Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

5º Educación primaria

Na clase de Ciencias da Natureza

   Na aula de quinto desfrutamos dunha clase de ciencias moi especial. Mari, a nai de Antía, que é bióloga e traballa no laboratorio dun hospital veu a clase de Ciencias da Natureza e falounos e explicounos o proceso de nutrición e como os nutrientes que obtemos cos alimentos chegan a todas as partes do noso corpo. Falamos dos tipos de analíticas que nos poden facer para saber se estamos sans e fortes e tamén dos diferentes tipos de sangue e aprendimos que non todas as persoas temos o mesmo tipo. Fíxemoslle preguntas ás que nos contestou dunha maneira moi clara e precisa. A sesión fíxose curta e agardamos que outro día, se o traballo llo permite, poda volver a nosa clase. Moitas grazas Mari!

 

Bailando o peón

O alumnado de quinto viviu unha xornada moi especial compartindo a celebración do Día do peón e do Magosto cos nenos e nenas de 1º de EP. Axudáronlles e ensináronlles a bailar o peón e en todo momento estiveron pendentes dos pequenos e pequenas.

O Universo

   Na aula de 5º rematamos o traballo de investigación por equipos de ciencias sobre O Universo. Cada alumno e alumna pensou e escolleu que tema lle atraía máis para profundizar nel e formaron 6 equipos. Recompilamos material sobre o tema entre a biblioteca do centro e as nosas casas e fixemos unha exposición para ter todo a nosa disposición. Saturno, as eclipses, as constelacións, Xúpiter, Marte e Plutón foron as temáticas escollidas. Os traballos foron espectaculares e todos e todas aprendemos moito coas exposicións dos compañeiros e compañeiras, que pasaron uns poucos nervios pero o fixeron fenomenal.

 

 

Xogamos co alumnado de E. Infantil

A semana pasada celebramos o Día das Bibliotecas Escolares, unha das actividades propostas foi que o alumnado de 3º ciclo aprendera nas súas clases  diferentes xogos de mesa axeitados ao resto de cursos do cole. O obxectivo era ensinarlles a xogar aos máis novos e desfrutar dunha xornada divertida. Compartimos con vós algunhas fotiños do venres no que o alumnado de 5º de E. Primaria compartiu o seu tempo co alumnado de 5º e 6º de E. Infantil. 

O Universo

Estes días na aula de 5° estamos traballando e aprendendo sobre o Universo. Entre os libros e materiais interesantes  que trouxemos das nosas casas para compartir información  e elaborar os proxectos de equipo cabe destacar o que nos achegou Tristan. O xornal La Voz de Galicia do sábado 2 de agosto do 1969, día no que se publicaba a nova da chegada do home á Lúa. 

Compartindo, participando e axudándonos son máis significativas as nosas aprendizaxes.

Día das Escritoras

Hoxe, luns 16 de outubro, conmemoramos o Día das Escritoras. Esta data vense conmemorando dende outubro do 2016  para recuperar o legado das mulleres escritoras, facer visible o traballo das mulleres na literatura e combater a discriminación que sufriron ao longo da historia. Este luns traballamos  o poema de Gloria Fuertes "Poema al No". Pasamos o poema ao galego, o escribimos entre todos e todas e fixemos un pequeño mural para decorar a porta da nosa aula.

 

 

 

Aprendendo sobre a electricidade estática

Así acabou hoxe a clase de Ciencias da Natureza. Parece que estamos a facer unha festa, pero, en realidade, estamos experimentando coa electricidade estática. Bueno, algúns si que están a facer festa... Risa

 

Xogamos a Centi En Tren!

Hoxe tivemos a sorte de probar na clase o xogo Centi En Tren, deseñado e elaborado por Xantal e a súa familia para o Centifest. Botamos unhas cantas partidas e encantounos!

Vaia creatividade teñen estas familias e que sorte temos no cole de contar con elas!

Pasaxeiros ao tren!

Os nosos xogos para a aula hospitalaria do CHUF

O alumnado de quinto deseñou e creou xogos de mesa para agasallar á aula hospitalaria do CHUF, o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol Arquitecto Marcide.

Fixeron 5 xogos en total, que xa van de camiño ao seu destino co obxectivo de facer que os nenos e nenas hospitalizados poidan ter un momento de lecer e pasar o seu ingreso da forma máis amena posible.

