EXPOSICIÓN "GALEGOS EN MAUTHAUSEN"

En relación co proxecto que este curso estamos a desenvolver co alumnado de 4º de ESO, En paradoiro descoñecido, desde o pasado 19 de novembro contamos coa exposición “Exilio e Deportación, de Monterrei e Boborás aos campos nazis”.

O autor é D. Heladio Anxo Fernández Manso e formou parte da homenaxe que a asociación cultural ‘Monterrei, cultura e territorio’ lle tributou ao veciño de Estevesiños (Monterrei), Joaquín Balboa, preso no campo de Mauthausen durante a II Guerra Mundial, no verán do 2016.

A exposición consta de 14 paneis que inclúen un breve texto de presentación, testemuños directos e imaxes.

O obxectivo é dar a coñecer as experiencias vividas polos exiliados republicanos españois deportados aos campos nazis, tendo como referencia os casos concretos de Joaquín Balboa (deportado ao principio da II GM) e Antonio Pérez (de Boborás, membro da Resistencia francesa). As mulleres teñen tamén o seu espazo como vítimas do fascismo, con Mercedes Núñez Targa como exemplo máis próximo.  

A exposición veu acompañada de material complementario: un cuestionario para axudar a súa lectura e comprensión (traballado na área de Xeografía e Historia), e o documental da TVG protagonizado por Joaquín 'Mauthausen, regreso ao campo da morte'. Ademais, o luns 26 de novembro o profesor da materia de 2º de Bacharelato Holocausto e Memoria do IES Politécnico de Vigo, D. Xoán Manuel Garrido Vilariño impartiu unha charla sobre o tema titulada "Destino descoñecido: galegos e galegas no holocausto". Todos estes recursos serviron para profundizar no coñecemento da historia dos nosos deportados.

Estará exposta no noso centro ata o día 30 de novembro, data na que continuará a súa viaxe por outros centros de Galicia, tal como aconteceu durante todo o pasado curso. O seu seguinte destino inmediato será o IES Chano Piñeiro de Forcarei

 

EXPOSICIÓN "GALEGOS EN MAUTHAUSEN"

Powered by Drupal - Design by artinet