Folga de alumnado

A Lei Orgánica 2/2006 de Educación (LOE), no punto 5 da disposición derradeira primeira, de modificación da Lei Orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do Dereito á Educación, establece:

5. Ao artigo 8 da Lei Orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do Dereito á Educación, engádese un novo parágrafo coa seguinte redacción:

“Co fin de estimular o exercicio efectivo da participación dos alumnos nos centros educativos e facilitar o seu dereito de reunión, os centros educativos establecerán, ao elaborar as súas normas de organización e funcionamento, as condicións en que os seus alumnos poden exercer este dereito. Nos termos que establezan as administracións educativas, as decisións colectivas que adopten os alumnos, a partir do terceiro curso da educación secundaria obrigatoria, con respecto á asistencia a clase non terán a consideración de faltas de conduta nin serán obxecto de sanción, cando estas fosen resultado do exercicio do dereito de reunión e sexan comunicadas previamente á dirección do centro”.

Artigo 92.2. da normas do centro (RRI)

A falta colectiva de asistencia a clases  será considerada unha conduta gravemente prexudicial para a convivencia no centro a menos que conte coa autorización da dirección e da comisión de convivencia.

Esta autorización só se concederá cando sexa solicitada por escrito, xustificando os motivos, pola xunta de delegados, previo debate nas aulas, sobre a base dalgunha causa grave ou da convocatoria dunha organización legalmente constituída.

En calquera caso, debe garantirse  que os alumnos que voluntariamente desexen asistir ás clases poidan facelo.

 En resume:

Os alumnos de 1º e 2º de ESO non poden facer folga en ningún caso, mesmo cando haxa unha convocatoria por parte dalgunha organización estudantil. Só teñen dereito a facer folga a partir de 3º ESO, porque así o recoñece a LOE.

-Para que a falta de asistencia colectiva sexa considerada como xustificada, compre que previamente se reúnan e informen á dirección do centro.

-Deberase seguir o procedemento arbitrado pola dirección e establecido nas normas do centro.

-A dirección garantirá o dereito de reunión, así como o dereito de asistencia ás clases do alumnado que non secunde a convocatoria de folga.

Procedemento a seguir ante a convocatoria de folga de alumnado:

   1º Xunta de delegados

-  Comunicar á dirección do centro a intención de reunirse para debater e adoptar unha postura.

-  Levantar acta da reunión coa decisión adoptada e entregala á xefatura de estudos.

   2º Delegados/as:

-  Informar ao grupo das decisións adoptadas na reunión da xunta de delegados.

-  Debater na aula durante un recreo ou sesión de titoría para a toma de postura ao respecto e informar desta ao seu titor/a (no seu defecto á xefatura de estudos.

-  Achegar á xefatura de estudos un listado coa relación e sinatura dos participantes.

   3º Titores/as:

-  Facilitar ao alumnado o documento de comunicado ás familias e xustificación de folga.

-  Recoller as xustificación devoltas e rexistrar a ausencia como xustificada.

   4º Alumnos/as:

-  Entregará a súa familia o comunicado para, se é o caso, secundar e xustificar a folga.

-  Devolver a xustificación asinada ao titor/a.

   5º Familias:

-  Comunicar ao centro no día seguinte ao da súa expedición, a súa conformidade ou non coa participación na folga do seu fillo ou filla.

 Observacións:

-As nais, pais, e titores manteñen a potestade de decidir se os seus fillos/as fan ou non folga individualmente. As nais e pais, si desexan saber se o seu fillo fai ou non folga, con independencia do que este dixera na casa, poden chamar ao centro para contrastar a información.

-Resulta evidente que aquel que exerza ese dereito, farao durante todo a xornada/s que asinou, é dicir, non poderá asistir a unhas clases determinadas e a outras non.

-Ao alumnado que comunique estar en folga constarlle como unha falta de asistencia xustificada, sempre que os seus pais estean de acordo e a xustifiquen.

-Os alumnos que decidan non apoiar este tipo de medidas e asistan ao centro, terán clase normal.

-Respectarase a programación das clases e a celebración das probas ou exames previstos. Mesmo se non hai alumnos na aula, o profesorado poderá dar a materia por explicada.

-Serán consideradas faltas as actuacións encamiñadas a prexudicar o imposibilitar o normal desenvolvemento das actividades lectivas.

-Non se aceptarán xustificacións por folga a posteriori .