Skip to Content

"EXPOFLORIANI", MUDANDO O MUNDO

O pasado mércores 15 de xuño abrimos as nosas portas a toda a comunidade educativa para dar a coñecer os proxectos educativos que o alumnado de 3º da ESO, 4º da ESO e 1º de Bacharelato realizou no presente curso.

“ExpoFloriani” é unha feira de coñecemento que o alumnado constrúe na súa totalidade, dende o deseño e organización dos stands, ata a explicación e atención ás persoas asistentes. Cada un dos proxectos que puido verse no evento abordou unha temática concreta que partiu dunha fonda análise da contorna realizada polo alumnado: a recuperación do monte, a limpeza de ríos e praias, a contribución na mellora de vida das persoas en risco de exclusión social ou das persoas cegas…

A exposición é o resultado da clara aposta do instituto pola renovación pedagóxica e as novas liñas educativas. No IES contamos cun equipo de novas pedagoxías dende hai 5 anos que nos permite que unha parte importante do profesorado estea formado en liñas pedagóxicas e didácticas innovadoras. Así pois situamos ao alumnado no centro do proceso formativo a través dun rol activo que busca desenvolver ao máximo as súas competencias básicas.

No instituto entendemos o centro de ensino como un espazo aberto á comunidade redondelá a través dunha concepción democrática e de calidade do ensino, na que o alumnado é o auténtico protagonista e o profesorado traballa de xeito coordinado e interdisciplinar. O centro basea a súa actuación educativa no desenvolvemento integral do alumnado a través da renovación e a innovación pedagóxica.

Se queres ver como foi “ExpoFloriani” podes premer aquí e visualizar o vídeo, e se che apetece coñecer algo máis sobre os proxectos poder visitar a web de “ExpoFloriani”. Feliz verán a tod@s!!



page | by Dr. Radut