Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

5º Educación primaria

Semana do Lettering

O 23 de xaneiro é o Día da Escritura a Man. A caligrafía é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento cognitivo e das habilidades motoras, por iso, ademais de empregar os ordenadores a diario, é moi importante seguir incidindo na escritura de toda a vida.

A asociación Writing Instrument Manufacturers decidiu en 1977 homenaxear a caligrafía e escolleuse o 23 de xaneiro como homenaxe ao estadounidense John Hancock, que naceu ese día en 1737 e foi o primeiro en asinar a Declaración de Independencia de Estados Unidos.

Na escola, ademais de traballala a diario, durante a semana do 23 ao 27 de xaneiro quixemos facer fincapé na técnica do Lettering, a arte de debuxar letras bonitas e os nenos e nenas practicárona cuns cadernos e rotuladores especiais.

 

Unha mañá na biblioteca

Hai dúas semanas puidemos desfrutar dunha mañá enteira traballando e xogando na biblioteca da escola, porque, ademais de desenvolver as clases de Matemáticas, Lingua e Ciencias, tamén aproveitamos para empregar algúns dos xogos que alí temos dispoñibles. Mirade que ben o pasaron:

 

Vaia caras tan serias e de desconfianza tiñan aquí xogando a Homes Lobo de Castronegro. Este xogo ten bastante exito tamén entre as rapazas e rapaces de quinto. Desde que xogamos no Samaín, gustoulles tanto, que mo piden a miúdo e, cando xogamos, sempre acabamos rindo ás gargalladas cos seus alegatos de defensa ou coas acusacións que fan, así que creo que o xogo merece unha entrada na que expliquemos a mecánica e amosemos o divertido que é e as posibilidades que ten para desenvolver a expresión oral, a lóxica e a estratexia entre o alumnado.

Celebración de Nadal

Dise que as vacacións son para desconectar e mirade se desconectei eu nas vacacións de Nadal, que ata me esqueceu publicar unha entrada na web sobre o que fixemos para celebrar a fin de trimestre na escola! 

Tamén se di que máis vale tarde ca nunca (ou moi tarde, coma neste caso Guiño), así que vouvos contar o que fixemos durante esa xornada, porque non ten desperdicio.

 

Comezamos a mañá xogando a rol. Un xogo de rol é un xogo interpretativo-narrativo no que os xogadores asumen o papel de personaxes imaxinarias ao longo dunha historia ou trama na que interpretan os seus diálogos e describen as súas accións. Non hai guión a seguir, o desenvolvemento da historia queda por completo suxeito ás decisións dos xogadores e aos resultados das tiradas de dados. Deste xeito, a imaxinación, a narración oral, a orixinalidade e o enxeño son primordiais para levar a cabo o xogo. En resumo, consiste en imaxinar ser unha personaxe que en realidade non son, polo tanto é a versión avanzada de xogar a mamás e papás, a policías e ladróns ou a indios e vaqueiros que todos os nenos e nenas xogan cando son pequenos.

Neste caso xogamos a Magissa, un xogo de rol de fantasía para nenos e nenas. Nas semanas previas, creamos as personaxes na clase. Ademais de escoller a raza (humano, elfo, unicornio, anano...) e a clase ou profesión (mago, sandador, explorador, pícaro, guerreiro...) para a súa personaxe, debían debuxar o seu aspecto e redactar unha historia na que explicaran a súa personalidade e o seu trasfondo.

 

Por fin, despois de tantos preparativos, puidemos levalo a cabo na aula e darlles vida a esas personaxes grazas á axuda de Rebeca e Javier, pais de Darío, e tamén de Laura e de Juanma. Os catro, xunto comigo, fixemos de masters ou directores de xogo e guiamos a cada grupo de alumnado na súa aventura. Moitísimas grazas aos masters, xa que sen a vosa axuda sería imposible implementalo na clase.

O xogo foi un éxito! A gran maioría de rapaces e rapazas quedaron encantados coa experiencia e xa me están a preguntar cando imos seguir e para min foi unha gran sorte poder facer esta actividade na aula.

Despois do xogo, tocaba celebrar o fin de ano ataviados coas nosas mellores e máis brillantes galas e tomar as uvas ao ritmo das badaladas, mentres tres presentadoras un pouco tolas facían algo o parvo para entreter ao alumnado e familias presentes.

 

 

Por último, tivemos unha visita moi especial: nin máis nin menos que Papá Noel, que parou en Centieiras para escoitar os desexos dos nosos nenos e nenas e darlles un agasallo antes de visitalos a cada un e cada unha nos seus fogares.

 

 

 

E así de felices marchabamos de vacacións de Nadal. Agora xa estamos de volta coas pilas ben cargadas e traballando a pleno rendemento. 

 

 

 

Os nosos avatares prepáranse para o Nadal

Os nosos avatares de Pixton xa teñen as súas mellores galas para celebrar o Nadal. A que estamos xenial? 

