Blogues

Reunión sobre as PAU e os Ciclos Formativos

O vindeiro luns 28 de abril a partir das 19.30 horas o equipo directivo e a orientadora do centro ofrecerán unha charla no Salón de Actos sobre as probas de acceso á universidade e os Ciclos Formativos (oferta e condicións de acceso). Esta actividade está especialmente dirixida ós alumnos de 2º curso de Bacharelato e de Ciclos Formativos, pero polo interese dos temas que se tratarán convídase a asistir a ela a todos os alumnos e membros das familias que o desexen.


Premios no programa "Ben veñas, maio"

 
 
Como todos os anos a Concellería de Normalización Lingüística, en colaboración cos equipos de dinamización da lingua galega dos institutos pontevedreses, convocou unha nova edición do programa "Ben veñas, maio", dirixido ós estudantes de secundaria. Varios alumnos do noso centro participaron nos distintos certames, nos cales obtiveron unha boa cantidade de premios. Aquí tedes os seus nomes:
 
.- XXII Certame de narración curta:
  • Categoría A (ata 14 anos inclusive):
    • 1º premio: Elia Pedrosa Vidal (3º B de ESO)
    • 2º premio: Lucía González Arias (3º A de ESO)
  • Categoría B (a partir de 15 anos):
    • 1º premio: Julien Fabrice Courcier Cortegoso (1º A de Bacharelato)
    • 2º premio: Iria Tarrío Pazos (1º A de Bacharelato)

.- XIV Certame de poesía:

  • Categoría A (ata 14 anos inclusive):
    • 2º premio: Juan José Roca Ares (3º B de ESO)
  • Categoría B (a partir de 15 anos):
    • 1º premio: Iria Tarrío Pazos (1º A de Bacharelato)

.- XVI Certame musical: o primeiro premio neste certame foi obtido polo grupo Venomous pink, integrado polos alumnos Carlos Varela Hernani, Noemia Veiga Gonçalves e Laura Bravo Reguera, todos eles de 4º da ESO.

.- XIX Semana teatral: dous grupos de teatro do noso instituto recibiron un diploma conmemorativo pola súa participación nesta mostra teatral:

  • Os alumnos de 1º C de ESO, dirixidos pola súa titora Sara Valenzuela Viz, representaron a obra "O Entroido", unha adaptación dun texto de Manuel Lourenzo, docente tamén do noso centro.
  • O grupo "Os autorizados", integrado por alumnos de diferentes cursos e dirixido polo alumno de 1º A de Bacharelato Julien Fabrice Courcier Cortegoso, representou a obra "Comedia bífida", de Manuel Núñez Singala. "Os autorizados" son: Adrián López, Alexandre Balea, Celia Martínez, Cristina Rodríguez, Daniel Veiga, Esteban Carballude, Joaquín Méndez, Lucía González, Nara Mahou, Noemia Veiga e Julien F. Courcier (director do grupo).
Dende o equipo directivo e o Equipo de Dinamización da Lingua do instituto queremos transmitirlles os nosos parabéns a todos os alumnos premiados, así como ás súas familias.
 

Viaxe de fin de estudos a Salou - REUNIÓN COAS FAMILIAS

Como xa quedan poucos días para que se inicie a viaxe de fin de estudos a Salou, dende a Vicedirección do centro convócase a todas as familias dos alumnos inscritos a unha reunión informativa para falar sobre esta actividade. A xuntanza terá lugar no Salón de Actos do instituto o vindeiro luns 31 de marzo ás 20.30 horas e nela trataranse cuestións como o itinerario que se vai seguir, as normas de organización e comportamento, cousas que non se deben esquecer, etc. Polas características dos temas que se abordarán é fundamental a asistencia a esta reunión.


 

Probas de acceso a ciclos formativos

Facendo clic neste enlace poderedes consultar o calendario segundo o cal se desenvolverá a convocatoria que regula as probas de acceso ós ciclos formativos de grao medio e grao superior. Estas probas terán lugar de acordo coa Orde do 5 de marzo de 2014, accesible a través deste enlace.