Agardamos de corazón que os nenos e nenas aos que van destinados os desfruten e noten o agarimo que puxo o alumnado de quinto na súa creación. Mirade con que caras de satisfacción nos ensinan as súas creacións:

Bravo, rapazas e rapaces, fantástico traballo!

O Centifest de quinto

Por fin chegou o tan agardado Centifest, a feira de xogos na que puidemos presentar o noso traballo relacionado co PDI e tamén desfrutar cos xogos do resto de cursos da escola. Foi unha xornada fantástica, na que xogamos xuntos e pasamos unha mañá fabulosa co resto de alumnado, profesorado e familias da escola.

A continuación presentámosvos un resumo fotográfico e as opinións das rapazas e rapaces de quinto sobre o Centifest:

DANIELA GÓMEZ: O Centifest estivo moi ben, foi unha feira moi divertida. Encantáronme todos os xogos e moito, moitísimo máis, o Quen é Quen, porque me chamou a atención que fora tan xigante e de profesores, ademais! Encantoume presentar o meu xogo, "Día das Cores", e presentar a canastra. Tamén me gustou dar unha volta pola feira e xogar a case todos os xogos, e, mentres xogaba aos xogos, ía gañando laciños e pislas para decorar o meu chaveiro.

SALVADOR: A feira foi bastante entretida. A xente xogaba a xogos divertidos e desfrutaba. Os distintos xogos parecéronme unha idea bastante orixinal. Estivemos esforzándonos para dar froito a marabillosos xogos. A xente era bastante amable e divertida, e, por último, pero non menos importante, cando a xente viña probar os nosos xogos, iso poñíame moi contento. O que máis me gustou foi cando chegou o meu pai, porque é a primeira vez que ven ao Centifest e iso foi bastante bonito da súa parte.

IREA: A feira estivo moi ben. Encantoume ensinarlles os xogos ás familias, xogar coa xente aos xogos que creamos e as atraccións que fixemos e programamos. O que máis me gustou foi ir visitar outros postos e o xogo que máis desfrutei foi o Quen é Quen.

MIGUEL: Opino que o Centifest foi divertido en xeral, me entretiven moito. Todo estaba ben elaborado e presentar os xogos era moi divertido.  O que máis me gustou foi presentar os xogos, porque a moita xente lle gustou xogar ao noso xogo “As Cartas Matemáticas”.

CARMELA: A feira foi moi divertida, porque coñecín moitos xogos que non coñecía. Gustoume ver ao meu irmán pequeno, Roque, explicándome como se xoga aos xogos que tiña no seu posto, que consistía nos xogos populares. O que máis me gustou foi xogar aos demais xogos, porque foi moi divertido ver que xogos quixeron facer os nenos das outras clases.

DANIELA GARROTE: Opino que facer unha feira de xogos é moi boa idea para que os nenos pequenos e maiores poidan pasar un bo rato coas súas familias coñecendo os traballos das outras aulas, e facelo no colexio está moi ben para pasar unha boa mañá. O que máis me gustou foi o traballo de primeiro e segundo, porque é moi divertido, e moitas familias se animaron a participar.

DARÍO: Gustoume moitísimo, pero o que máis me gustou foi ser encargado, porque puiden axudar á xente que viña ver o proxecto do meu equipo, e iso emocionoume moitísimo. Até llelo puiden explicar aos meus pais e ao meu avó. Ademais, o xogo de Laura gustoume moito. Un dos protagonistas do xogo era eu, mais non o sabía! Meu pai non mo dixera cando me fixo a fotografía diante do pavillón da Xunqueira! O que máis me gustou foron os xogos de 5º, o xogo de Laura da ANPA, o de Paula, tamén da ANPA e o Quen É Quen, que tamén era moi divertido.

SELENA: Opino que estivo moi ben, porque podiamos ensinarlle ás familias os xogos que creamos coas nosas propias mans e ver os xogos que crearon os outros cursos. O que máis me gustou foi a parte da música, porque puidemos bailar, e a parte na que me quedei eu soa explicándolles aos nenos e nenas e ás familias os xogos e as atraccións que nós creamos.

MARCOS: Creo que o Centifest estivo moi ben. A min gustoume moito, porque había moitos xogos divertidos. O que máis me gustou foi o Quen é Quen de mestres e mestras do colexio, porque xa coñecíamos todas as personaxes e as fotos estaban moi ben.

