Tres novos libros galegos na lista White Ravens

A Biblioteca Internacional da Mocidade de Munic vén de incluír na súa selección de libros The White Ravens, correspondente ao ano 2007,  tres títulos escritos orixinalmente en galego:

  • A princesa do Courel, de Patacrúa, na editorial OQO.
  • A sombra descalza, de An Alfaya, en edicións Xerais.
  • Smara, de Paula Carballeira, na editorial Kalandraka.

A White Ravens é unha relación de títulos seleccionados anualmente polos especialistas da Internationalen Jugendbibliothek, que salientan pola súa calidade literaria ou plástica,  polos valores que promoven e pola súa idoneidade para poñer nas mans dos lectores máis novos.

Á hora de seleccionar libros de interese para as bibliotecas escolares cómpre, sen dúbida, consultar esta relación. Atopar nela a obra de autoras e autores galegos é tamén un recoñecemento á calidade da literatura infantil e xuvenil que se está a publicar no país: que os lectores e lectoras teñan acceso a ela está nas mans dos mediadores: os dinamizadores das bibliotecas escolares e públicas, pero tamén as familias e o profesorado no seu conxunto.