Feira do ensino Edugal

Entre os días 26 e 28 de febreiro desenvolverase no recinto feiral de Pontevedra Edugal, o Salón da Oferta e da Formación de Galicia, que nesta ocasión vai pola súa terceira edición. Este evento pretende ser un lugar de encontro entre alumnos, profesionais do ensino, centros de formación e institucións educativas. Con esta iniciativa ofértaselles ós visitantes unha abundante información e orientación sobre a oferta académica, á vez que se presentan os aspectos máis innovadores no que fai referencia á educación. O noso centro estará representado nesta feira do ensino polo Departamento de Edificación e Obra Civil, que contará cun espazo no que alumnos e profesores facilitarán a quen o desexe información sobre os ciclos superiores impartidos no noso institituto: ciclo de Proxectos de Edificación e ciclo de Proxectos de Obra Civil (requisitos de acceso, estrutura do plan de estudos, saídas profesionais...). Ademais, os alumnos farán demostracións prácticas do traballo que levan a cabo acotío na aula e poderanse ver algúns dos deseños por eles realizados.

Dende o equipo directivo animamos a toda a nosa comunidade educativa a visitar este salón, xa que é un lugar axeitado para documentarse sobre a oferta educativa. Facendo clic neste enlace poderase consultar o programa de actividades que se desenvolverá neste días en Edugal, así como a lista de expositores alí representados.

 

Club de debate

O vindeiro sábado 22 de febreiro un grupo de dez alumnos de 4º de ESO do noso instituto vai participar no club de debate promovido polo Concello de Pontevedra. Nesta ocasión terán que competir con estudantes doutros centros da cidade e a comarca, como o Valle Inclán, A Xunqueira I, o Luís Seoane e o de Ponte Caldelas. Os debates centraranse no tema "Ence-Elnosa ten que saír da ría" e terán lugar no Pazo da Cultura.  Os nosos alumnos concentraranse alí ás 9.00 h, aínda que os seus debates non comezaran ata 12.50 (debate co IES A Xunqueira I) e as 17.20 (debate co IES Valle Inclán B) horas respectivamente (50 minutos de duración). No caso de que se clasifiquen para a final o debate que determinará o equipo gañador será ás 18.50 horas. Dende o equipo directivo animamos a todos os membros da nosa comunidade educativa a que vaian apoiar e respaldar os nosos alumnos. Ánimo rapaces.

Ingreso nas escalas de tropa e mariñeiría

Resolución 452/38019/2014, de 3 de febrero, de la Subsecretaría, por la que se aprueba el proceso de selección para el ingreso en los centros de formación para incorporarse a las escalas de tropa y marinería. Accederedes a ela a través deste enlace.

Folga do 20 de febreiro

Dende a ANPA El Pino solicítannos a difusión deste comunicado relativo á folga convocada para o vindeiro día 20 de febreiro.

Horario das actividades para o venres 20 de decembro

O venres 20 de decembro a actividade do instituto desenvolverase segundo as seguintes especificacións:

          .- De 8.30 a 12.30 horas: clases lectivas ordinarias.

          .- De 12.30 a 13.20 horas: entrega dos boletíns de cualificacións nas aulas de cada grupo e reunión da Comisión

             de Coordinación Pedagóxica.

          .- Ás 13.30 horas rematará a actividade escolar e os alumnos poderán facer uso do transporte escolar, que se

              adiantou con motivo da organización establecida polo centro.

Ademais, entre as 9.20 e as 13.00 horas os alumnos de Relixión de 1º e 2º de ESO visitarán o belén artesanal en movemento de Valga e a exposición sobre adornos de Nadal en cristal do Museo de Pontevedra.

Encontro cos xogadores da SD Teucro

Con motivo do partido de Copa do Rei de balonmán que a SD Teucro e o BM Granollers van disputar o vindeiro día 11 de decembro, unha representación dos xogadores do equipo pontevedrés vai visitar o noso instituto. O obxectivo deste evento é promocionar entre a nosa comunidade educativa este partido en concreto, e a imaxe do Teucro e o balonmán en xeral. Entre as 12.05 e as 12.30 horas os xogadores repartirán entradas ós alumnos no patio do instituto, co fin de que os rapaces poidan ir animalos o día do partido. Ademais, entre as 12.30 e as 13.20 horas, aproveitando o desenvolvemento dunha clase de Educación Física, un grupo de alumnos de 1º de Bacharelato terá a oportunidade de intercambiar experiencias cos xogadores do Teucro e de poñer en práctica con eles algúns movementos deste deporte.