ESTELA: A feira foi moi divertida. Xoguei a todos os xogos e paseino moi ben. Tamén fixen un chaveiro moi grande con moitas cintas de cores e tíveno posto na camiseta moito tempo. O que máis me gustou foi presentar a noria e facer os xogos que fixemos todos os equipos da miña clase. Tamén me encantou a repichoca, e xogar ao noso xogo, o “Xeomemory”.

KAIKY: O Centifest é moi divertido e non te aburres, pasas tempo cos teus amigos e amigas e as estacións son moi guais. O que máis me gustou foron as atraccións de infantil, porque eran feitas por eles e eran moi entretidas.

LARA: O Centifest é mói divertido! E serve para aprender o que están a facer o resto de cursos. Gustoume porque estivemos todo o colexio xogando xuntos, bailando e desfrutando. O que máis me gustou foi estar coa xente, ir ver os postos dos demais cursos e atender e explicarlle á xente a nosa atracción e o noso xogo e ver o que estiveron a facer as demais clases.

XOEL: Gustoume moito porque estivemos explicando aos nenos os nosos xogos e, cando non nos tocaba explicar, xogabamos aos outros xogos dos demais cursos. Os xogos que había eran como xadrez humano, de multiplicar, de pescar osos, coller tapas de metal de botellas con imáns e temos un chaveiro onde había que colocar cordas e pislas. O que máis me gustou foi un xogo onde había que meter unhas pelotas de plástico nuns buratos pequenos e che daban puntos.

RUBÉN: Gustoume moito porque xoguei a xogos e paseimo ben. O que máis me gustou foi o xogo dos patos, porque había que cazar os patos na auga.

IRIA: A feira de xogos gustoume moito, é moi divertida! É un repaso do que fixemos na clase sobre o tema do ano e unha festa! Este ano fixemos xogos para unha aula hospitalaria e tamén fixemos atraccións na clase de Proxecto Competencial. O que máis me gustou foi axudar no parque de atraccións e xogar ao memory.

DIEGO: Me gustou moito, xoguei ao meu xogo e aos dos meus compañeiros e xoguei con moita xente. Tamén traballei moito e visitei outros postos de compañeiros. O que máis me gustou foi o Quen é Quen de infantil, o meu xogo, o dos patiños de infantil, o parchís de sexto e uns dos tapóns de facer tres en raia. 

ARIADNA: A verdade é que os xogos foron súper divertidos. A min encantoume explicarlles os nosos xogos ás familias. O que máis me gustou do Centifest foi explicar os nosos xogos e atraccións e xogar cos xogos dos demais, porque foi moi entretido e divertido.

SERGIO: Eu opino que estivo ben porque houbo moitos xogos para divertirse e houbo que ir polos postos xogando e che daban unhas cintas para coleccionalas. Estiveron divertidos os xogos. E tamén estiveron os outros cursos e cada equipo do cole tivo que crear un xogo. O que máis me gustou foi pescar os osiños, porque era difícil pescalos e había que facer parellas de debuxos e o parchís, que foi de sexto.

BRUNO: O Centifest é xenial! Encántame que o colexio teña o detalle de facer cousas tan divertidas como o Centifest. A feira está moi decorada e moi ben feita e hai moita diversión para os nenos e as familias. O que máis me gustou foron os xogos de 6º, porque molaban moito.

XANTAL: Gustoume moito o Centifest, porque os xogos foron moi divertidos e paseino moi ben. O que máis me gustou foi o xogo “Centi Vai En Tren” e as “Cartas Matemáticas”. 

HUGO: O Centifest está bastante ben, gustoume moito e foi divertido porque había bastantes xogos e tamén fixeron musica e bailamos. O que máis me gustou foi ir xogar nos postos dos demais, traballar no meu xogo e falar coas nenas.

GAEL: O Centifest está bastante ben e os xogos son moi chulos e guais. Os de infantil me gustaron moito. O que máis me gustou foi a mini piscina dos osos dos nenos de infantil, porque a min me gusta moito pescar. 

GABRIEL: A feira non me gustou moito porque era moi aburrida. O que máis me gustou foi o noso xogo, porque é moi divertido o noso xogo.

É unha mágoa que a Gabriel non lle gustara o Centifest, pero, polo que parece, foi un éxito entre o resto do alumnado de quinto.

 

Grazas polo voso esforzo e traballo, rapazas e rapaces, ben xogado!

 

Distribuir contido