Skip to Content

Ligazóns importantes

Emails do profesorado                                                        Horarios de atención a nais e pais

De carácter lingüístico

Nomes de peixes

Deixámosvos unha mostra dos nomes de especies marítimas que se venden no noso mercado en Redondela. Se queredes ver como son, ide ao apartado científico:

 

 

Acedías

Ameixa babosa

Ameixa rubia

Bacaladiños-Lirios

 Bacallau

Bucareos

Cabracho

Calamares

Cariocas, pescadillas e monxas

 

Castañeta

Centolo

Chinchos

Choco

Croques ou berberechos

Dourada

Escarapota

Escarpón

Fanecas

Linguados

Navallas

Nécora

Patelos

Peixe sapo ou Rabada

Raia

Rapantes

Rincha ou Cabala

Xurelos ou xirelos

 

 

 

FRASEOLOXÍA

 

Neste apartado imos ir recollendo frases, expresións e refrán empregados pola nosa xente do mar; algún deles, loxicamente, compartidos con outras comarcas mariñeiras, mais outros deseguro singulares da nosa contorna.

 

•  Hai mar de fondo / Hai mar afora / Bota muito o mar (mar revolto)

•  Muita brancura / Ovellas brancas/ Marexada / Marusía (mar picado)

•  Hai vento fresco / Hai vento ao mar

•  Hai resaca (mal tempo)

•  Maré debalada / O debalo da maré (baixa mar)

•  Mar cheo / Pleamar

•  A repunta da maré (cando o mar empeza a querer encher)

•  A media maré (cando o mar está medio cheo)

•  Pescar ao axexo (á noitiña)

•  Abalizar o peixe (colocar unas boias cunhas luces)

•  Ir á espicha (capturar peixes planos)

•  Ir á ollo (capturar peixes na baixamar)

•  Ir a seca (capturar peixes na baixamar)

•  Un barco non debería navegar cunha soa áncora, nin a vida cunha soa esperanza.

•  Vai, non vai; agárrate ao norai.

•  Mellor navega o que ten bo vento ca o que rema con moito alento.

•  Se o remo rompe polo ghión, pagha o patrón.

•  O cebo é o que engana, e non o pescador nin a cana.

•  Banco en varadeiro, non ghaña diñeiro.

•  Ser coma o bicheiro que ten dous ghanchos, un para atracar e outro para desatracar.

•  Pescador de “anzuelo” á súa casa vai con “duelo”.

• Se lle dás a unha barca co rizón, non discutas co mariñeiro e dalle a razón.

•  Estrelas a brillar, mariñeiros para o mar.

•  Se vou a Bueu vou nun bou, senón non vou.

•  Á arte non ghañas parte.

•  Bogha o mar, bogha o peito.

•  Todo o que cae á rede é peixe.

•  Mar está calma chicha (tranquilo)

 

 

A PESCA DE BAIXURA

 

 

O cantar d´o mariñeiro

é un bonito cantar:

triste cando vai para illa,

alegre cando se ven do mar

                Ernesto Casto Padín Lorenzo:Amores e dolores (1940)

 

A pesca de baixura, xunto co marisqueo, son as actividades marítimas máis importantes no noso concello.

Se cadra a información recollida aquí podía figurar no apartado de Antropoloxía, pois semella que moitos dos usos e artes pesqueiras pouco variaron ao longo do tempo, pero dado que é material léxico o recollido, decidimos incluílo no apartado lingüístico.

En Redondela, a actividade pesqueira segue a ser maioritariamente artesanal, como se poderá comprobar nos datos recollidos polo noso alumnado de 3º e 4º de ESO  a partir da información proporcionada polos seus familiares e/ou coñecidos mariñeiros

Poderase comprobar o uso dalgunha das artes de pesca citadas documentadas xa canto menos no séculos XV e XVI. Naquela altura as artes máis empregadas na pesca eran de rede e liña, trasmallos e sacadas. O incremento da demanda de peixe a fins do século XV e principios do XVI trouxo consigo un novo aparello: o espinel, unha especie de palangre con moitos anzois que se ía estendendo polo fondo do mar. Esta arte foi prohibida nas rías de Vigo e Pontevedra no último terzo do século XVI. Era unha arte tradicional practicada en toda Europa, moi popular polo feito de precisar pouca xente para largar e recoller o aparello, que tanto se podía botar desde a embarcación como desde terra. O palangre segue aínda a ser utilizado por algún dos nosos mariñeiros cesantinos.