Campaña solidaria de recollida de libros

Entre os días 9 e 19 de decembro o Equipo de Biblioteca do instituto organizará, en colaboración coa ANPA El Pino e Cruz Vermella, unha campaña solidaria de recollida de libros de lectura infantís e xuvenís. O obxectivo é entregarllos a Cruz Vermella para que os reparta entre un grupo de rapaces pontevedreses de entre 6 e 16 anos os que esta organización atende. Este nenos pertencen a familias da nosa cidade que están a pasar por un momento económico realmente malo, polo que, de non ser a través de iniciativas como esta, teñen moitas dificultades para acceder a este tipo de materiais.

Polo que se refire ós libros que imos recoller, estes poden ser novos ou usados, pero pídese que estean en boas condicións. Ademais, prégase que a temática non sexa marcadamente relixiosa nin conteña actitudes sexistas, belicistas ou discriminatorias, xa que outro obxectivo desta campaña é fomentar os valores de convivencia e respecto entre distintas culturas. Os libros poderán ser entregados de forma voluntaria e anónima na conserxaría do instituto.

DENDE O EQUIPO DIRECTIVO CHAMAMOS A TODA A NOSA COMUNIDADE

EDUCATIVA A SUMARSE A ESTA INICIATIVA SOLIDARIA.

Proxección do vídeo "Torrente de valores" na Casa das Campás

O vindeiro luns 2 de decembro a partir das 19.00 horas vaise proxectar na Casa das Campás o vídeo "Torrente de valores", realizado o curso pasado polos alumnos que participaron no obradoiro de televisión. Este premio foi o piar do conxunto de actividades que permitiron que o noso centro recibise o Premio Nacional de Educación para o Desenvolemento, entregado o 13 de novembro en Madrid pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID). Dende o equipo directivo queremos convidar a todos os membros da nosa comunidade educativa a asistir á presentación desta reportaxe.

 

Charla sobre a Lei 5/2000 de responsabilidade penal dos menores

O equipo directivo do instituto e a ANPA El Pino estamos a organizar para as familias dos alumnos unha charla informativa sobre a Lei 5/2000 de responsabilidade penal dos menores de idade (prevención de condutas infractoras e consecuencias legais destas). Será impartida por persoal da asociación Arela e terá lugar no Salón de Actos do centro o martes 19 de novembro entre as 20.00 e as 21.30 h. Para que esta actividade quede organizada de xeito definitivo, é preciso contar cun mínimo de vinte e cinco persoas. Así, pedímoslles que, de estar interesados en asistir á charla, nolo fagan saber enviándonos un correo electrónico (último día para facelo xoves 14 de novembro) ó seguinte enderezo: ies.torrente.ballester@edu.xunta.es Nesa mensaxe deben indicar os seguintes datos:

          .- O seu nome e apelidos

          .- O nome e apelidos do/da seu/súa fillo/a

          .- O curso do/da seu/súa fillo/a

Premio "Vicente Ferrer"


 


O IES Torrente Ballester gaña o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento da Aecid

O proxecto Escolas sen Racismo implementado por Agareso e Asemblea de Cooperación pola Paz cun obradoiro de televisión valeulle o recoñecemento

Pontevedra, 4 de novembro de 2013.- O IES Gonzalo Torrente Ballester, de Pontevedra, resultou galardoado co Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento ‘Vicente Ferrer’ polo proxecto Escolas sen Racismo, promovido no centro pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz. A Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento -adscrita ao Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación- e o Ministerio de Educación outorgan o devandito recoñecemento, este ano na súa edición especial 25 Aniversario da Aecid.

 

A experiencia premiada levouse a cabo no instituto pontevedrés durante o curso 2012/2013 co cofinanciamento da Xunta de Galicia e centrouse na educación en valores a través dun obradoiro de televisión, que culminou coa gravación dun programa no que se incorporaron reportaxes sobre comercio xusto, migracións, a comunidade xitana ou o alumnado con discapacidade (o vídeo pode verse facendo clic neste enlace). Tamén se traballou nas aulas sobre o Manifesto das Escolas sen Racismo, Escolas para a Paz e o desenvolvemento, e coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos, tarefa da que resultaron murais e poemas.

