Articles

25N

Para conmemorarmos o día Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller alumnado de 1º, 2º e 3º fixeron unha actividade de creación de lemas contra a violencia que completaron coa creación destes cartaces tan ben feitos!

                                                            

Samaín

O pasado mes de outubro celebramos no centro o Samaín. Tivemos un concurso de relatos de terror e un concurso de decoración de portas no que colaboraron a Biblioteca, o Dpto. de Artes Plásticas e os Dptos. de Linguas do centro. Moitas grazas a todas e todos por participar e parabéns aos gañadores!

                                                              

                                                  

Charla con Qaramelo Videoxogos

O martes tivemos no noso centro a visita de Carlos Dorado de Qaramelo Videoxogos. Qar é técnico superior en animación 3D, videoxogos e contornas interactivas e titulado no mestrado CICE de Desenvolvemento de Videxogos. Fixo para o alumnado de 4º da ESO unha charla moi amena e divertida en que nos explicou a súa formación académica e recente experiencia laboral na creación de videoxogos, como o proxecto Gran Prix Turbotalina, que parte dun encargo da banda de rock galega Terbutalina.

Entre outras cousas, resaltou a importancia de crear este tipo de contido na nosa lingua deixando claro que o galego tamén serve para os videoxogos.

Concurso de recollida de receitas de Entroido

Xa está a chegar o Entroido!

A Equipa de Dinamización da Lingua Galega xunto do Departamento de Xeografía e Historia organizan un concurso de recollida de receitas típicas de Entroido. Podedes consultar as bases no cartel que acompaña esta entrada.

Filloas, orellas, freixós, chulas, roscos de anís e sen anís, cocidos con e sen cachucha forman parte das comidas típicas destas datas.

Ide recollendo as mellores larpeiradas que se fagan na vosa casa! Así faremos un delicioso libro de receitas.

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL E ANINOVO

No documento adxunto poderedes consultar as bases para poder participar no CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL E ANINOVO que convoca cada ano o EDLG e o DEPARTAMENTO DE PLÁSTICA deste IES. Ánimo e a polos premios. 

BASES CONCURSO VIOLENCIA DE XÉNERO

O Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega e o Equipo de Igualdade deste instituto, no seu afán de loitar contra a desiguladade e de propagar o uso da lingua galega, anima a toda a Comunidade educativa ao seu emprego, e con este fin convoca un CONCURSO DE VÍDEOS CURTOS ou PRESENTACIÓNS sobre a VIOLENCIA DE XÉNERO E A IGUALDADE.

Tedes información sobre as bases do concurso no ficheiro adxunto.

VISITA Á EMISORA DE RADIO CUAC FM

O alumnado de 2º da ESO, desprazouse o martes 28 de maio á emisora CUAC FM, para emitir un ano máis o seu propio programa de radio. Os textos e incluso as cancións, foron elaboradas integramente en galego sobre temas relacionados co proxecto Mais pola Igualdade. Como ben amosan as fotografías, disfrutaron moito coa actividade e sen dúbida repetiremos un ano máis.

   
   



 

 

HOMENAXE A ROSALÍA DE CASTRO

O luns 25 de febreiro, co gallo do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, fixémoslle unha homenaxe no centro. Os rapaces recitaron polas aulas poemas da autora co obxectivo de honrala e dar a coñecer o seu legado.

ROTEIRO OTERIANO

O pasado martes 6 de novembro, o alumnado de 4º da ESO, participou nunha nova edición do Roteiro Oteriano, que este ano abrangueu tres lugares emblemáticos: o Mosteiro de Oseira, o Pazo de Trasalba e a cidade de Ourense. Esta actividade celébrase conxuntamente cos Departamentos de Lingua e Literatura Galega e Xeografía e Historia. Aprendemos moito da arquitectura cisterciense, paseamos polos claustro do Mosteiro guiados por un monxe da congregación, que nos amosou os misterios do lugar. Máis tarde, en Trasalba, os guías explicáronnos aspectos relevantes da vida de Otero que influiron na súa obra. Pola tarde, desprazámonos ao IES Otero Pedrayo de Ourense onde fomos recibidos pola Vicedirectora do IES, que nos fixo de guía e nos lembrou que Otero fora alumno e profesor de dito centro. Logo fixemos un roteiro literario pola parte vella da cidade, parándonos nas casas natais de Otero, Risco, Blanco Amor... E tamén, fixemos unha parada breve na Praza Maior, na Catedral e nas Burgas.

Concurso de recitado de poemas organizado pola Fundación Manuel María

Marina e Aroa

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES R. Otero Pedrayo participou na fase final do concurso de recitado de poemas que organiza a Fundación Manuel María en Outeiro de Rei para conmemorar a Rosalía de Castro. Este ano representáronnos dúas alumnas de 4º da ESO: Marina Aradas e Aroa Rodríguez. Noraboa a estas dúas alumnas.