VISITA Á ILLA DE SAN SIMÓN

O pasado 6 de maio o alumnado de 4º de ESO viviu unha xornada memorable, na que houbo tempo para o recordo, a homenaxe, a convivencia e, como non, o lecer.

Acompañados unha vez máis do alcalde de Salceda de Caselas, D. Marcos Besada, do escritor e historiador D. Xosé Ramón Paz Antón e, por suposto, do profesorado integrante do proxecto En Paradoiro descoñecido, visitou a illa de San Simón. Alí atopáronse co alumnado e profesorado dos IES de Ames. Todos xuntos percorreron este paraíso da ría de Vigo e coas explicacións da guía coñeceron moitos máis detalles da súa historia.

Logo dun tempo lúdico realizando unha busca do tesouro e degustando o gorentoso botín, nun pequeno acto converteron este espazo de referencia na Illa da Memoria e renderon homenaxe ás vítimas da represión franquista.

Para comezar, os alumnos Ariadna, Yashira, Daniel e Mateo interpretaron unha breve peza musical coa que crearon o ambiente imprescindible de sensibilización para que Noelia Fernández, Guillermo, Andrés, Yashira e Ariadna relatasen de forma breve a historia de San Simón como cárcere dos combatentes republicanos e anarquistas durante a Guerra Civil, e represaliados antifranquistas trala contenda. Coa súa potente e, á vez, sentida voz, Alexandre recitou o poema de Claudio Rodríguez Fer “Contra o exterminio atroz”; e Carlota (alumna do IES de Ames) continuou a homenaxe recitando “Cunetas” de Luís Pimentel. Agoney clamou e conseguiu unificar unha petición unánime de liberdade e democracia. A continuación, o escritor e historiador Paz Antón falou dos salcedenses que estiveron presos na illa, e Yoel, Pacheco e Víctor leron os fragmentos do libro Salceda de Caselas republicana 1936 no que figuran os seus bisavós e recollen as súas experiencias. Para pechar este emotivo acto, a música volveu soar con Ariadna, Yashira, Daniel e Mateo.

A xornada de convivencia entre ambos centros continuou en Redondela cunha camiñata que os levou ata a praia de Cesantes, na que os e as máis valentes ata se bañaron.

Principal.png

Powered by Drupal - Design by artinet