XIV Xornada dos Clubs de Lectura

O vindeiro 10 de xuño, celebrarase no Palacio de Congresos, en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Neste curso 2021/2022 recibiron asignación, a través da convocatoria do programa, un total de 370 centros que matriculan alumnado de Educación Primaria, ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Persoas Adultas, e Ensinanzas de réxime especial (Conservatorios e Escolas de idiomas). Esta XIV Xornada dos Clubs de Lectura reunirá así a preto de 400 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado. 
 
Entregarase, así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2022, que desta vez recaeu na escritora Antía Yáñez, por ser a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2020/2021, tal e como se recolle na Resolución do 22 de abril de 2022, que explica as particularidades deste premio, que xa recibiron Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado e Carlos Negro, María Reimóndez, Andrea Maceiras e Eva Mejuto.
 
O programa contempla así mesmo a participación do escritor e experto en LIX Freddy Gonçalves e sesións simultáneas de lectura fácil, itinerarios lectores persoais , poesía, teatro e  banda deseñada. Os Clubs de lectura estarán representados nunha mesa de experiencias. Pechará a xornada a escritora Care Santos, a terceira autora máis lida nos Clubs de Lectura no curso 2020/2021.