XV Xornada dos Clubs de Lectura

 

 
 
 
 
O vindeiro 5 de xuño, celebrarase no Palacio de Congresos, en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Neste curso 2022/2023 recibiron asignación, a través da convocatoria do programa, un total de 439 centros que matriculan alumnado de Educación Primaria, ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Persoas Adultas, e Ensinanzas de réxime especial (Conservatorios e Escolas de idiomas). Esta XV Xornada dos Clubs de Lectura reunirá así a preto de 500 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado. 
 
Entregarase, así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2023, que desta vez recaeu no escritor Manuel Núñez Singala, por ser o autor galego máis lido nos clubs de lectura no curso 2021/2022, tal e como se recolle na Resolución do 21 de abril de 2023, que explica as particularidades deste premio, que xa recibiron Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado, Carlos Negro, María Reimóndez, Andrea Maceiras, Eva Mejuto e Antía Yáñez.
 
O programa contempla así mesmo a participación do  experto en mediación e formación lectora Felipe Munita, os expertos en banda desñada Sira González e Toño Vileverde, unha sesión de literatura e natureza a cargo de Antonio Sandoval, unha mesa de biblioterapia con Carlos Martínez Uzal e Julio Abalde e sesións simultáneas de experiencias de clubs de lectura (teatro, interactividade, audiovisuais...). Pechará a xornada a poeta Olga Novo.