O 24 de Outubro é recoñecido como o Día da Biblioteca, desde que hai anos comezara a celebrarse grazas ao empeño da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, no 1997. Amparado agora polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, o DÍA DA BIBLIOTECA celébrase en todo o estado e serve para dar visibilidade a todas e cada unha das bibliotecas que abren as súas portas día a día para acoller ás persoas en procura de lectura e de coñecemento, pero tamén de espazos "amigables" nos que compartir experiencia lectora, pensar e traballar xunto con outros en proxectos diversos. Porque iso son as actuais bibliotecas, eses "terceiros lugares" capaces de acollernos e axudarnos a desenvolver proxectos persoais de moi distinto tipo.
As bibliotecas escolares celebran todos os días a súa existencia, froito dos esforzos das comunidades educativas que as poñen en pé, pero tamén arredor desta data, e durante todo o mes de outubro, sucédense actividades ao longo das bibliotecas dos nosos centros, dedicadas a dar a coñecer as súas posibilidades, ensinar ao alumnado a usar os seus recursos e animar a grandes e pequenos a que aproveiten as súas oportunidades: libros, materiais audiovisuais, recursos electrónicos, equipamentos, espazos atractivo, actividades tentadoras (recitais, presentacións, lecturas compartidas, acompañamentos lectores, hora do conto, "olimpiadas do saber", exposicións e presentacións de traballos, formación de usuarios e usarias, "aprender a investigar", mochilas viaxeiras, clubs de lectura... ). As bibliotecas como base de exploración persoal e colectiva, como inicio de viaxes reais ou imaxinarias, como espazo de encontro consigo mesmo e cos outros.
- CEIP de Cervo (Cervo): Día das Bibliotecas Escolares
- CEIP Lamas de Abade (Santiago de Compostela): Os avós da Biblioteca
- CEIP de Leirado (Salvaterra do Miño). Día da biblioteca: os monstros de Compostela
- CEIP Virxe do Carme (Burela): 24 de outubro, Día das Bibliotecas Escolares
- CPI de Panxón (NIgrán): 24 de outubro, Día da Biblioteca Escolar
- IES Fernando Esquío (Neda): 24 de outubro, Día das Bibliotecas. No 150 aniversario de Rudyard Kipling...
- IES Lama das Quendas (Chantada): Mercadiño de libros 2015
- IES San Paio (Tui): Outubro, mes do outono e das bibliotecas escolares. 24 de outubro, día das Bibliotecas
- IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Sarria): Concurso do Día da Biblioteca
Estes son só algúns exemplos da actividade das bibliotecas escolares galegas nestes días. Unha visita aos blogues de PRIMARIA ou SECUNDARIA permitirá coñecer moitas outras. Convidámos á facer esta exploración nestes días finais de outubro, mes da Biblioteca Escolar segundo propón a IASL