O 24 de outubro é, desde hai 20 anos, o Día da Biblioteca, pois van xa dúas décadas desde que a Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil propuxera esta data para facer fincapé nos beneficios destas institucións ao servizo da lectura, da cultura e da cidadanía. Posteriormente, o Ministerio de Cultura apoiou esta celebración e todos os anos edítase un cartel cun texto conmemorativo e realízase un acto de celebración oficial. Nesta ocasión foron dúas mulleres da "periferia", a ilustradora vasca Elena Odriozola e a escritora galega Ledicia Costas, as encargadas de darlle fondo e forma e esta mensaxe a prol da existencia das bibliotecas.
Fermosísimo é o texto de Ledicia Costas, Premio dos Clubs de Lectura 2016, que nos facilita GALIX na súa versión orixinal en galego e do que entresacamos un parágrafo:
"Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día da Biblioteca. Sería xenial organizar unha festa con confeti e pompas de xabón. Celebrala ao grande. Encantaríame vestirme para tal ocasión como o personaxe dalgún libro, sentarme na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo e esperar a que fosen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda, Atreyu, Drácula ou mesmo Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñerte botas de pelo, plumas, zancos e chapeus. Chapeus! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, atraída polas cores e formas do meu chapeu:
-- Sombreireira tola, que festa máis marabillosa! Sería tan amable de servirme unha cunca de té?"
En Galicia, a campaña de visibilidade da biblioteca escolar deste curso 2016/2017 lembra que a Biblioteca Escolar é "territorio das Artes", un espazo no que aproximarse á produción artística do noso país e de todas as culturas, a través dos libros, dos vídeos, dos mil sitios aos que internet nos permite acceder... pero é tamén un espazo no que vivir a música, a pintura, as artes visuais (fotografía, cómic, cine), a escultura, a danza, o teatro e, moi especialmente, a literatura en todos os seus xéneros e temáticas; e vivir é experimentar e compartir, pero tamén expresarse e comunicar a través das distintas opcións artísticas.
As bibliotecas escolares comezan a difundir as súas propostas arredor desta importante data:
- EEI Barrionovo (Arteixo): Guía de lectura do Día das Bibliotecas Escolares -- Encontxo Día das Bibliotecas -- Cazando Artes para celebrar o Día da Biblioteca
- CEIP Antonio Pedrosa Latas (Celeiro-Viveiro): Celebramos o Día da Biblioteca
- CEIP Arealonga (Vilagarcía de Arousa): Arealon go!
- CEIP Campolongo (Pontevedra): Lendo en braille no Día das Bibliotecas
- CEIP Canosa Rus (Coristanco): Feliz Día da Biblioteca!! (Vídeo no que se interpreta o pregón de Ledicia Costas para o Día da Biblioteca)
- CEIP de Cespón (Boiro): Día da Biblioteca Escolar
- CEIP Coiron-Dena (Meaño): Territorio das Artes
- CEIP Couceiro Freijomil (Pontedeume): 24 de outubro, Día da Bblioteca
- CEIP de Hio (Cangas do Morrazo): Día das Bibliotecas (Escolares)
- CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño): Día da Biblioteca -- Lectura por parte de voluntarios
- CEIP Ramón de Valenzuela (Silleda): Festa da biblioteca!
- CEIP Rogelio García Yáñez (Ramirás): 24 de outubro, Día das Bibliotecas (Escolares)
- CEIP Santiago Apóstolo (Franza-Mugardos): Día da Biblioteca
- CEIP O Seixo (Marín): Mochilas viaxeiras -- Visita de Paco Nogueira-- Entrevista a Paco Nogueiras
- CEIP Sofía Casanova (Culleredo): Hoxe é o Día das Bibliotecas (en lembranza de Roald Dhal)
- CPI da Cañiza (A Cañiza): Concurso Día da Biblioteca
- IES San Paio (Tui): Biblioteca escolar, territorio da Pintura
- IES Universidade Laboral (Culleredo): Intenso Día da Biblioteca. Formación de Usuarios na quenda de mañá -- 1ª sesión do Clubs de Lectura na quenda da tarde
- IES Xoán Montes (Lugo): BiblioTICarte
Iremos subindo algúns exemplos máis, porén, unha visita aos blogues de PRIMARIA ou SECUNDARIA permitirá coñecer a actividade que se desenvolve en moitas bibliotecas escolares neste comezo de curso. Convidámos á facer esta exploración nestes días finais de outubro, mes da Biblioteca Escolar segundo propón a IASL