, en Centieiras. Teño 10 anos e por iso falo galego. Os meus últimos recordos son en galego e son azul polos produtos químicos que botaron na caixa.

LARA RICO 5º E.P.

 

 

Historia de Gatiza de Daniela

Ola, son Gatiza. Eu son de Perlío e gústame moito montar a cabalo. A miña cor favorita é o azul. Teño 10 anos e vou en 5º de primaria. Nacín o día 7 de xullo, iso quere dicir que eu son cáncer. A miña comida favorita é a lasaña da miña avoa e a miña época preferida do ano é o Nadal. Adeus!

 

Daniela Garrote 5º E.P.

As nosas historias de Gatiza: Salvador e Darío.

A historia de Gatiza de S.D.A.M (Salvador Daniel Agra Margot)

Gatiza era unha tranquila gata que vivia no país Pitufo, o país máis xenial do mundo. Gatiza era feliz aí ata que... Un maligno bruxo grego chamado ξθανιτοελγολονδριναχδ explotou o país Pitufo. Gatiza non tivo outra opción que marcharse a Fene, unha cidade en Galiza, unha comunidade autónoma de España. En Galiza pasouno xenial, ata que un día... tivo que ir ao colexio chamado CEIP Plurilingüe de Centieiras.

Ela ten 10 anos, así que está en 5º de primaria. Como é dun país máxico é invisible para os demais, pero cando oen unha voz procedente dalguén invisible... é ela! A única que pode vela é Isa, a mestra de 5º. É a única que pode vela, xa que a adoptou e meteuna nun xogo chamado Gacha Life para que ela estea a salvo. En Gacha Life o seu corpo volveuse máis raro, como se fora unha humana e coñoceu xente nova que tamén eran personaxes de Gacha Life.

Salvador Agra 5º EP

 

A historia de Gatiza de Darío

Ola, son Gatiza, e veño de Docelandia.

Cando era pequena, miña nai, que é bruxa, maldiciume e convertiume nunha gata azul.

En Docelandia fálase galego. Alí todo está feito de doces. As casas están feitas de galleta, os tellados están feitos de chocolate, as portas están feitas de caramelo e as chemineas están feitas de chupachups. Ao ser filla de Nuria, a bruxa, chamábanme «A Mestiza». O meu pai era feiticeiro.

Eu vivía nun orfanato. A xente vivía tranquila, ata que un día, chamaron á porta do orfanato. Era Nuria, miña nai, que viña ensinarme coñecementos arcanos. Pero eu escapei do orfanato cara a outro sitio. E cheguei aquí, onde tamén se fala galego. Fene é moi bonito, pero as casas están feitas de ladrillo, os tellados están feitos de tella, as portas, de metal ou de madeira, e as chemineas están feitas de cemento. Necesito axuda para derrotar á miña nai. Cando fuxía, vin que arrasaba o orfanato cun feitizo de lume, e que abrasaba a toda a xente do orfanato.

Continuará...

 

Darío Lamas 5º EP

 

A Árbore da Amizade

O día 13 de novembro conmemórase o Día Mundial da Amabilidade. Aproveitamos este feito para ler o conto El árbol de la Amistad, unha historia preciosa que podedes ver e escoitar a continuación:

Despois de escoitar o conto, reflexionamos e debatimos sobre a historia. Escribimos actos de amabilidade en corazóns de cartolina e con eles, decoramos a árbore da amizade de Centieiras.

Lembrade, algo tan simple como un sorriso, un xesto ou unha palabra amable poden alegrarlle o día a calquera e arranxar moitos problemas.

O Samaín de quinto

Esta mañá foi moi intensa na escola! O alumnado chegou ao cole cos seus disfraces, cada un máis atarrecedor. Había de todo: bruxas e magas chegados desde Hogwarts, zombies, unha vampira, unha arlequín terrorífica, unha cabaza, esqueletos e ata tiñamos ao mesmo Jack O’Lantern, á boneca Anabelle e a Mércores Addams! Pero ollo, se pensades que todo isto da medo, non vos perdades de que ía Gabriel, porque é das cousas máis arrepiantes que podemos atopar: ía de susto da factura da luz! Orixinalidade non lles faltaba!
Eu, que non quería ser menos, púxenme enriba todas as plumas de corvo que atopei e uns cornos ben grandes e revirados e disfraceime de Maléfica.
Despois de facer unhas fotos, estiveron xogando con Fer na pista ao ritmo da música con cancións moi acordes a esta festa, para empezar a mañá con enerxía.
Despois, fomos á aula e alí agardábanos a nosa propia versión do xogo Os homes Lobo de Castronegro, xa que adaptei un pouco a narración para xogar aos Lobishomes de Fene. Expliqueilles en que consiste un xogo de rol e de identidades ocultas e as personaxes do xogo. Metémonos en ambiente cunha pequena narración dos acontecementos que están a ter lugar polas noites en Fene, unha aldea na que últimamente hai sucesos estraños, pois os habitantes deste lugar polas noites transfórmanse en lobishomes e atacan aos seus veciños e veciñas e comezamos o xogo. Foi moi emocionante e divertido! Metéronse nos seus papeis de marabilla e daba xenio escoitar como argumentaban para defenderse ou para acusar de licantropía aos seus veciños.
Gustoulles tanto que, cando foi hora de saír ao recreo, preferían seguir na clase xogando!
Para rematar a xornada, tocou lectura dos seus propios contos de terror. Menos mal que tiñamos lanternas, porque inexplicablemente, marchou a luz… Misterios do Samaín!
Recoméndovos que non lles perdades a pista, porque pode que en quinto estean os futuros H. P. Lovecraft, Mary Shelley, Bram Stoker, Robert E. Howard, Stephen King ou Clive Barker, non vos digo máis, porque vaia historias de medo, misterio e suspense que escribiron!
 
