Skip to Content

Novas

Textos de Nobel

Olga Tokarczuk (Sulechów, Polonia, 1962) premio Nobel de literatura 2018, autora de poemas e novelas como Os corredores (2002) ou Os libros de Jacob (2014) apenas traducida ás linguas peninsulares, é a décimo quinta muller en gañar o Nobel de literatura e a segunda polaca, despois da poeta Wislawa Szymborska.

Esta filla de mestres formouse na biblioteca escolar que atendía o seu pai onde desde nena desenvolveu unha paixón lectora indiscriminada sobre a que, xa como autora, construíu a súa obra.

Le unha  mínima mostra da súa escrita premendo aquí.

E o premio Nobel de literatura 2019 correspondeu ao austríaco Peter Handke (1942) algunhas de cuxas principais novelas son O medo do porteiro ao penalti (1970), Lento regreso (1979), Carta breve para un longo adeus (1972) ou O ano que pasei na baía de ninguén (1994). É ademais poeta de envergadura e autor dun singular ciclo de ensaios.

Don Xoán (contado por si mesmo) é a súa única obra traducida ao galego. Tamén no 2016 representouse en versión galega a peza dramática da súa autoría Insulto ao público.

 Deste escritor Nobel podes ler Las alas del deseo aquí

Charo Sánchez-Gabriel in memoriam

Onte fóisenos Charo Sánchez-Gabriel, ex-encargada da biblioteca do IES “Sánchez Cantón” e unha das pioneiras do pulo das bibliotecas escolares.

Deixounos Charo mais temos a seguridade de que esta a  súa nova viaxe non remata nun cegocharo destino porque, se como dixo o gran Borges: sempre imaxinei que o Paraíso sería algún tipo de biblioteca, ela hoxe estará a saudarnos desde a outra beira, desde ese Paraíso que é a biblioteca da eternidade onde, por mérito propio, ten praza asegurada. Ela, desde o alén, seguirá a iluminarnos coas súas ideas e proxectos, igual que o fixo mentres estivo aquí  e, unha vez máis en posición de vangarda, prepararanos un lugar para cando  nos, que aínda estamos aquén, emprendamos a navegación cara esa biblioteca que non coñece límites, biblioteca de eternidade. 

Grazas, Charo, polo teu traballo, polo teu exemplo! 

Porque como dicía Cicerón:  a vida dos mortos permanece na lembranza dos vivos, endexamais te esqueceremos, Charo!

ELBE.2: Instrucións descarga libros electrónicos

Centro piloto ELBE.2: INSTRUCIÓNS USUARI@S

Usuari@s Preparad@s!

A primeira actuación que deberá facer cada usuario é personalizar o contrasinal.
Para realizar esta acción deberá acceder cos datos que se lle facilitan e premer sobre a icona de "Conta" que está accesible desde a parte superior dereita e acceder á sección "Datos Lector". Tamén se pode acceder directamente aos "Datos Lector" premendo sobre o nome do usuario (nome e apelidos) que aparece na parte dereita da barra de información.


Descargar títulos con Adobe DRM.
Para a descarga dos títulos empregando Adobe DRM e poder dispoñer así dos mesmos sen conexión a Internet poden consultar as indicacións breves.

 

Si puidemos: IX Tui Le

Nin o ceo agrisado, nin as leves pingas de choiva, nin a viruxe, nin as présas dos ensaios, nin os traizoeiros nervios da posta en escena final... foron quen de agochar o bo facer da nosa comunidade educativa que contribuíu á IX edición do Tui Le coa presentación dun kamishibai a partir de textos do O principiño e co recitado dun poema de Os soños na gaiola,  todo adobiado con acompañamento musical; alumn@s de 1º de ESO  encargáronse dos textos e @s de 1º de bacharelato  das melodías; a todos: recitadores, músicos,  profesorado e audiencia moitas grazas e xa quedamos convocados para o X Tui Le porque en Tui antes, agora e sempre lemos e queremos seguir manifestando, de xeito mancomunado e público, o noso irrenunciábel compromiso coa lectura.

Presentación e inicio do Club de Manga e Anime TUITAKU 17

Os responsables do TUITAKU invitan á comunidade educativa á presentación do Club de Manga e Anime do IES que terá lugar o luns 9 no 2º recreo na sala de Usos Múltiples do centro.

 

 

TUITAKU: Club de Manga e Anime do IES San Paio

Comezamos unha nova andaina chea de ilusión e moito que facer.

Un grupo de alumnos e alumnas de diferentes niveis e cursos do noso centro botan a andar un proxecto que xa tiñan pensado no curso anterior e que materializaron este.

Aquí deixamos o seu cartel:

E-readers en préstamo

Xa podes levar en préstamo os e-readers.

Pregunta na biblioteca!

 

 

Gándara sempre connosco

Onte amencíamos coa  publicación na prensa do pasamento de Xosé Manuel Bernárdez Gándara en Zambia, onde traballaba dende o ano 2000.

Nacido na parroquia de Alxén- Salvaterra de Miño no 1963 estivo vinculado a Tui dende neno, pois cursou parte dos estudos primarios  no Seminario Menor, o bacharelato no IES San Paio e a súa etapa de pastoral no Anxo-Pazos de Reis.

Gándara, sendo neno, tivo un soño: quería ser misioneiro,quería traballar con e por aqueles que non tiñan nada; así que dende que se ordenou sacerdote en 1988 loitou por formarse e prepararse para afrontar ese soño. Despois de estar 10 anos como sacerdote na Parroquia do Sagrado Corazón en Vigo, marchou a Londres onde perfeccionou o inglés e estudou socioloxía. Dende alí deu o salto e a través do IEME (Instituto Español de Misións Estranxeiras) chegou a África, concretamente a Zambia. E alí era feliz. Un home do rural que traballaba no rural, que loitou por conseguir pozos, plantar e obter millo, muíños, becas de formación sobre todo para as mulleres “porque elas poden cambialo todo” dicía; bicicletas para poder desprazarse de un lado a outro e ata un autobús para ir as poboacións mais próximas. Traballaba cos que eran considerados apestados por padecer enfermidades como a lepra, con enfermos da SIDA, e sobre todo cos orfos; nenos que de repente pasan a ser cabezas de familia e teñen que ocuparse dos seus irmáns máis novos; nenos que se converten en homes de repente; sen formación e sen ter tempo para seren nenos.

Todo isto nolo transmitía a través do correo electrónico e,  cada dous anos, cando se achegaba por aquí para estar coa familia e cos amigos. E así tamén nos contaxiaba esa enerxía positiva que transmitía, esa ilusión por cumprir proxectos, por poder axudar a súa xentiña, porque el xa era africano.

No instituto tivemos a sorte de que nos contara as súas experiencias en distintas ocasións. A última foi o pasado mes de abril, cando xa nos avanzaba a súa intención de crear unha nova misión  en Kamakechi. Nunha das súas últimas comunicacións (que adxuntamos) a  misión era xa unha realidade como pode verse na seguinte presentación que nos mandou:

Kamakechi Life

 



E cando máis ilusionado estaba co novo proxecto un inexplicable accidente deixounos orfos da súa presencia pero non do seu espírito que sempre estará connosco.

 

Nos seguintes enlaces recollemos as entrevistas feitas na TVG e na RMT a Xosé Manuel Pereira, amigo e compañeiro de Gándara, falando sobre a súa persoa e labor.  

 

Gándara, sempre na memoria!

 
Distribuir contido


by Dr. Radut