Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

2016/2017

17 DE MAIO: DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Ao longo de todo o ano fóronse realizando diferentes actividades en torno á figura de Carlos Casares, autor homenaxeado este ano no “Día das letras Galegas”. A súa presenza sentíase no propio centro, como se pode ver nalgunha das fotos que agora presentamos. Pero tamén quixemos lembrar a outros escritores e escritoras aos que, en anos anteriores, se lles adicara este día, como tamén podedes ver lendo nos chanzos das escaleiras de acceso ás aulas.

Tamén se colocaron carteis con información sobre a vida e obra do autor.

 

London 2017

 

 

.

OS MAIOS NO MENDIÑO

Outro ano máis, maio peta con forza nas aulas do Mendiño. Sentimos o maio de Curros Enríquez na voz dos nosos rapaces e rapazas. Falamos do seu  significado e sentido; da súa celebración na nosa vila e noutras nas que tamén se festexa. E como non, escribimos coplas; cortamos canas, recollemos fiúncho e pampullos e CANTAMOS O MAIO.

Velaquí tedes a proba que demostra o moito que aprendemos e o ben que o pasamos. 

 

 

ARTE LIXO NO MENDIÑO

Este curso fomos membros activos do “Arte Lixo”: Trouxemos cousas que non tiramos, malia seren vellas, estaren estragadas ou pertenceren a outros momentos pasados... porque nos gustaban, porque nos transmitían cousas, porque nos lembraban momentos pasados... e con elas perante nós e con elas en nós, escribimos; foron o noso motor de inspiración literaria e decidimos amosalas aos demais nunha exposición da que agora vos deixamos algunha mostra fotográfica.

 

 

 Pero tamén reciclamos; e con obxectos que non valoramos, que tiramos ao lixo, fomos artistas, creamos o noso Mendiño, o que dá nome ao noso centro, o que nos fai universais...

 

 Vaian pois algunhas fotos da elaboración do noso xograr.

 

E tamén fomos escritores e escritoras: pintamos versos nos pasos de peóns próximos ao instituto

 

 

E, con ben poucos medios, uns alumnos fixeron unha “curta-lixo”

 

 

 

3º ESO vai ao teatro

O Mércores 15 de marzo os alumnos e alumnas de 3º de ESO de inglés asistiron ao teatro Salesianos de Vigo á representación da obra “Frankestein” .  Aínda sendo unha adaptación da obra orixinal, conseguiron facernos comprender o sentir da obra. Os nosos alumnos/as quedaron encantados coa mesma e, especialmente, mostráronse moi contentos de poder entendela na súa totalidade.

Posteriormente houbo tamén un coloquio cos actores.

 

 

 

 

 

 

 

Os “Bos amores” de ROSALÍA na voz e na guitarra de NARF aloumiñan a comunidade educativa do MENDIÑO

Sumándonos á proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)  a respecto do DÍA DE ROSALÍA, o noso instituto quixo tamén renderlles unha pequena homenaxe non só a Rosalía de Castro senón tamén ao músico Narf, tristemente finado hai ben pouco tempo. A música que el compartiu connosco aquí no centro ficará para sempre no noso corazón.

O venres, día 24 de febreiro, no que se conmemorou o 180º aniversario do nacemento desta escritora, recuperamos a voz e a guitarra de Narf para ceibar ao vento os “Bos Amores” de Rosalía no “mannequin challenge” que agora vos presentamos.

 

 

Sesión de Skype con Houston

O luns 20 de febreiro tivo lugar no noso centro unha sesión de Skype para contactar con alumnos e alumnas de castelán en Houston. A actividade foi promovida pola profesora do noso departamento de inglés, Lidia Iglesias, que se atopa estes anos desenvolvendo o seu labor docente en Houston. No departamento de inglés pensamos que podería resultar moi interesante para o noso alumnado participar nesta actividade como así resultou ao final.

Queremos agradecer a todos os compañeiros que nos axudaron cos medios técnicos: José Manuel Sánchez, Carlos Fernández e especialmente a axuda inestimable de Mónica Tortajada, profesora de tecnoloxía, pero queremos mencionar o grande entusiasmo do noso alumnado e o seu esforzo por intentar estar connosco fóra do horario lectivo.

 

 

1er CONCOURS DE MESSAGES D´AMOUR “IES MENDIÑO”

Este ano celebramos o “Día dos namorados “ en francés.

A profesora María, xefa deste Departamento, organizou o Primeiro concurso de mensaxes de amor. A participación foi extraordinaria: os rapaces e as rapazas, e mesmo algunha profesora, participaron no certame. Elixiron unha imaxe que representaba o que para cada un deles significaba o amor e acompañárona dunha mensaxe, tamén de amor loxicamente, en francés. Imaxinación, creatividade e lirismo agromaban do enreixado no que estiveron expostos estes traballos e que do que agora vos deixamos unha mostra fotográfica.

Os nosos parabéns para a profesora pola feliz idea e para todas as persoas participantes. Aínda que só tres son os que conseguen o premio, os demais tamén son gañadores polo seu ben facer e, deseguro, resultarán premiados noutra ocasión:

 

1º Premio: Laura Iglesias Pérez

2º Premio: Alba Otero Vaz

3º Premio: Lidia Rodríguez Gómez

 

 

Encontro co actor Federico Pérez

O alumnado de 3º e 4º de ESO asistiu á proxección da película Encallados e, posteriormente, mantivo un agradable encontro co actor galego Federico Pérez, de quen moitos xa desfrutaran asistindo á representación teatral da obra “Get back” no primeiro trimestre e ao que moitos seguen en diferentes programas da TVG como “Era visto”, polo que volve estar nominado aos Premios “Mestre Mateo” da Academia Galega do audiovisual (e desexámoslle de todo corazón que consiga o premio). Non só é actor de teatro e de cine senón que tamén é asesor lingüístico e guionista. Non só é un estupendo actor senón tamén un home afable e simpático, disposto a compartir con nós o pouco tempo libre que lle queda.

O noso agradecemento e o noso desexo de que continúe colleitando grandes éxitos.

 

 

1º ESO visita "Faro de Vigo"

Nesta ocasión vai ser Emma Lago, alumna de 1º de ESO, quen nos fale desta actividade. “O martes, día 31 de xaneiro, o alumnado de 1º de ESO fixo unha visita ás instalacións que o xornal “Faro de Vigo” ten en Chapela. Tan pronto como chegamos, recibíronnos dúas persoas: un fotógrafo e unha muller chamada Julia, que nos guiou durante a visita. No recibidor, o fotógrafo agrupounos e sacounos unha foto, que será publicada no xornal o día 14 de febreiro. Ao rematar, o fotógrafo marchou e Julia levounos a unha das oficinas onde as mesas estaban agrupadas segundo a súa función (fotografía, reportaxe, publicidade...); explicounos a función de cada periodista e ensinounos a plantilla que se fai antes do orixinal. Máis tarde conduciunos a unha sala de reprodución onde nos proxectaron un vídeo documental da historia do xornal desde os seus inicios ata agora. Por último, fomos a unha sala na que estaban as  máquinas rotativas utlizadas para a produción do xornal.

Esta saída pareceume divertida e interesante, xa que nos ensinou a valorar o traballo que leva elaborar un xornal e fíxonos entender que no “Faro de Vigo” non só traballan reporteiros senón que tamén son indispensables os electricistas, os cámaras, os transportistas e moitos outros traballos que fan que todos os días chegue o xornal á casa”.

 

 

Distribuir contenido

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut