Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

5º Educación primaria

Obradoiro de resolución de conflitos con Andrea Bechlian

Durante 3 sesións, o alumnado de 5° de Educación Primaria gozou dun obradoiro de resolución de conflitos da man de Andrea Bechlian.

Aprenderon diferentes técnicas e os pasos que hai que seguir para resolver conflitos e o puxeron en práctica. No obradoiro o alumnado foi moi participativo e gozaron das diferentes sesións. Grazas Andrea por todo o que nos ensinaches!

Feliz Día da Toalla!

Hoxe, 25 de maio, Daniela veu á escola cunha toalla. Iso é porque Daniela é unha rapaza moi lista e sabe que unha toalla é o obxecto de maior utilidade que existe. Como, que vós non sabedes de que estamos a falar?! Pois investigade, investigade, que as rapazas e rapaces de quinto xa saben de vai todo isto. Desexámosvos feliz Día da Toalla a todas e todos!

Correlingua 2023

O día 23 de maio o alumnado do centro participou no Correlingua, que consistiu nun paseo desde o peirao de Caranza ata o Auditorio de Ferrol, onde desfrutamos da actuación de Brais da Hortas e Peter Punk, que xuntos forman o grupo As Monchas. Foi un concerto moi divertido, pasámolo xenial bailando e cantando as súas cancións na nosa lingua.

NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA!

 

 

 

Os Maios e as Letras Galegas

O día 16 de maio celebramos na escola a festa dos Maios e o Día das Letras Galegas.

Tivemos a sorte de contar coa axuda dunha chea de familias moi implicadas en todas as actividades que se propoñen desde a escola, así da gusto! Estiveron traballando arreo desde ben cedo para axudarnos a confeccionar os nosos tres maios. Mirade que ben acompañadas e acompañados estivemos nesa xornada:

Traballamos moito e tamén desfrutamos xuntas e xuntos. Ao final, entre todas e todos creamos tres maios preciosos e cheos de cor que levamos para a pista de area da escola para continuar alí coa celebración.

Tamén decoramos o patio con bandeiras de Galicia e cos carteis informativos sobre a vida e obra de Francisco Fernández del Riego, don Paco, o autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas. Ademais, o equipo artístico da ANPA sorprendeunos unha vez máis co seu fantástico traballo creando un precioso mural de Fernández del Riego.

 

Xa na pista, o alumnado agasallou ás familias asistentes cuns bailes arredor dos maios. Primeiro foi a quenda do alumnado de infantil, que bailou "Indo Eu" e, a continuación, o alumnado de primaria bailou a Muiñeira de Lugo. Pechamos a festa coa canción "Seresín, Seresán", que cantaou todo o alumnado da escola xunto.

Foi unha xornada preciosa, festexando a primavera e a nosa literatura!

Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega queremos dar as grazas a todas as familias que se implicaron e colaboraron con nós, facendo este día tan bonito e especial.

Que vivan os Maios e as Letras Galegas!!!

Cinema en Perspectiva

O día 5 de maio tivemos unha actividade chamada "Cinema en Perspectiva". Consistiu no visionado dunha serie de curtametraxes e un posterior debate sobre elas. Todas as curtas trataban sobre a importancia do feminismo, da igualdade de xénero e do respecto ás diferenzas individuais. A conclusión final á que chegamos foi que todas e todos somos diferentes, pero temos que tratarnos como iguais.

 

Obradoiro de habilidades sociais

En 5º de primaria estamos a desenvolver un obradoiro de habilidades sociais desde o día 3 de maio.

Andrea, psicóloga de servizos sociais do Concello de Fene, impartirá un total de 3 sesións prácticas no nosa aula para facer consciento ao alumnado da importancia de ter unha boa autoestima e autoconcepto e de valores como a tolerancia e o respecto, necesarios para a vida en sociedade. Tamén lles ensinará técnicas para resolver conflitos de forma pacífica.

Moitas grazas pola túa axuda, Andrea, e tamén a Lorena por organizar estas actividades desde o Departamento de Orientación da escola.

Formación en primeiros auxilios

O 24 de abril o alumnado de 5º tivo a sorte de recibir formación en primeiros auxilios. Aprenderon teoría e tamén práctica. Mirade, mirade!

Día do Libro 2023

O 21 de abril celebramos o Día do Libro na escola cun apadriñamento lector. Para iso, desde as titorías dos maiores do cole en días anteriores escollemos contos e preparamos a súa lectura para o alumnado de infantil e do primeiro ciclo.

Despois, ese día, as madriñas e padriños foron buscar aos seus afilladas e afillados, buscaron un sitio xeitoso polo patio e a desfrutar das lecturas compartidas!

Fixérono de marabilla, os pequerrechos quedaron encantados coas súas madriñas e padriños lectores. Bravo, rapazas e rapaces!

Charla sobre ciberacoso

O 14 de abril recibimos unha charla sobre ciberacoso e seguridade na rede da man de Sara, que sempre nos ensina cousas interesantes e sorprendentes e aconséllanos moi ben para non ser vítimas destas situacións tan perigosas que nos amosa.

Estas charlas pertencen ao Plan Director da Garda Civil, que nos parece moi interesante para traer ás aulas e facer consciente ao alumnado dos riscos existentes en internet e de como evitalos.

Ciencia e maxia con Darío!

En quinto de primaria temos a sorte de ter a Darío connosco, un auténtico científico e tamén mago, así que ensinounos un experimento para ver o ADN da froita e sorprendeunos cun truco de cartas alucinante.

Para levar a cabo o experimento, contou coa axuda do seu equipo de clase. Mirade que pasada!

Despois desta asombrosa demostración científica, Darío deixounos abraiadas e abraiados adiviñando as nosas cartas unha e outra vez. Científico e mago, este rapaz é unha caixa de sorpresas constante! E que sorte telo todos os días connosco.

 

Distribuir contido