Amais destas artes, tamén xa se documenta o uso do cerco e do xeito O primeiro menos practicado por mor do importante número de mariñeiros que se necesitaban. Pola contra, o segundo, era o máis frecuente; o aparello consistía nunha rede con varias pezas unidas que se lanzaban desde a embarcación, manténdose a flote e formando deste xeito unha barreira na que quedaban enganchadas as sardiñas  que logo se recuperaban desenganchándoas unha a unha para que non se estragasen. O cerco e o xeito son artes perfectamente vivas nos nosos mariñeiros. É frecuente ir mercar sardiñas e escoitar das pescantinas “Sonche do xeito, mira que fresquiñas están”

Xa que logo, insistimos no que apuntamos ao principio deste epígrafe: que a información que deseguido presentamos tanto podería ir no apartado de carácter antropolóxico como no lingüístico.

Velaquí unha pequena mostra de diferentes artes de pesca que o noso alumnado está a recoller do contacto con familiares e coñecidos adicados ás faenas do mar.

 

 

ARTES DE PESCA

O Cerco (arte consistene e facer un círculo coa rede arredor do peixe)

Aparellos:

  •  redes (a que se pon na punta chámase calón)
  •  corcho arriba (para que frote a rede)
  •  plomo abaixo(para que estire a rede e vaia ao fondo)
  •  fío de armar (co que se arma a rede)
  •  trallas (as que amarran o corcho e o plomo)
  •  gharreta (a que fai cerrar a rede)
  •  tiros (os que van nas cabezas da rede)
  •  boias

Outros oficios:

  •  O bou (arte practicada en mar aberto na que un ou dous barcos que navegan parellos arrastran unha rede en forma de saco durante unhas horas ata que se sube a bordo coa pesca)
  •  O arrastre (modalide de pesca na que un ou dous barcos arrastran a rede polo fondo)
  •  O xeito (arte consistente nunha rede longa que se estende e se deixa durante horas para que a sardiña que se despraxza co cambio de marea malle nela)
  •  Os trasmallos (aparello composto por tres panos superpostos de forma rectangular que forman unha especi de parede no mar na que quedan presos os peixes)
  •  As nazas (aparello consitente nunha especie de gaiola, normalmente d eforma cilindrica, disposta de xeito que permitan a entrada do peixe ou marisco pero non a súa saída)

              de anguías (feitas con vimbios)
              de chocos (con vides e rede)

  •  A rapeta (arte de arrastre semellante ao boliche que mestura o cerco e o arrastre)
  •  O boliche (arte de pesca semellante á xáveda pero coa rede mais curta)
  •  A petera (polbos)
  •  A volanta (moi empregada na captura da pescada)
  •  Rastro (da ameixa, da vieira)
  •  O mediomundo, truel ou zarabardo (moi usado na pesca das fanecas, de bocareus…)
  •  Pesqueira
  • Bedrines
  • Ardora
  • Palangre (arte consitente nunha tralla longa, chamada madre, da que colgan as brazoladas)
  • Veta (arte parecida ao tramallo composta por un so pano de malla pequena)
  • Miño (arte semellante ao tramallo pero máis alto e de fío máis delgada, que se prega para pescar peixe plano e crustáceos)

 

 

O MARISQUEO A PÉ

 

