Skip to Content

Actividades

IV TORNEO INTERCENTROS DE XADREZ

O vindeiro venres 24 de maio celebrarase na Alameda Castelao o IV Torneo Intercentros de Xadrez promovido polo IES Pedro Floriani e en colaboración co concello de Redondela.

Entre as 9:30 e as 13:30 horas participará o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e de 1º e 2º de Educación Secundaria, xogando o sistema suízo de catro rondas.

NOVO CURSO EN MEDIOS DIXITAIS

O IES Pedro Floriani organiza unha nova edición de cursos gratuítos con diploma oficial en medios dixitais de nivel básico e intermedio sobre o uso do móbil e manexo de tablets (dispoñibles no centro) para tratar temas como:

  •     Descarga de horarios buses.
  •     Manexo de aplicacións como Google Maps, Youtube, Sergas,..
  •     Axustes do móbil e melloras no almacenamento.
  •     Citas en organismos públicos.
  •     Descarga borrador da declaración da Renda
  •     Reservas en hoteis e restaurantes.
  •     Edición de fotos e vídeos.

A temática non está pechada. Se durante o curso se prefire afondar noutro tema, é totalmente posible.


A data de comezo é o luns 6 maio os luns de 18:30-20:30 e os xoves de 17:00-19:00 horas.

Se estás interesado/a, chama ao IES Pedro Floriani (886 12 04 13) para anotarte e posteriormente achégate ao centro para cubrir a folla de matrícula en horario de 9:00 a 14:00.

1ª promoción do curso de Capacitación Dixital

    

 

UNHA SEMANIÑA ENTEIRA

Este ano, dende o Equipo de Dinamización Lingüística, sumámonos ao proxecto #aquítaménsefala, do IES Rafael Dieste de Coruña. Queremos "romper os prexuizos que pretenden dar unha imaxe distorsionada dunha suposta Galicia que non fala galego", como ben indican na propia web desta campaña.

Por eso mesmo, o luns 26 de febreiro comezaremos con... ✨UNHA SEMANIÑA ENTEIRA✨. Unha iniciativa lanzada desde os institutos de Redondela na cal teremos como reto falar galego as 24 horas durante unha semana enteira.

Non te perdas a oportunidade e achégate nos recreos ás actividades que estamos facendo. 

ACTIVIDADES DE FORMACIÓN EN LINGUAS ESTRANXEIRAS 2024

Publicada a Orde do 29 de xaneiro de 2024 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2024, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en rexime de concorrencia competitiva.

1ª PROMOCIÓN DO CURSO BÁSICO EN MEDIOS DIXITAIS

NORABOA á primeira promoción de alumnas e alumnos do Curso Básico en Medios Dixitais que se impartiu no IES Pedro Floriani!!!


Foi un gusto contar convosco e esperamos que todo o aprendido co móbil (transferencia de fotos e arquivos, consulta vida laboral, Google Maps, contactos, pen drive,…) e ordenador (crear unha conta, facer cuestionarios online, subir tarefas, citas dni, permisos queima,…) vos sirva de axuda no futuro.


Para todos aquelas persoas que queiran formar parte desta familia haberá mais cursos en xaneiro/febreiro. Máis información achegándose ao centro ou chamando por teléfono.

"EXPOFLORIANI", MUDANDO O MUNDO

Expoflo2023

“ExpoFloriani”, mudando o mundo


O pasado martes 20 de xuño abrimos as nosas portas a toda a comunidade educativa para dar a coñecer os proxectos educativos que o alumnado de ESO, FPB e Bacharelato realizou durante o presente curso.

Antes de nada gustaríanos agradecervos a todas as persoas que vos achegastes este ano ata esta segunda edición da “ExpoFloriani” a vosa participación e interese. Todas esas familias, alumnado e profesorado de centros da contorna e profesionais do mundo do ensino que viñestes compartir connosco este evento educativo que este ano contou con 42 proxectos e 8 espazos pedagóxicos.

Como xa ides coñecendo a “ExpoFloriani” é unha feira de coñecemento que o alumnado constrúe na súa totalidade, dende o deseño e organización dos stands, ata a explicación e atención ás persoas asistentes. Os proxectos presentaron formatos diferentes (representacións, curtas, documentais, stands…), e abordaron distintas temáticas que partiron dunha fonda análise da contorna realizada polo alumnado (saúde mental, recuperación de espazos degradados, limpeza de ríos e praias, atención de persoas en situación de risco…).

A exposición é o resultado da clara aposta do instituto pola renovación pedagóxica e as novas liñas educativas. No instituto entendemos o centro de ensino como un espazo aberto á comunidade redondelá a través dunha concepción democrática e de calidade do ensino, na que o alumnado é o auténtico protagonista e o profesorado traballa de xeito coordinado e interdisciplinar. O centro basea a súa actuación educativa no desenvolvemento integral do alumnado a través da renovación e a innovación pedagóxica.

Se queres ter unha idea xeral de como foi “ExpoFloriani” podes premer aquí e visualizar o vídeo, e se che apetece coñecer algo máis sobre os proxectos poder visitar a web de “ExpoFloriani”.

Feliz verán a tod@s!!

SEGUNDA EDICIÓN: “EXPOFLORIANI”. MUDANDO O MUNDO

O mundo actual é unha realidade complexa en constante cambio que require de persoas que asuman un rol activo e responsable na construción do mesmo. Coñecer o funcionamento e os procesos da realidade que nos rodea, así como do plano persoal, é fundamental para poder desenvolver as competencias e ferramentas que nos permitan conformar unha vida plena.

No IES Pedro Floriani entendemos que a nosa actuación educativa debe basearse no desenvolvemento integral do alumnado que lle permita desenvolverse emocional e competencialmente ao tempo que coñece o mundo que o rodea.

Por esta cuestión o centro busca de xeito constante procesos de formación continua que, a través da renovación e innovación pedagóxicas así como das novas liñas educativas, sitúan ao alumnado no centro do proceso formativo.

Partindo desta idea e dunha concepción do instituto como un espazo democrático e de calidade aberto á comunidade redondelá nace “ExpoFloriani”. “ExpoFloriani” é un evento onde o alumnado do IES Pedro Floriani comparte coa sociedade da súa contorna os proxectos educativos de carácter grupal que realiza a través da ABP e da ApS ao longo do ano, e que este ano desenvolverá a súa segunda edición o vindeiro 20 de xuño (apertura de portas ás 10:30) e á que convida a todas as persoas que así o desexen.

"EXPOFLORIANI", MUDANDO O MUNDO

O pasado mércores 15 de xuño abrimos as nosas portas a toda a comunidade educativa para dar a coñecer os proxectos educativos que o alumnado de 3º da ESO, 4º da ESO e 1º de Bacharelato realizou no presente curso.

“ExpoFloriani” é unha feira de coñecemento que o alumnado constrúe na súa totalidade, dende o deseño e organización dos stands, ata a explicación e atención ás persoas asistentes. Cada un dos proxectos que puido verse no evento abordou unha temática concreta que partiu dunha fonda análise da contorna realizada polo alumnado: a recuperación do monte, a limpeza de ríos e praias, a contribución na mellora de vida das persoas en risco de exclusión social ou das persoas cegas…

A exposición é o resultado da clara aposta do instituto pola renovación pedagóxica e as novas liñas educativas. No IES contamos cun equipo de novas pedagoxías dende hai 5 anos que nos permite que unha parte importante do profesorado estea formado en liñas pedagóxicas e didácticas innovadoras. Así pois situamos ao alumnado no centro do proceso formativo a través dun rol activo que busca desenvolver ao máximo as súas competencias básicas.

No instituto entendemos o centro de ensino como un espazo aberto á comunidade redondelá a través dunha concepción democrática e de calidade do ensino, na que o alumnado é o auténtico protagonista e o profesorado traballa de xeito coordinado e interdisciplinar. O centro basea a súa actuación educativa no desenvolvemento integral do alumnado a través da renovación e a innovación pedagóxica.

Se queres ver como foi “ExpoFloriani” podes premer aquí e visualizar o vídeo, e se che apetece coñecer algo máis sobre os proxectos poder visitar a web de “ExpoFloriani”. Feliz verán a tod@s!!

ACTIVIDADES FLORIANI

 

8-M: SUBE AO STEP DA IGUALDADE!


Vídeo da actividade coreográfica realizada para celebrar o Día Internacional da Muller na materia de Educación Física co alumnado desde 2º de ESO ata 1º de Bacharelato.

Salvamos os chanzos do STEP con mensaxes en clave feminista que aínda quedan por subir para acadar a igualdade entre homes e mulleres.

Distribuir contido


by Dr. Radut