Sobredo 2022. Visita de Xosé Ramón Paz Antón.

Visita de Xosé Ramón Paz Antón ao IES Pedras Rubias

Hoxe, o alumnado de 4ºESO tivo a oportunidade de asistir a unha moi interesante charla impartida polo músico e historiador local Xosé Ramón Paz Antón a raíz da recente publicación da súa última obra, Sobredo 1922, aproveitando o centenario dese loitoso e tan rememorado acontecemento na historia contemporánea baixomiñota.

Desde aquí queremos agradecer expresamente ao autor pola súa visita e a súa sempre amena e erudita conversa, así como ao concello de Salceda de Caselas, promotor editorial da obra, e aos departamentos de Xeografía e Historia e Lingua Galega e Literatura, organizadores desta actividade, xunto coa vindeira visita ao monumento aos Mártires de Sobredo, que se realizará este venres, 21 de abril.

Visita de Xosé Ramón Paz Antón ao IES Pedras Rubias

EDDLG principal.png

Concerto da Orquestra do IES Pedra da Auga para 3º ESO.

Concerto de 3ºESO no auditorio de Salceda

O pasado luns 27 de marzo o alumnado de 3ºESO tivo a oportunidade de acudir ao auditorio do concello e escoitar en directo un concerto da Orquestra do IES Pedra da Auga de Ponteareas, formado por alumnado de distintos niveis dese centro ponteareán.

Alí, o alumnado puido escoitar e gozar de curiosas e fermosas versións de temas clásicos da música pop, como “Viva la vida” de Coldplay, “We will rock you” de Queen ou “Color esperanza” de Diego Torres.

 

O departamento de Música, organizador desta actividade, quere agradecer ao alumnado participante a súa boa disposición e atención durante o concerto, así como á Orquestra do IES Pedra da Auga e á súa coordinadora, Paula Carreras, por esta exemplar iniciativa educativa.


 A orquestra do IES Pedra da Auga deu un concerto ao alumnado de 3ºESO do IES Pedras Rubias

DÍA DA POESÍA

Para conmemorar o Día da Poesía a Biblioteca do IES Pedras Rubias convocou un concurso de recitado de poemas.

A pesar de que o alumnado de 2º ESO está en Andorra e o de 1º de Bacharelato en Madrid o concurso tivo unha gran acollida e foron moitos os alumnos e alumnas que se animaron a participar.

Abriu o recital Esteban Oliveira de 3º A co poema “Moraima” de Celso Emilio Ferreiro; a continuación, foi a quenda de Fabio Mazzurco de 3º A que recitou un poema de Roberto Blanco Torres; seguidamente, Xoel Roque de 4º C declamou un fermoso poema da súa autoría titulado “Ángel en tierra”; despois, Vera Rodríguez de 1º D tamén recitou un poema creado por ela mesma e que leva por título “ Ao amencer”; posteriormente, un numeroso grupo de alumnas de 1º D cantou “Adiós ríos” de Rosalía de Castro; e para finalizar, Martina González de 1º C recitou un poema de Antonio García Teijeiro.

Moitas grazas a todos e todas por participar e parabéns aos gañadores e gañadora.

EDDLG principal.png

VISITA DE ANTÓN RIVEIRO COELLO

O pasado luns 13 de marzo tivemos a sorte de contar co escritor Antón Riveiro Coello durante as dúas sesións da tarde. Para presentalo botamos man dun contacto común  que ten un gran coñecemento sobre a vida e obra do autor, Fernando Fernández, da editorial Galaxia.

 

Na primeira sesión, reuniuse co alumnado de 4º ESO, que lera a novela O paraíso dos inocentes; na segunda, o encontro foi co alumnado de 1º de Bacharelato, que fixera a lectura de As rulas de Bakunin, un clásico da súa produción.

 

Resultou un encontro moi familiar no que o escritor, ademais de responder a todas as preguntas que inquietaban ao alumnado, agasallou aos primeiros de cada curso que lle formularon unha pregunta cun dos seus libros.

EDDLG principal.png

PREMIO CONCURSO ARTÍSTICO DÍA DE ROSALÍA

De novo volveu suceder: en Salceda non hai quen compita co entroido, nin a mesmísima Rosalía de Castro, piar imprescindible no Rexurdimento poético da nosa lingua. Mostra disto foi a baixa participación no concurso de artístico que se convocou para celebrar o día de Rosalía, 23 de febreiro, xa que só se presentou a nosa incondicional Lucía Fernández Gándara de 3º ESO C que participou na modalidade de relato curto.

A entrega de diploma e premio tivo lugar na biblioteca durante o recreo o mércores 1 de marzo.

 

Parabéns Lucía!

EDDLG principal.png

CONCURSO CHÍOS CON AMOR

Xa non nos queda ningunha dúbida de que no IES Pedras Rubias reina o amor. Proba disto son os máis de 50 chíos que se presentaron no Concurso Chíos con Amor.

O xurado acordou por unanimidade premiar o seguinte alumnado:

A continuación podedes ler algún dos chíos presentados:

 As caras ao recibir os chíos de amor falan por si soas!

 

E para rematar, o mércores 15 de febreiro fíxose a entrega de diplomas e premios:

 

Moitos parabéns!!

Seguide a participar nas diferentes propostas!

 

EDDLG principal.png

ENTROIDO 2023

Comezamos a quecer os motores para a semana de entroido.

A Meca xa se pronunciou e xa anunciou o mandado para o vindeiro luns.

  

 

Estade atentos e organizádevos por aula porque este ano tamén teremos premio para a mellor aula que siga os mandados da Meca.

 

 

A aula gañadora en seguir os mandados da Meca resultou 1º ESO C, cun total de 83 puntos.

 

EDDLG principal.png

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

O día 23 de febreiro cúmprense 186 anos do nacemento de Rosalía de Castro.

 

Para celebralo, no IES Pedras Rubias o Departamento de Lingua Galega e Literatura organiza un Concurso Artístico de Creación Propia.

Son varias as modalidades de creación: haikus, cómic, relato curto, peza teatral breve, debuxo, colaxe ou calquera traballo manual relacionado con Rosalía de Castro.

Tedes de prazo ata o xoves 23 de febreiro.

Para máis información consulta as bases completas.

EDDLG principal.png

CONCURSO CHÍOS CON AMOR

Dada a boa acollida que todos os cursos ten esta proposta, o departamento de Lingua Galega e Literatura volve pór en marcha o concurso de mensaxes de amor e amizade Chío con amor.

A que esperas? Dálle renda solta á túa alma poética e crea o teu chío de amor. Tes ata o 9 de febreiro e lembra que ten que estar escrito en galego e non pode superar os 280 caracteres.

Preme neste enlace para consultar as bases.

EDDLG principal.png

Powered by Drupal - Design by artinet