Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

5º Educación primaria

Marzo, mes da muller e do xadrez en Centieiras

Durante todo o mes de marzo nos recreos, Centieiras converteuse nun lugar entregado ao xogo do xadrez.

A iniciativa une dúas temáticas estrela da nosa escola, o xogo e a importancia da presenza das mulleres en todos os ámbitos da vida, así que, debido a que non hai moitas mulleres xogadoras de xadrez, decidiuse impulsar esta práctica no cole mediante a creación dun torneo que resultou ser todo un éxito entre o alumnado e no que nenas e nenos foron igualmente protagonistas.

Cada recreo a sala de xadrez enchíase de emoción e as xogadoras e xogadores enfrontábanse en estratéxicas partidas cargadas de concentración e deportividade.

Ben xogado, rapazas e rapaces!

 

O noso parque de atraccións

Na materia de Robótica estivemos a crear atraccións para, entre todas e todos facer un parque de atraccións en miniatura, con carruseis e norias que xiran e outros xogos cos que se pode interactuar, como canastras ou duelos de resistencia.

Xogando con Brazolinda

Hoxe, mércores 29 de marzo, tivemos a sorte de desfrutar dunha sesión de xogos de mesa de Brazolinda na escola e puidemos estar acompañadas e acompañados de Paula, Juana, Rebeca e Mariana, nais de alumnado da aula, que quixeron vir xogar con nós.

Brazolinda é un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego. Están deseñados para o xogo conxunto de grandes e pequenos e axudan a desenvolver a capacidade de observación, comunicación, razoamento... a través das adiviñas, as matemáticas ou xogos de agudeza visual, entre outros.

Pasámolo xenial probando todos os xogos e, os que máis e os que menos, xa anotamos algún que outro xogo na nosa lista de desexos.

Moitas grazas ás rapazas de Brazolinda por compartir os seus xogos con nós e a Paula, Juana, Rebeca e Mariana por vir desfrutar desta xornada lúdica connosco.

Visita da escritora Érica Esmorís

Onte, martes 28 de marzo, tivemos a sorte de recibir na escola a vsita da escritora Érica Esmorís, autora do libro Quen Salva un Can, que lemos na escola durante este segundo trimestre.

Contounos moitas cousas sobre en que se inspirou para escribir o libro e confesounos que se trata dunha homenaxe á súa cadela Lola e tamén a eses cans abandonados que merecen unha segunda oportunidade de ser queridos por unha familia que os coide e os encha de agarimo.

Falounos tamén sobre as asociacións protectoras de cans, que fan unha labor tan necesaria coidándoos mentres esperan que chegue a súa segunda oportunidade.

Despois, os nenos e nenas puideron facerlle preguntas sobre as personaxes do libro e sobre o desenvolvemento da historia.

Finalmente, asinou os libros ao alumnado.

Moitas grazas pola tú visita, Érica, encantounos coñecerte.

 

 

21 de marzo: Día da Poesía

Para conmemorar o Día da Poesía o alumnado de quinto creou os seus propios poemas sobre o xogo e escribiunos en papeis con forma de prendas de roupa que finalmente decoraron ao seu gusto.

O día 21 de marzo, entre toda a escola, enchemos Fene de versos cos nosos tendais e coa iniciativa Poemas de Cordel. Que idea tan marabillosa e que sorpresa levaban os veciños e veciñas de Fene cando atopaban os poemas colgados nos tendais por todo o pobo.

Saint Patrick’s Day

O día 17 de marzo celébrase a festa de San Patricio, o patrón de Irlanda. Na tradición irlandesa son típicos os Leprechaun, uns pequenos trasnos barbudos, que van vestidos de verde e levan sombreiro. Segundo conta a lenda, os Leprechaun son capaces de atopar moedas de ouro enterradas na terra e gárdanas nun caldeiro que agochan ao final do arco da vella.

 

Na escola, a partir da lectura do libro infantil How to Catch a Leprechaun, as mestras de inglés propuxeron aos nenos e nenas crear e traer as súas trampas para atrapar a un destes diminutos e fedellos seres. A lenda di que quen consiga cazar un destes trasnos vestido de verde, quedará co seu caldeiro cheo de ouro.

