SON a selvática serpe lamacenta, recuberta de obsidiana, de lava candente;
son a malísima feiticeira que agocha a súa beleza entre sabugueiro e fento, a que traballa de sol a sol para gañar millo e especias, a das mans con calos e terra de laboura intensa;
son a que goza do amor en montes bravurentos, a que axuda ás poldras a parir;
son a que devorou a mazá, a que encarnada de desexo inxuriou o poder establecido;
son a que se inunda de arroz, de fariña e plenilunio;
son a que cría, a que alimenta, a que agarima, a que ergue espadanas neste mundo;
son o monstro de tentacións e pecado, son a letra escarlata de pavo e calacús (terror enfeitado de lenda):
son a que camiña soa entre os areeiros herbosos;
son a do aquelarre, o mito que carga coas maldades; a gata voluptuosa, sensual e indecente, a danzarina núa que enche os corazóns e é desprezada;
son Salomé, Lilith, Eva, Dalila (a mala, a alimaria);
son a aldraxada, a violada, a vexada, a pura, a infeliz, a apreixada entre gadoupas brancas.
Son unha muller.
Lucía Novas (1979-)
|
|