Ao longo de todo o ano, as bibliotecas realizan propostas de creación: contos, poesía, cómic, ilustración, fotografía, regueifas (ou rap á galega)... As fórmulas poden ser diferentes pero a finalidade é a mesma: estimular a expresión oral, escrita e gráfica do alumnado. É tamén unha forma de incitar á lectura. Os exemplos multiplícanse a estas alturas do curso:
Así conta Emilio, da biblioteca do IES Pedra da Aguia (Ponte do Porto, Camariñas) a xestación da narración colectiva "O misterio do exame desaparecido": Alá por novembro ou decembro, deume por retar a algúns dos habituais da biblio a darlle continuidade a unha historia. Engancharonse varios rapaces de 4º e algún profe/a. Estes días dinlle remate, porque a cousa xa se complicaba de máis e podíase poñer rancia. Pero o experimento funcionou bastante ben. Houbo que correxir moi pouco, que
foron moi coidadosos, máis que nada cuestións de formato, para igualar letras e tamaños. agora que rematou algún queixouse de que non fixera o seu capítulo, o cal me parece estgupendo, non hai mel.lor que deixalos con fame.
No CPI San Vicente (A Baña) veñen de convocar un concurso de acrósticos e ilustración de poemas. Velaquí os carteis, as bases, o "papel oficial" para participar e unha definición de acróstico.