Como cada ano, as trampas foron moi enxeñosas e elaboradas, pero nin con esas deron pillado a ningún destes escorregadizos Leprechaun, que andiveron facendo das súas, enchendo todo de purpurina, serpentinas e papel hixiénico. Son o demo, estes Leprechaun! Tamén deixaron un pompeiro de agasallo en cada trampa desexando aos nosos nenos e nenas máis sorte o ano que vén.

 

8 M: Miramos o mundo a través dos lentes violetas.

O día 8 de marzo conmemórase o Día da Muller e na escola fixemos unhas gafas violetas para que, a través dos seus lentes, poidamos ver un mundo no que existe unha igualdade real entre homes e mulleres. Isto é o que se transmite ao alumnado e no que se incide nas nosas aulas cada día.

 

As rapazas e rapaces de quinto fixeron debuxos e traballos sobre esta data e houbo un acto conmemorativo no que se fixo fincapé na importancia de mirar o mundo todos os días a través dos lentes violetas.

 

 

Teatro en inglés: What Monster!

O alumnado de 5º e 6º de primaria realizou unha saída o 28 de febreiro para ver unha obra de teatro en inglés. Foi moi divertida e as nosas rapazas e rapaces demostraron as súas dotes como actrices e actores e o seu dominio da lingua inglesa. Look!

 

 

Día de Rosalía

O venres 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía lendo poemas desta autora fundamental na nosa literatura, cuxa obra mestura o costumismo e intimismo coa reivindicación da nosa identidade.

             

A publicación da súa obra Cantares Gallegos en 1863 marca o inicio do Rexurdimento, un proceso de recuperación da lingua e cultura galega despois dos Séculos Escuros, nos que a nosa lingua quedou relegada ao ámbito oral.

Dada a importancia de Cantares Gallegos na nosa literatura, decidimos homenaxear a Rosalía no seu día recitando o poema Adiós Ríos, Adiós Fontes. A 5º de primaria tocounos ir á Praza do Concello, mentres que outros cursos foron a outras prazas, para espallar os poemas de Rosalía por todo Fene.

 

Ademais, en días previos, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega con moita axuda por parte do resto do profesorado do centro, preparou un fotomosaico coas fotos do alumnado, profesorado e persoal de servizos da escola. Mirade que cousa máis fermosa saiu! Moitas grazas por toda a axuda que recibimos para sacar as fotos e crear o mosaico!

 

Entroido!!!

E por fin chegou unha das festas por excelencia da nosa tradición: o Entroido!
Durante toda a semana do 13 ao 17 de febreiro a Bruxa Encarnación volveu saír do seu agocho para mandarnos vir á escola coas nosas mellores e máis tolas galas. Nos mandados da bruxa houbo de todo, desde levar algo na cabeza, ir con mandil ou en pixama, un dos días favoritos do ano dos nosos nenos e nenas.

 

Un día especial foi o mércores 15 de febreiro, Día do Cancro Infantil, no que Encarnación e todos os que formamos parte de Centieiras puxemos un pano na cabeza para mandar un agarimo moi especial e toda a nosa forza á nosa compañeira Andrea e á súa familia.

Durante as semanas previas ao desfile de Entroido, cada curso compuxo unhas regueifas sobre o seu disfrace para cantar na praza do concello o venres 17 na gran festa de Entroido. Ese día, todas e todos disfrazados de xogos saímos dispostos a pasalo fenomenal, acompañados polas familias, que se sumaron, coma sempre, e nos acompañaron e arrouparon neste día tan especial.

Os nenos e nenas de quinto decidiron ir disfrazados das súas propias personaxes do xogo de rol Magissa e de xogadores do Fifa.

Os disfraces eran incribles, estes rapaces e rapazas déixannos abraiados coa súa creatividade!

 

Tanto desfilar e regueifar abriulles o apetito, así que fomos degustar doces de entroido que cada un trouxo da súa casa para compartir cos demais compañeiros e compañeiras. Vaia delicias desfrutamos! Noraboa, familias, tedes boa man para a repostería!

 

Foi unha mañá xenial! Viva o Entroido e vivan os xogos!!!

Distribuir contido