Paz Antón e o Doutor Zunzunegui

            Convidamos a Xosé Ramón Paz Antón para que nos presentara o seu libro sobre O DOUTOR ZUNZUNEGUI.

            Paz Antón é historiador, pintor, deseñador, músico, escritor, político …

            En 1980 fundou o grupo musical Na Lúa, co que chegou a editar oito discos  entre 1985 e 2001, ano da súa disolución: Na Lúa (1985), A estrela de Maio (1987), Ondas do mar de Vigo (1988), Contradanzas (1991), Peliqueiro (1994), Os tempos son chegados  (1997), Feitizo (1999) e  As fases de Na Lúa (2001). Ademais, colaborou coa cantante Uxía nos discos  Foliada de marzo  (1986) e  Entre cidades (1991).

Nos mesmos anos editou e animou en O Porriño unha revista que foi un referente do dinamismo cultural que se desenvolveu nalgunhas vilas galegas na fin do século XX: a revista O TRANVÍA. Nela publicou algúns traballos de investigación sobre músicos, bandas, grupos musicais e orquestras locais.

Como pintor ten feito moitas exposicións individuais con éxito. A pintura parece unha actividade continua e de fondo de todas as outras ocupacións.

A súa actividade política tamén é destacada, pois foi concelleiro en O Porriño durante algúns anos e deputado no Parlamento de Galicia entre 2005 e 2009, ocupando alí os cargos de presidente de dúas comisións: a de industria e a de emigración.

Como historiador ten repartido o seu tempo entre a historia da música popular en O Porriño e Salceda e os inicios da guerra civil española.

 

 

            E en decembro de 2015 deu ó prelo o libro sobre O DOUTOR ZUNZUNEGUI, editado polo Concello de Salceda.


            Amablemente prestouse a unha entrevista en ONDARRAIA, a nosa radio, a cargo de Nuria, Carina, Hugo e Jesús.

            E logo faloulles ás alumnas e alumnos de 4º no salón de actos.

            Destacou varios aspectos da vida do doutor Zunzunegui:

            -As orixes familiares vascas e as actividades emprendedoras relacionadas coas obras públicas que achegaron á familia a Galicia.

            -A destacada formación universitaria de médico e cirurxián nas universidades de  Salamanca e Santiago de Compostela.

            -A actividade profesional en Salceda a partir de 1901 como médico municipal, “médico dos pobres”.

            -A preocupación pola educación dos seus fillos e das persoas coas que tiña unha relación cercana.

            -A súa morte temperán, relacionada co exercicio profesional.

            -A extensa familia, con fillos e netos que destacaron en diversos campos do saber.

 

            A amenidade das palabras de Paz Antón cativou aos alumnos de 4º.

            Finalmente o alcalde de Salceda, don Marcos Besada, como editor institucional do libro, dirixiulles unhas palabras antes de agasallalos cun exemplar.

                                              (13 DE MAIO DE 2013)

Powered by Drupal - Design by artinet