Normalización Lingüística

RECITAL DE POESÍA

O martes 14 de maio, dentro do Programa das Letras Galegas e en conexión co proxecto “En paradoiro descoñecido”, alumnado de todos os niveis do IES Pedras Rubias recitou unha ampla escolma de poemas e cartas, que tiñan en común un único fío condutor: a represión franquista. Todos eles aluden a situacións ou contextos da falta de liberdade, medo ou represión.

O recital iniciouse cunha peza musical, a banda sonora de Amelie, interpretada a piano por Sara Usera de 2º ESO. A continuación, as voces do alumnado estiveron acompañadas da proxección de diapositivas de fondo que incluían conceptos e imaxes referidos nos poemas. Finalmente, igual como se empezara, rematouse con música: Una mattina de Ludovico Einaudi, interpretada pola mesma alumna.

Noraboa a todos e todas e grazas pola vosa colaboración!

RECITAL DE POESÍA

Presenación do cadro: A derradeira leición do mestre

O pasado luns 13 de maio tivo lugar a presentación dun cadro elaborado polo alumnado de 4º de ESO na materia de Plástica.

Trátase dunha réplica do óleo pintado por Castelao en Bos Aires A derradeira leición do mestre en homenaxe ao seu amigo Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936.

A técnica empregada foi o fiorama (fíos de cores tensados e enrodelados arredor dun conxunto de cravos sobre unha base de madeira) e o resultado marabilloso.

Noraboa polo voso traballo!

Presenación do cadro: A derradeira leición do mestre

PROGRAMA DAS LETRAS GALEGAS

Moitas e diversas foron as actividades para conmemorar as Letras Galegas este curso no IES Pedras Rubias.

Ao longo de toda a semana na área de Lingua Galega e Literatura todo o alumnado estivo a afondar na figura do autor homenaxeado este ano, Antonio Fraguas Fraguas. Para iso utilizáronse diferentes recursos, tanto en papel (os cartaces enviados pola Xunta de Galicia, cuestionarios...) como telemáticos (vídeos, entrevistas, telexornais... da rede).

O luns 14, coa cerimonia de presentación do cadro A derradeira leición do mestre.

O martes tivo lugar o recital de poesía a cargo de alumnado voluntario de todos os niveis.

O mércores todo o alumnado acudiu ao salón de actos á representación da obra de teatro Falar sen cancelas.

O xoves realizamos o maratón de lectura da obra Romarías e santuarios do autor homenaxeado, Antonio Fraguas Fraguas.

E, por último, o luns 20 de maio rematou o prazo do concurso de marcapáxinas.

Agardamos que todas estas actividades fosen do voso agrado e gozásedes con elas e coas nosas letras.

Principal.png

VISITA Á ILLA DE SAN SIMÓN

O pasado 6 de maio o alumnado de 4º de ESO viviu unha xornada memorable, na que houbo tempo para o recordo, a homenaxe, a convivencia e, como non, o lecer.

Acompañados unha vez máis do alcalde de Salceda de Caselas, D. Marcos Besada, do escritor e historiador D. Xosé Ramón Paz Antón e, por suposto, do profesorado integrante do proxecto En Paradoiro descoñecido, visitou a illa de San Simón. Alí atopáronse co alumnado e profesorado dos IES de Ames. Todos xuntos percorreron este paraíso da ría de Vigo e coas explicacións da guía coñeceron moitos máis detalles da súa historia.

Logo dun tempo lúdico realizando unha busca do tesouro e degustando o gorentoso botín, nun pequeno acto converteron este espazo de referencia na Illa da Memoria e renderon homenaxe ás vítimas da represión franquista.

Para comezar, os alumnos Ariadna, Yashira, Daniel e Mateo interpretaron unha breve peza musical coa que crearon o ambiente imprescindible de sensibilización para que Noelia Fernández, Guillermo, Andrés, Yashira e Ariadna relatasen de forma breve a historia de San Simón como cárcere dos combatentes republicanos e anarquistas durante a Guerra Civil, e represaliados antifranquistas trala contenda. Coa súa potente e, á vez, sentida voz, Alexandre recitou o poema de Claudio Rodríguez Fer “Contra o exterminio atroz”; e Carlota (alumna do IES de Ames) continuou a homenaxe recitando “Cunetas” de Luís Pimentel. Agoney clamou e conseguiu unificar unha petición unánime de liberdade e democracia. A continuación, o escritor e historiador Paz Antón falou dos salcedenses que estiveron presos na illa, e Yoel, Pacheco e Víctor leron os fragmentos do libro Salceda de Caselas republicana 1936 no que figuran os seus bisavós e recollen as súas experiencias. Para pechar este emotivo acto, a música volveu soar con Ariadna, Yashira, Daniel e Mateo.

A xornada de convivencia entre ambos centros continuou en Redondela cunha camiñata que os levou ata a praia de Cesantes, na que os e as máis valentes ata se bañaron.