Desfrutade moito desta ponte e vémonos á volta!

O alumnado de quinto salva a nave dos soños en ITI Robótica!

Hoxe, xoves 20 de outubro, en ITI Robótica realizamos unha actividade titulada A Nave dos Soños que resultou un éxito entre o alumnado.

Conteilles que recibín un email moi estraño de Diodi, unha personaxe de Digicraft, no que me dicía que estabamos no ano 2060 e a humanidade se mudaba de planeta nunha nave espacial e tamén moi especial, con capacidade para albergar unha gran cantidade de pasaxeiros e pasaxeiras que viaxarían durmidos ata o seu destino en Próxima Centauri, a estrela máis cercana cun planeta capaz de albergar vida. A nave está equipada cos máis avanzados sistemas informáticos, pero un virus estaba facendo das súas e os sistemas da nave non funcionaban correctamente, por iso precisaba da axuda dos rapaces e rapazas de quinto para eliminar o virus e salvar á humanidade!

Os nenos e nenas tiveron que resolver diversas probas, conseguir códigos e descifrar mensaxes en clave para ir arranxando as distintas estancias da nave, seguindo todo o fío condutor da narración que eu lles ía facendo segundo avanzaban na aventura. Foi moi emocionante ver como ían resolvendo os enigmas e finalmente, conseguían borrar o virus e restablecer os controis da nave para que esta puidera emprender a súa viaxe. Bo traballo!

 

Simulacro de incendio

Hoxe, xoves 20 de outubro, mentres estabamos en clase, soou a alarma de incendios da escola. Houbo uns segundos de nerviosismo, pero rapidamente o alumnado de quinto soubo como había que actuar, xa que recentemente tivemos unha sesión de formación na aula para refrescar a memoria.

As dúas responsables, Ariadna e Xantal cumpriron os seus cometidos á perfección: Ariadna achegouse de inmediato á porta e tocouna con coidado para comprobar se a porta estaba quente. Como a porta non queimaba, soubemos que podiamos saír con tranquilidade da clase, posto que o lume non estaba do outro lado da nosa porta.

Pola súa banda, Xantal comprobou que as ventás da clase quedaran pechadas, para evitar que entre aire e avive o lume. Mentres, o resto do alumnado xa estaba formando unha fila para saír do edificio do xeito máis ordenado posible. Houbo que recordarlles, iso si, que debiamos baixar en silencio para poder escoitar en caso de que alguén estivera pedindo axuda. 

Xantal rematou a súa tarefa á perfección, saíu de última na fila, colleu a cadeira máis próxima á porta, pechouna e colocou a cadeira no corredor diante da nosa clase. Facemos isto para indicarlles aos servizos de emerxencias que esa aula está baleira e así non perden tempo buscando en todos os espazos do centro, en caso de que ao facer o reconto total, xa fóra do colexio, falte alguén. 

Baixamos polas escaleiras con orde e paso rápido e fomos ata o lugar designado para poder facer o reconto de alumnado. Vinte e tres, estabamos todas e todos a salvo, menos mal!

Ao pouco chegou o camión de bombeiros coas luces e a sirena acesas. Tiveron que acceder ao colexio por unha ventá usando a escaleira para sacar a dous alumnos que quedaran dentro. Os dous nenos foron recibidos con aplausos cando un bombeiro os trouxo co resto de compañeiros e compañeiras.

O alumnado de quinto actuou moi ben na evacuación, demostrando que están preparadas e preparados para actuar en caso dunha emerxencia real. Bravo, rapazas e rapaces!

 

Os nosos avatares disfrázanse para o Samaín

Os nosos avatares tamén se van preparando para o Samaín. Mirade que disfraces máis chulos temos:

Os nosos posters do PDI A Maxia do Xogo

O alumnado de quinto de primaria creou os seus propios posters para ilustrar o Proxecto Documental Integrado A Maxia do Xogo. Fixéronos en ITI Robótica empregando a ferramenta web de deseño Canva.

Quedáronlles fenomenal e, ademais de ver aquí unha mostra das súas creacións, podemos desfrutar dos seus posters tamén na escola, porque xa están decorando as paredes das escaleiras que van á nosa aula.

Parécemo a min ou relacionan o xogo case exclusivamente cos videoxogos e as consolas? 


 

O alumnado de quinto crea o seu avatar en ITI Robótica

Os rapaces e rapazas de quinto crearon os seus avatares na materia de ITI Robótica. Gustoulles moito realizar esta actividade e ademais, mirade que foto da clase tan chula nos quedou. Adiviñades quen é quen?

Vemos células en realide aumentada!

Para rematar o traballo realizado sobre as células na primeira unidade didáctica de Ciencias da Natureza, o alumnado de quinto de primaria puido ver en realidade aumentada as células animais e vexetais que elas e eles mesmos colorearan previamente nunha ficha. Parecía maxia, posto que semellaba que os debuxos cobraban vida e saían do papel. Ademais, coa aplicación de realidade aumentada que empregamos, puideron repasar as partes das células animais e vexetais que estudamos en clase.

Distribuir contido