Destino...¡ Compostela! Bo camiño.

 

22 de outubro, segunda feira… despois dunha noite sen parar de chover, amence coa mesma cara coa que pasara a noite, quer dicir, CHOVENDO!!

Pero cando digo chover, é chover a xeito, con forza, cando as nubes teñen frío, xúntanse e, ala!, non paran de soltar auga. Así, con este parte meteorolóxico, saímos pola mañá cedo cara Arzúa.

A chuvia non podía ser un atranco e, valentes e rexos, collemos camiño cara o norte.

Chegamos a Arzúa e a chuvia parece que nos collera medo que fuxiu deixándonos comezar o itinerario sen problemas.

Ás 11 h, saímos do centro de Arzúa. 24 Km por diante e moitas ansias e forzas por consumir.

Os rapaces/as comezaron cun ritmo trepidante, todos xuntiños, coma un rabaño, ninguén quedaba atrás. A pouco de saír da vila, os prados, as vacas, as leiras acompañábanos nesa ollada rural e cun certo cheiro a ….VACA!!

Pouco despois carballos, freixos, castiñeiros,piñeiros, camiños de terra… unha paisaxe galega de interior... o grupo comezaba separarse e algunhas iamos quedando atrás formando un segundo pelotón, con paso máis lento pero constante.

Xente, de todas partes, culturas, linguas, razas… parecían por momentos, estar noutro país, pero en ningún momento nada impediu a comunicación entre eles e nós. Un saúdo, unha mirada de aprobación, un sorriso… mulleres, homes, nenos, mozos/as que, compartían as ansias de camiñar e chegar ao destino connosco.

Certo é, que a chuvia deixounos camiñar sen necesidade de enchouparnos en auga, e a ela agradecémoslle que tan só nos visitara durante uns escasos minutos durante o percorrido. Seguro que foi para saudarnos!

A parada para o bocata chegou a tan so 5km do destino dese día. Algúns xa o comeramos polo camiño, a fame comezaba retorcer as tripas e había que repór forzas para chegar ata O Pino.

Ao redor das 16h, fixemos a entrada en O Pino, onde estaba o albergue onde iamos pasar a noite.

Unhas prolongadas duchas e un prato de comida quente axudaron a reanimarse e relaxarse despois da primeira xornada de andaina.

A noite remata cedo, polo reloxo, ás 22h cada quen na súa cama, cada quen co seu pixama, cada quen cos seus ronquidos, soños, arrolos… Boa noite!

 

Ao día seguinte…

En pé ás 7:30h mañá, o galo xa cantara, así que non quedaba outra que erguerse. Pero, se aínda era de noite? Comezar a camiñar ás apalpadelas, podía ser divertido!

As primeiras palabras non cuarto das mozas, non foron os tan cordiais “bos días!” senón, queixidos tipo “Aiii!” e é que, nada máis pór un pé no chan, todas os músculos do corpo desprendían tales queixas, falaban por si sos. Moitas descubriron que tiñan músculos no seu corpo que, ata entón, descoñecían!

Esta fase era a última e definitiva. Obxectivo: Compostela, praza do Obradoiro. 18km “de nada”, despois dunha longa noite, non de pedra, senón de bos soños, aínda que algúns de nós non pegaramos ollo!

Ese día, non nos acompañou a chuvia, ela decidiu abandonarnos para deixar paso ao sol, que, xuntos unhas intensas maniotas foron os leais acompañantes durante toda a xornada.

Sol, ceo aberto, azul e temperatura ideal para esta xornada. Con este día, todo sería máis doado.

Na primeira parte deste tramo, volvemos a lembrar a paisaxe do día anterior, pero desta sen tanto prado e con máis monte. Castiñeiros, carballos, piñeirais e, como non!, os eucaliptos. Dificultade baixa. Pero a segunda parte deste traxecto, deixamos o  monte e pasaron a seren casas de aldea, os camiños estradas pequenas asfaltadas e paso a paso a paisaxe foise transformando nun aspecto máis urbanizado.

E, como por arte de maxia, un anxo apareceu no noso camiño, un meigo que nos traía froita, bocadillos, auga… grazas Suso!

A subida do monte do Gozo afinaba a nosa chegada á cidade compostelá. Unha xeitosa subida que poñía a  proba as nosas forzas, por entón escasas.Os pés xa non se sentían. Pero dende o alto, parecía que xa se divisaba a praza do Obradoiro e un leve sorriso viunos á cara, coa satisfacción de saber que se chegaramos ata alí, ben poderiamos chegar ata a mesma catedral.

Unha hora despois chegabamos á praza do Obradoiro. A primeira quenda en chegar, ao arredor das 13:30, os segundos, terceiros, cuartos pelotóns fixémolo pouco despois. E así, pouco a pouco fomos quen de chegar  derrotados, pero moi satisfeitos á portas da mesma catedral.

Esa chegada foi festiva, tan só faltaban os foguetes pero a festa fixémola igual. Todos/as en grupo fomos  ocupando o centro da praza. Repartimos bicos e sorrisos de satisfacción. Obxectivo conseguido e sen baixas.

Pola tarde, despois dun merecido descanso e uns bocadillos, iniciamos a visita aos tellados da catedral. Para sorpresa da maioría dos rapaces/as, tocaba subir unhas cantas escaleiras estreitas, que, despois da andaina, era como un agasallo extra para o noso corpo. Pero o agasallo verdadeiro estaba esperándonos arriba. Cando parece que xa non queda alento, aparece, impresionantemente as cubertas da catedral, como se fose vista dende o ceo, a vista de paxaro, 360 grados de campoo de visión, ao carón das torres do reloxo, da torre da berenguela, da torre do tesouro… e á beira mesma do apóstolo. Con esas vistas tan sorprendentes, co pico Sacro ao lonxe, o monte do Gozo, e o casco histórico coa súas estreitas rúas camilo todas dun mesmo destino… a catedral.

Platerías, Quintana de vivos, Quintana de mortos, S.Martín Pinario…dende unha perspectiva totalmente diferente á que adoitamos ver. Calquera soño podía facerse realidade. Non facían falta cámaras, as retinas encargáronse de reter aquelas vistas e gardalas dentro da nosa memoria. 

                                                                          Flori

Destino...¡ Compostela! Bo camiño.

Powered by Drupal - Design by artinet