Principal.png

CONCURSO AS IMAXES DO PATRIMONIO

O alumnado do IES Pedras Rubias animouse a participar no II Certame de recollida de imaxes de patrimonio inmaterial galego-portugués proposto pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas ondas! Con esta iniciativa pretendíase recuperar e pór en valor as fotografías antigas con valor patrimonial.

Seguindo as bases, as fotografías presentadas recollían diferentes aspectos relacionados co Patrimonio Cultural Inmaterial (oralidade, saberes tradicionais, ciclo festivo anual...), pero tiñan que ser anteriores a 1970. Ademais, cada imaxe debía ir acompañada dun texto no que se incluían os seguintes aspectos: lugar, data aproximada, persoas que aparecen e relación da imaxe co Patrimonio Cultural.

As fotografías presentadas polo alumnado participante (de 1º e 4º ESO) recollían moitos aspectos característicos do noso patrimonio, como son a emigración, as vodas por poderes (que o alumnado descoñecía), a educación, a guerra, os casamentos, os bailes...

Grazas á aportación dos nosos concursantes, coa colaboración das familias, estas imaxes usáronse no ámbito escolar e déronse a coñecer ao resto do alumnado.

Grazas pola participación e sorte!

Principal.png

E VOLVEMOS XOGAR!

Debido á boa acollida que tiveran o pasado curso os 25 xogos tradicionais prestados pola Concellaría de Xuventude do Concello do Grove, de novo este curso repetimos a iniciativa.

A finalidade que se pretende é promover e conservar o noso patrimonio inmaterial a través dos xogos tradicionais.

Desde o 29 de abril ao 3 de maio, nas sesións de Educación Física, o alumnado puido xogar da forma máis tradicional. E aqueles/as que quedaron con máis ganas, puideron repetir durante os recreos, xunto ao profesorado que tamén se animou, que non foi pouco!

Principal.png

MAGOSTO TERRORÍFICO

O pasado martes 13 de novembro tivo lugar o magosto terrorífico do IES Pedras Rubias, fusión de dúas festas tradicionais e próximas no tempo: o magosto e o samaín. Inicialmente, estaba previsto para o venres 9, pero houbo que adialo pola metereoloxía adversa.

A semana anterior, nas aulas de Lingua Galega e Titoría, traballáronse aspectos como o magosto tradicional, a santa compaña, o texto instrutivo... Tamén se decorou o vestíbulo do centro con motivos de medo (pantasmas, arañas, morcegos...) e realizouse unha exposición de calacús e de receitas escritas elaboradas con produtos de outono. Unha novidade deste curso, e que tivo grande acollida, foi a presentación, valoración e posterior degustación das sobremesas realizadas cos devanditos produtos de outono.

O día 13, disfrazados de Santa Compaña, desprazámonos ata a encrucillada dos Sete Camiños. Alí asistimos a unha representación teatral da obra adaptada de Luis Jaraquemada titulada A Santa Compaña.

Posteriormente celebramos un magosto tradicional no campo de terra do instituto.

Premiouse a aula que mellor organizou a actividade de forma global (calacús, receitas, magosto e santa compaña) A gañadora foi 2º B, de novo da titoría do profe Rubén. Noraboa!

DÍA DAS BIBLIOTECAS

Para conmemorar o Día da Biblioteca, logo do Tamén len do propio día, o xoves 25 de outubro tivo lugar unha lectura compartida durante o recreo a cargo de alumnado de 3º e 4º de ESO.

En relación co proxecto "En paradoiro descoñecido" léronse fragmentos de obras narrativas que nos mergullen nesta temática:

  • "A lingua das bolboretas" en ¿Que me queres, amor? de Manuel Rivas
  • O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas
  • Noite de voraces sombras de Agustín Fernández Paz
  • Agosto do 36 de Xosé Fernández Ferreiro.

  Podedes consultar máis información no blog da biblioteca Calixtina.

DÍA DAS BIBLIOTECAS

PROXECTO: "EN PARADOIRO DESCOÑECIDO"

 

Este curso vaise levar a cabo co alumnado de 4º de ESO un proxecto denominado “En paradoiro descoñecido”.

 Trátase dun proxecto internacional e colaborativo de 20 institutos de educación secundaria (4 en Francia e 16 en España) a través de eTwinning.

 O obxectivo fundamental é sensibilizar e implicar ao alumnado na herdanza cultural para desenvolver un pensamento libre, e rescatar da memoria colectiva os milleiros de persoas desaparecidas durante o Franquismo, hoxe en paradoiro descoñecido. 

 

Representación teatral de Anagnórise

O venres 8 de xuño, o alumnado de 3º e 4º asistiu á representación teatral de Anagnórise no salón de actos do instituto, obra baseada no libro de María Victoria Moreno que o alumnado xa lera previamente.

O espectáculo foi interpretado por Limiar Teatro. Esta representación forma parte da programación teatral que, baixo o título María Victoria Moreno a escena!, o Departamento provincial de Cultura e Lingua leva por todos os concellos da provincia de Pontevedra.

 

Representación teatral de Anagnórise

Powered by Drupal - Design by artinet