As mulleres de sal, con argazos de sombras,

xorden das últimas mareas

e tecen tesouros de auga cada noite

contra a Historia

Ana Romaní: Das últimas mareas

Efectivamente, son as mulleres, as que descalzas ou con botas, pisan na area fría e andan no mar morno na procura das ameixas, dos berberechos, dos carallotes, dos mexillóns… que apañan para axudar a economía familiar. Esas mulleres afoutas, ás veces bravas coma o mar, infatigables, loitando contra o cansazo, o frío, o sol, o vento… pendentes sempre de cando hai seca, de cando o mar está devalado, de cando cómpre arar no mar e deitar semente nova…

O marisqueo a pé é unha actividade practicada desde antano. Nun primeiro momento era parte do autoabastecemento daquelas familias con escasos recursos económicos e, máis tarde, constituiu unha axuda á economía familiar. Teriamos que agardar ata case a finais do século XX cando comece a ser considerado un oficio. Nas últimas décadas aumentou a demanda de marisco que non se vende só para as conserveiras senón tamén para o fresco, o que trouxo consigo un aumento dos prezos e unha certa profesionalización neste sector no que destacan sobradamente as mulleres.

Malia mudaren as condicións económicas, non mudou o xeito de traballar. Úsanse os mesmos utensilios que antano, como dan mostra os datos recollidos polo alumnado de 3º e 4º de ESO das mariscadoras coas que estiveron a falar. A saber:

 

APARELLOS NECESARIOS:

  • O sacho: con el cóllense os berberechos e as ameixas. Pode ser a minar (cavar) ou aos buracos (as ameixas reghalan o buraco)

  • A raspeta (anaco de lata dobrada coa que se collen os croques. Vaise levantando a area e, coas mans, cóllense os mariscos)

  • Vara de alambre (para coller o carallote. Ten nun extremo dúas ghallas que se cravan na area nos buracos que fan os carallotes. Cando se minan, dáselles co pé e ábrense, crávaselles a variña e os carallotes quedan alí suxeitos. Hai que collelos coa marea baixa)

  • As mans (métense na auga e rabúñase a area)

  • O monico

  • O cesto

 

 

 

O MARISQUEO A BORDO

PARTES DUNHA GAMELA

  • Popa (atrás)

  • Proa (diante)

  • Choupana ( parte superior traseira na que se pon o mariscador para traballar)

  • Tres cadeiras (a de proa, a de popa e a do medio)

  • O talmo (a cuberta de proa)

  • O plan (o fondo da chalana)

  • A quilla (vai debaixo do plan)

  • A sobrequilla (enriba do plan e xunto coa quilla suxéitano)

  • As balderas (onde van cravadas as táboas do plan, polos lados)

  • A roda de proa (para amarrar a chalana)ou carnambuza

  • O cuadraste (o que cerra a opopa onde vai a choupana)

  • Os toletes (paos que serven para aguantar o remo)

  • A remadoura (serve para bogar). Leva o estrobo, un anaco de corda que se enlea no remo e métese no tolete para poder bogar)

  • 2 ghaias a estribor (parte dereita) para descansar a vara cando non se marea

  • Os corredores (partes laterais da chalana)

 

APARELLOS NECESARIOS

  • A chalana ou ghamela

  • Dous rizóns (para poder aguantar o barco)

  • 1 beta (corda coa que se une o rizón e que amarre ao barco)

  • Un angazo que leva un cope (rede coa que se colle o produto), unha vara grande (coa que se manga o angazo), os entremedios (paos que se unen á vara) e encanes (pao que vai ao final) segundo a altura que haxa de auga. Suxéitanse un saos outros cunhas puntas e unas trincas de fío de naylon.

 

ESPECIES CAPTURADAS:

  • Ameixa branca

  • Ameixa rubia

  • Burros

  • Relós

  • Carabineiros

  • Toraiesas

  • Berberechos

  • Carallotes

  • Navallas

 

LUGARES ONDE SE PESCA

Enseada de San Simón, Pedra Branca, O Canal, As Pereiras, O Pozo, Os Casqueiros, a Praia, a Barra, O Lagho morto, O “muelle”, A punta, Cabanas, Pedra do Campanario, O Castañal, A Pedra rubia.

 

 

Distribuir contenido

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut