CONCURSO RELATO CURTO

Un curso máis, o Departamento de Lingua Galega e Literatura pon en marcha este concurso literario.

Consiste no concurso por aulas de relato breve (cun máximo 150 palabras) e que estará aberto a todo o alumnado do centro. Ten carácter mensual (de outubro a maio) e entregaranse a través da rede a través da conta de correo concursorelatocurto@gmail.com. Os do mes de outubro comezarán polo comezo da obra  Desperta do teu sono de Luísa Villalta, autora das Letras Galegas 2024: “Cada mañá, os antepasados marchan descalzos para non espertarnos, como un último xesto de amor”.  Os seguintes meses, empezarán pola última oración do relato gañador do anterior mes de cada aula.  

A que estás esperando? Anímate e participa.

EDDLG principal.png

GAÑADORA DO VI CERTAME DE FOTOGRAFÍA “IMAXES DO PATRIMONIO”

A pesar de que rematasen as vacacións, da calor, das obras, de comezar en luns… no IES Pedras Rubias dámoslle a benvida ao novo curso da mellor das maneiras posible, posto que a alumna Martina González Rodríguezde 2º ESO A acaba de resultar gañadora do 1º premio na categoría de Ensino Secundario no VI Certame Imaxes para o Patrimonio de Recollida de Fotografías do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, baixo o título“No Carballiño as mulleres si saben dan malleiras”.

 

Esta fotografía foi tirada en Santa María de Arcos, en O Carballiño (Ourense) no ano 1940.

Nela aparecen as polbeiras de Arcos mazando polbos para máis tarde secalos e así poder conservalos ata o día da feira.

A que está de xeonllos collendo dunha ola un polbo é a miña bisavoa Sira.

Con esta tradición tan típica de O Carballiño continuou logo o seu fillo, o meu avó paterno, e na actualidade, o meu pai.

Está claro que, se por tradición é, a min non me vai tocar outra que ser polbeira!

 

 

Aínda descoñecemos a data na que se fará a entrega de premios, pero si sabemos que a nosa gañadora e a súa familia recibirán un ordenador portátil. Parabéns!!

Tamén queremos agradecer as achegas do resto do alumnado participante: Mariña Alonso Rodríguez, Elena Barreiro Besada, Brais Fernández Castiñeira, Hannah Framiñán Videira, Miguel Soengas Fernández e Yasmín Suárez Besada. Toda a comunidade do IES Pedras Rubias séntese moi orgullosa de vós. 

Agardamos que sigades a recoller fotografías antigas das vosas familias para poder contar con vós na seguinte edición! 

Libros de Texto 2023-24

RELACIÓN DE LIBROS DE TEXTO Curso 23/24

Antes do 19 de xullo o ISBN dos libros de Xeografía e Historia de 1º e 3º da ESO estaba incorrecto, neste novo documento xa aparecen correxidos.

 

BANCO DE LIBROS DA ANPA  Curso 23/24

Nos arquivos adxuntos tedes toda a información e podedes descargar o impreso de solicitude

XANTAR LITERARIO NO MONTE ALOIA

 O pasado xoves 15 de xuño o alumnado do club de lectura clausurou o curso facendo unha excursión literaria ao Monte Aloia (Tui).

 

 

Logo dunha camiñata asfixiante ladeira arriba ata a zona do merendoiro, houbo tempo para o lecer compartindo xogos de mesa da biblioteca.

Despois do xantar, houbo un emotivo coloquio literario no que cada compoñente do club de lectura expuxo o seu libro preferido e fixo recomendacións de lectura para a inminente época estival.

  

  

Seguidamente, fíxose un pequeno percorrido ata o punto máis alto para contemplar as fermosas vistas.

E xa para finalizar e adozar se cabe aínda máis a xornada, degustáronse uns saborosos e fresquiños xeados que axudaron a entoar cánticos no traxecto de volta no autobús.

Bonita convivencia que permanecerá no recordo dos compoñentes do club de lectura 22/23.

 

EDDLG principal.png

Powered by Drupal - Design by artinet