Cor de mazá

Ramón Blanco, exprofesor do instituto, adica a súa columna mensual no xornal ABC a Xose Luis, o noso querido bibliotecario.

 

                                       COR DE MAZÁ

 

Mentres o día devalaba e un frío siberiano ía vencendo o sol da tarde “neste grande reino do Fisterre que vai dende os montes hasta o mar, onde brilan os pes do vento”, prendín a vitrola dos rondós de antano para acompasar a lectura dun libro que non existe: El Señor de Mondoñedo. Recuerdos literarios y gráficos de la vida y la muerte de Álvaro Cunqueiro. 28 - febrero - 1981. Así titulou o meu amigo José Luis o álbum secreto que elaborou hai trinta anos cos recortes de prensa que ían publicando ao morrer o escritor tan admirado por nosoutros e que sería hogano centenario. Cando quixo regalarmo non o aceptei, por parecerme excesivo, mais accedín a que me fixese a fotocopia que agora manexo. A súa vinga foi darme, sen posibilidade de rexeitamento, outro documento aínda máis importante, do cal só temos noticia algúns da sociedade secreta dos cunqueirianos.

José Luis é zamorano pero fixou en Vigo, onda o mar maior, o seu domicilio, como fixera Cunqueiro. A relación con Galicia xa lle vén de cando era estudante interno nos Salesianos de Cambados. Lembro unha conversa a propósito do clima (que non é “falar do tempo”) na que relataba o frío siberiano que atravesaba os tristes uniformes daquelas idades, as húmidas paredes pétreas que non eran a súa casa. Asocio aquel frío salesiano a uns versos da adicatoria que Ferrín pon no inicio de Estirpe: “yo quisiera mi libro con los libros amados/ de Antonio Gamoneda, el niño/ que bajó de las Asturias como baja el ganado,/ con dolor y olor,/ y el recuerdo de vitrolas venenosas”.

José Luís acabou por ser mestre e encargouse con esmero da biblioteca do instituto de Salceda de Caselas, cos seus libros amados, obtendo en troco o respecto e cariño do alumnado e mais de quen teñen a inmensa sorte de traballar con el, que agora me convidan a unha cea de homenaxe con motivo da súa xubilación.

Podo soñar mares e imaxinalo lendo isto, mentres come unha desas mazás vizosas que sempre ten a man, irmás das que atesouraba Cunqueiro no seu cuarto de traballo. Mais nesta frutífera transacción non son quen de dicir cal deles é o provedor e cal o cliente, meu amigo.

 

"Este texto foi publicado inicialmente o 29 de xaneiro de 2011 no suplemento "Artes & Letras Galicia" do diario ABC".

 

Enlace no diario ABC: http://www.abc.es/20110131/comunidad-galicia/abcp--20110131.html

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet