O pasado martes 30 de abril o alumnado de 4º de ESO camiñou desde o instituto ata a parroquia da Picoña para visitar o monumento aos represaliados de Salceda de Caselas. Está situado na senda do río Caselas á beira do muíño de Marcial, no límite entre San Xurxo e A Picoña.
“O espazo da memoria” foille dedicado aos catro canteiros da Picoña (Ángel Cabaleiro, Gabriel Besteiro, Benito Antonio Cabaleiro e Manuel Domínguez), que foron asasinados o 21 de novembro de 1936, e ao resto de torturados, encarcerados, expoliados ou asasinados por defender o réxime legalmente establecido.
Para explicarlles todos os datos que hai recollidos en torno aos catro canteiros e ao resto de vítimas da represión de Salceda de Caselas, achegáronse ata o lugar dous expertos na materia: o alcalde de Salceda de Caselas, D. Marcos Besada, e o historiador D. Xosé Ramón Paz Antón.
Para pechar o acto, cada alumno/a foi agasallado cun exemplar do libro Salceda de Caselas republicana 1936, título que vén de publicar Paz Antón recentemente.