Decembro 2018

Premiad@s contadas de medo 2018

Aproveitamos o último día de clase do trimestre e do ano para facer entrega dos premios @s gañador@s do concurso de contadas de medo. A nosa compañeira escritora Iria Misa fixo entrega de libros da súa autoría (Xa non estou aquí, Segredos no Solpor e Mamá, quero ser Ziggy Stardust) con dedicatorias personalizadas a cada premiad@; axendas, marcapáxinas  e diplomas completaron o recoñecemento a:

Alba Estévez e Marcos Cruces (1º premio)

Heimi Olalla, Lucía Pérez e Samuel Vaz (2º premio)

Elena Carrera, Carla Moledo e Mirem Moledo (3º premio)

Rebeca Pereira, Marta Quinteiro e Marta Rodríguez (accésit)

Parabéns a tod@s @s participantes e, dun xeito especial, @s galardonad@s!

Cantos e Contos de Nadal na Escola Infantil

O pasado xoves alumnado de música, de estratexias, equipo de colaboradores da biblioteca e membros do club de lectura acercámonos á Escola Infantil lindeira ao noso instituto para compartir cos máis pequenos un saúdo de Nadal cheo de cantos e contos. Grazas aos nosos embaixadores e ao noso auditorio pequeno en idade mais grandísimo en hospitalidade.

Un Nadal de música e poesía

Un ano máis, fieis ao espírito navideño e solidario, acercámonos á residencia da terceira idade "Paz y Bien" para compartir cos nosos avós letras de música e poesía. Comezamos coa solemnidade da marcha do antigo reino de Galicia e continuamos con pezas máis festeiras e bailadeiras e distintas panxoliñas intercalando, ao tempo, versos de Víctor Manuel Arbeloa, Uxío García Amor, García-Máiquez, Miguel Hernández, Lago González, López Anglada, Cyro de Mattos, Montero Santalha ou José Saramago.


Grazas ao alumnado de música, @s recitador@s de 1º de ESO e 1º BAC, ao profesorado colaborador e ao equipo de biblioteca por non escatimar o voso tempo e traballo (despois de exames, avaliacións e outras urxencias propias do final de trimestre) para facer posíbel esta tradicional e xa consolidada actividade.

Cinexornal 0

Cando remata o ano, comezamos un novo boletín, exclusivo para recomendacións fílmicas. Que este Cinexornal 0 sexa o punto de partida dunha longa serie porque as artes do cine son longas por máis que a vida sexa breve.

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer