Skip to Content

"EXPOFLORIANI", MUDANDO O MUNDO

Expoflo2023

“ExpoFloriani”, mudando o mundo


O pasado martes 20 de xuño abrimos as nosas portas a toda a comunidade educativa para dar a coñecer os proxectos educativos que o alumnado de ESO, FPB e Bacharelato realizou durante o presente curso.

Antes de nada gustaríanos agradecervos a todas as persoas que vos achegastes este ano ata esta segunda edición da “ExpoFloriani” a vosa participación e interese. Todas esas familias, alumnado e profesorado de centros da contorna e profesionais do mundo do ensino que viñestes compartir connosco este evento educativo que este ano contou con 42 proxectos e 8 espazos pedagóxicos.

Como xa ides coñecendo a “ExpoFloriani” é unha feira de coñecemento que o alumnado constrúe na súa totalidade, dende o deseño e organización dos stands, ata a explicación e atención ás persoas asistentes. Os proxectos presentaron formatos diferentes (representacións, curtas, documentais, stands…), e abordaron distintas temáticas que partiron dunha fonda análise da contorna realizada polo alumnado (saúde mental, recuperación de espazos degradados, limpeza de ríos e praias, atención de persoas en situación de risco…).

A exposición é o resultado da clara aposta do instituto pola renovación pedagóxica e as novas liñas educativas. No instituto entendemos o centro de ensino como un espazo aberto á comunidade redondelá a través dunha concepción democrática e de calidade do ensino, na que o alumnado é o auténtico protagonista e o profesorado traballa de xeito coordinado e interdisciplinar. O centro basea a súa actuación educativa no desenvolvemento integral do alumnado a través da renovación e a innovación pedagóxica.

Se queres ter unha idea xeral de como foi “ExpoFloriani” podes premer aquí e visualizar o vídeo, e se che apetece coñecer algo máis sobre os proxectos poder visitar a web de “ExpoFloriani”.

Feliz verán a tod@s!!



page | by Dr. Radut