XVI Xornada dos Clubs de Lectura

 
 
 
O vindeiro 14 de maio, celebrarase no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Neste curso 2023/2024 recibiron asignación, a través da convocatoria do programa, un total de 489 centros que matriculan alumnado de Educación Primaria, ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Persoas Adultas, e Ensinanzas de réxime especial (Conservatorios e Escolas de idiomas). Esta XVI Xornada dos Clubs de Lectura reunirá así a preto de 500 persoas, entre participantes, relatores e persoas asesoras de formación do profesorado. 
 
Entregarase, así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2024, que desta vez recaeu na escritora Arantza Portabales por ser a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2022/2023, tal e como se recolle na Resolución do 19 de abril de 2024, que explica as particularidades deste premio, que xa recibiron Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado, Carlos Negro, María Reimóndez, Andrea Maceiras, Eva Mejuto, Antía Yáñez e Manuel Núñez Singala.
 
O programa contempla así mesmo a intervención (por vídeoconferencia)  da antropóloga e investigadora Michèle Petit acompañada pola profesora da USC Montse Pena Presas, da experta en Lectura Fácil Laia Vidal, sesións simultáneas coa experiencia de oito centros integrados no programa, un obradoiro de teatro a cargo de Artur Trillo, un obradoiro de poesía con Rosalía Fernández Rial, unha charla sobre a construción de paseos literarios con Ócar Senra e unha ollada arredor do cómic con Pío Barreiro e Xaime Lis. Pechará a xornada a autora de banda deseñada Julia Lago.