 

Os Premios Nacionais de Educación para o Desenvolvemento entregaranse o vindeiro 13 de novembro en Madrid aos quince centros gañadores, dos que o instituto Torrente Ballester é o único galego. En virtude deste galardón, dous docentes do IES participarán previamente nun seminario de intercambio e formación en boas prácticas en educación para o desenvolvemento que se celebrará do 6 ao 12 de novembro entre Mollina (Málaga) e Tánxer.

 

O IES Gonzalo Torrente Ballester incorporouse o pasado ano ás Escolas sen Racismo, que son unha vintena en Galicia e máis de cincocentas en Europa. Neste curso, o instituto volve sumarse á programación da rede, canda outros sete centros educativos, con diversas actividades para a educación en valores.

Magosto

O instituto celebrará o magosto o vindeiro venres 9 de novembro entre as 11.15 e as 12.15 horas. Dende o equipo directivo queremos convidar a todos os membros da nosa comunidade educativa a participar neste festexo popular.

Enquisa sobre a percepción e o uso do galego en internet

A investigadora da Universidade da Coruña dona Luz Varela Armas púsoxe en contacto co noso centro para solicitar a colaboración na súa tese doutoral titulada "As TIC e a normalización lingüística na sociedade galega actual. Unha aproximación á súa realidade educativa". Como parte do seu traballo de investigación, pretende coñecer a percepción e o uso do galego pola comunidade educativa. Para tal fin elaborou unha enquisa dirixida a profesorado e alumnado de ESO e Bacharelato, a cal nos enviou para que todas as persoas interesadas en colaborar con ela puidesen cubrila en liña a través deste enlace.

Exames da Universidade de Cambridge

A través da FANPA e da ANPA El Pino a empresa Global Project ofrece a todos os alumnos do instituto unha serie de cursos de inglés para preparar os certificados de recoñecemento internacional da universidade de Cambridge (distintos niveis). Facendo clic neste enlace poderase consultar toda a información relativa a estes cursos.

Proceso de licitación da cafetaría

Faise pública a valoración das ofertas presentadas en relación co proceso de licitación para a explotación e a xestión da cafetaría do instituto. O documento poderase consultar facendo clic neste enlace. Os interesados en facelo disporán ata o día 4 de setembro incluído para interpoñer unha reclamación motivada contra a resolución da comisión. A reclamación deberá ir dirixada ó presidente da comisión.

Inicio das actividades lectivas (curso 2013-2014)

Tal como recolle o artigo 5.2 da Orde do 24 de maio de 2013, pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2013-2014, o inicio das actividades lectivas na educación secundaria obrigatoria (ESO), no Bacharelato e na Formación Profesional terá lugar o día 16 de setembro. En datas previas a ese día de inicio informarase ao alumnado matriculado no centro do horario de incorporación a cada nivel.

CONFIRMADA - Charla sobre comunicación cos nosos fillos adolescentes

CONFÍRMASE QUE FINALMENTE A CHARLA TERÁ LUGAR O VINDEIRO MARTES 28 DE MAIO DE 20.30 A 21.30 HORAS NA AULA 27 (2º ANDAR DO INSTITUTO).

 O instituto e a ANPA El Pino están a organizar para as familias dos alumnos unha charla informativa sobre comunicación cos nosos fillos adolescentes. Esta actividade será desenvolvida por colaboradores de Cruz Vermella e terá lugar no Salón de Actos do centro o vindeiro martes 28 de maio entre as 20.30 e as 21.30 horas, aínda que se podería estender un pouco máis en función do grao de participación dos asistentes. Para que esta actividade quede organizada de xeito definitivo é preciso que se inscriban un mínimo de vinte e cinco persoas. Polo tanto, co fin de saber se contamos cun número de persoas o suficientemente numeroso, dende o equipo directivo pedímoslles ás familias interesadas en participar nesta charla que nolo confirmen a través dos seguintes medios: 

       .- devolución da carta entregada polo centro ós alumnos;

       .- teléfono do centro: 986863612 (preguntar por Óscar Pedrido, vicedirector);
       .- correo electrónico: ies.torrente.ballester@edu.xunta.es 

A data límite para comunicar o interese en participar na charla é o vindeiro luns 20 de maio.

Distribuir contido