Xogamos ao Roll to the Top!

Os rapaces e rapazas de 5º xa son uns expertos en Roll to the Top! É un xogo moi entretido. Mirade que concentrados e concentradas están.

 

Boneco de neve feito por Xantal

 

 

A nosa compañeira Xantal é unha auténtica artista! Mirade que boneco de neve tan fermoso fixo con axuda da súa avoa para decorar a clase. Quedou xenial, moitas grazas ás dúas!

Presentación dos traballos de Ciencias da Natureza

Hoxe o alumnado de 5º presentou os traballos de Ciencias da Natureza. Durante as dúas últimas semanas, cada grupo preparou un traballo dun animal vertebrado e por fin chegou o momento de facer a exposición oral na clase para o resto de compañeiras e compañeiros. Fixérono moi ben, bo traballo!

 

Faremos unha exposición na escola para que todos e todas poidades desfrutar das súas creacións e aprender moita información sobre animais tan curiosos e interesantes como o panda vermello, a aguia calva, a atún de aleta amarela, o axolote ou o dragón de Komodo.

5 de decembro, Día da Diversidade en Centieiras

O día 3 de decembro conmemórase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Hoxe, luns 5 de decembro fixemos a nosa conmemoración especial na escola para reflexionar sobre a importancia de valorar ás persoas con distintas capacidades e a diversidade.

Para isto, comezamos lendo o conto O Cazo de Lorenzo. Lorenzo é un neno que está permanentemente atado a un cazo vermello do que non se pode desprender. Este cazo é un símbolo metafórico que utiliza a autora, Isabelle Carrier, para representar as necesidades especiais de Lorenzo. Trátase dunha historia conmovedora dun neno que aprende a superar as dificultades que atopa no seu día a día.

Despois falamos e reflexionamos sobre o conto e os nenos e nenas escribiron as cousas que lles custan e as cousas que lles axudan a superar estas dificultades.

Para rematar a nosa conmemoración, vimos un vídeo de pintores que pintan co boca e cos pés e nós tamén quixemos probar a pintar coma eles e comprobamos o difícil que é!

 

Con esta actividade foron conscientes da dificultade e o afán de superación destes artistas que non teñen brazos, pero que con esforzo e tesón conseguen o seu soño de ser pintores e pintoras e fan uns cadros impresionantes. Polos corredores e escaleiras do cole podedes desfrutar das obras de arte pintadas coa boca e cos pés polos nosos rapaces e rapazas. Fixérono xenial!

O alumnado de 5º experimenta con Zum Kit Junior

O alumnado de 5º probou o Zum Kit Junior de Digicraft na clase de Proxecto Competencial. Coñeceron os distintos compoñentes do kit e para que sirve cada un e despois probaron como funcionan. A clase foi un éxito, gustoulles moito experimentar coa programación dos elementos do kit.

25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

O venres que 25 de novembro conmemoramos na escola o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Foi unha xornada moi completa na que fixemos unha chea de actividades: vimos un vídeo sobre a violencia de xénero dixital e falamos sobre el, xa que nos fixo reflexionar e debatir sobre diversas cuestións. Despois, escribimos unha mensaxe positiva e unha negativa, que tiramos ao lixo para simbolizar que rompiamos a cadea da violencia de xénero dixital.

Gatiza tamén se vestiu de violeta para a ocasión e mirade que decoracións tan preciosas fixo o equipo artístico da ANPA. Non deixan de sorprendernos coa súa creatividade!

A continuación, asistimos a unha representación teatral a cargo da clase de 6º A, que fixeron unha adaptación do conto Artur e Clementina de Adela Turin. Nesta historia, o afecto e a ilusión que caracterizan o inicio da relación entre Artur e Clementina, acaban converténdose en monotonía e prisión. Clementina non se sente realizada, libre e feliz; a súa parella subestima as súas cualidades e ridiculiza as súas aspiracións. En vez de ofrecerlle comprensión e respecto, a actitude de Artur anula a súa personalidade e xéralle unha dinámica de dependencia, ao sobrecargala de obxectos materiais que non satisfan a súa ansia de desenvolvemento persoal.

As rapazas e rapaces de 6º A fixeron unha adaptación moi boa da historia e sorprendéronnos coas súas dotes para o teatro. Noraboa, rapazas e rapaces!

Despois do teatro, tocounos tecer no tear montado no patio especialmente para a ocasión.

Finalmente, despois do recreo, fomos á biblioteca, xa que alí nos agardaba un espectáculo de maxia para a igualdade de Magia en la Manga. O espectáculo foi marabilloso, moi divertido e sorprendente. Ademais, Salvador e Daniela foron axudantes especiais dos magos, vaia sorte!

Foi un día moi completo, cunha chea de actividades divertidas e interesantes, pero o máis importante é que todas e todos sexamos conscientes da importancia de acabar coa violencia contra as mulleres.

 

Distribuir contido