Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

2015/2016

Recitado de poemas

En colaboración coa Biblioteca e co EDNL do noso centro, as profesoras de L. Castelá Catalina  e  de L. Galega Lola fixeron, con un grupo de 1º de ESO e outro de 2º, unha lectura e escolleita dalgúns dos poemas de Manuel María, poemas que recitaron nas aulas e que levarían tamén á Radio Redondela.

Velaquí vos deixamos unha gravación para que poidades escoitar a fermosa palabra do gran poeta Manuel María na voz do noso alumnado.

A claridade das palabras: 

A fala:

Canto a liberdade: 

O cuco:

O río:

O televisor:

Soneto de amor:

Soneto de amor e vida:

 

 

Rueiros de microtoponimia

Grazas ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e ao EDLG do noso centro, o alumnado de 3º de ESO tivo a oportunidade de acompañar a Alberto Román Losada, membro do colectivo  Trespés, por diferentes rúas da vila redondelá.

As inclemencias metereolóxicas déronnos un respiro e, por fin, logo de adiar por dúas veces este encontro, o día  18 de maio, puido levarse a cabo.

Vimos a nosa vila cos ollos que o devir histórico e as palabras do noso guía ía verquendo a medida que ascendiamos a partir da rúa Cabo dos Fumeiros. Logo dun percorrido pola zona alta da vila, desembocamos na Praza da Constitución. Despois de vermos esta zona desde a perspectiva co que se faría hai séculos, perseguimos a arela do mar.

Grazas por facernos ver o noso espazo con outros ollos.

 

.

Os rapaces e rapazas de 1º de ESO estudan a flora da contorna do instituto

Agora que o tempo acompaña, demostramos que a natureza tamén pode ser unha aula estupenda para o noso alumnado. Os rapaces e rapazas de 1º de ESO, capitaneados pola súa profesora de Ciencias Naturais Mila, saíron do instituto para coñeceren a diversidade de plantas, árbores e arbustos que rodean o noso centro. Recolleron material vexetal, estudárono, catalogárono; e froito deste estupendo traballo é unha mostra do herbolario que colocaron na cafetaría do noso centro; fermosa e interesante exposición na que se poden ver follas  dos vexetais catalogados, nomenclatura, propiedades medicinais, etc.

 A nosa noraboa a este alumnado de 1º de ESO e á súa profesora de Bioloxía E Xeoloxía Milagros polo estupendísimo traballo realizado.

 

.

 

Día nas Illas Cies

Sol espléndido, temperatura súper agradable, fermosa viaxe en barco, ceo limpísimo, area fina, auga cristalina, día entre amigos e amigas; todo perfecto para que o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato puidese despedir da mellor maneira posible o curso académico.

 

 

.

 

I concurso de teatro readiofónico escolar

Este curso académico continuamos coa actividade iniciada no anterior 2014-15: interpretar en Radio Redondela algunha peza teatral. Esta iniciativa tivo como colofón final o concurso de teatro radiofónico que se celebrou no mes de xuño, grazas á colaboración entre o Servizo de Normalización Lingüística do concello de Redondela e a nosa Radio Redondela. Xunto con outros centros do municipio, gravamos cuñas radiofónicas en Radio Redondela.

A finalidade desta actividade era mellorar a competencia oral do noso alumnado e, asemade, mostrarlles o funcionamento da radio e as súas posibilidades e inicialos na dramatización.

Contamos no noso centro coa presenza do actor de “Ibuprofeno Teatro”, Santiago Cortegoso, que o día 14 de abril impartiu un relatorio a todo 4º de ESO sobre o teatro na radio nunha sesión de aula de 50 minutos.

 

A continuación, desenvolveu un Obradoiro cun grupo reducido de alumnos e alumnas deste mesmo nivel educativo para ensaiar a posta en escena “vocal” das dúas últimas escenas do 1º lance de Os vellos non deben de namorarse de Castelao. Esta preparación serviría para seguir traballando a peza baixo a coordinación da profesora de OEOE, Catalina Míguez. O día 9 de maio, a peza preparada foi gravada na radio Municipal de Redondela.

De querérdela escoitar, non tedes máis que visitar o Facebook do Servizo de Normalización Lingüística: 

https://www.facebook.com/servizo.redondela/,

e o seu perfil na plataformaSoundCloud: 

https://soundcloud.com/servizo-normalizaci-n-ling-stica-redondela/sets/teatro-radiofonico.

.

Acto de despedida de 2º de Bacharelato

Unha vez máis chegou maio, mes cargado de traballos, de exames, de esforzos, de nervios... pero tamén mes preñado de esperanzas, de proxectos, de ilusións...

As emocións estaban servidas: alumnos e alumnas, nais e pais, profesores e profesoras, amigos e amigas compartindo ledicias, risos, emocións... Alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato, magnificamente preparados polas súa profesora de Música Josefa, agasallaron aos compañeiros e compañeiras coa interpretación de pezas musicais. Non faltaron discursos: do alumnado, do profesorado, da Dirección do centro... Abondaron aplausos, apertas, e mesmo bágoas de emoción. Un fermoso e emotivo acto de despedida dos nosos rapaces e rapazas de 2º de Bacharelato.

.

 

Encontro coa escritora Ledicia Costas

O 6 de xuño, a escritora Ledicia Costas volveu ao noso centro para falar dos seus libros Escarlatina, a cociñeira defunta e O corazón de Xúpiter, novelas que leu o alumnado de 2º e 3º de ESO e que tamén leron no noso club de lectura “Quiosco Cocó”. A charla resultou moi interesante pois, ademais, do proceso creativo tamén alertou do perigo das redes sociais, algo que resultou de moito interese para o xove público asistente ao acto.

 

 

Encontro coa escrotora Iria Collazo

O xoves 31 de marzo estivo connosco Iria Collazo, autora de Coma unha áncora. Compartiu cos alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato o proceso de creación desta, ata este momento, a súa primeira novela. Contounos como chegou a publicar o libro despois dun proceso creativo intenso.

 

 

 

Saída ao Museo do Mar de Vigo

O departamento de Bioloxía e Xeoloxía realizou unha saída educativa co seu alumnado de 2º de ESO ao Museo do Mar de Vigo. Resultou ser unha actividade ben interesante, segundo palabras dos rapaces e rapazas que nela participaron. O alumno Adrián Matilde contaba que uns fermosos xardíns e unhas vistas impresionantes sobre o mar foi o primeiro contacto externo co museo. Dentro, fósiles de peixes, un barco no centro da sala e a agradable presenza da parroquia redondelá de Chapela nunha traíña do seu exitoso Club de remo atraeu a súa atención.

Conta, tamén, que lles encantou o acuario porque, non sendo de gran tamaño, acollía as especies máis características de Galicia agás, loxicamente, o polbo que, de estar, acabaría comendo moitas das especies do acuario.

 

.

Saída a Roma E florencia

Malia facelo a destempo, queremos deixar constancia na nosa páxina web das vivencias e lembranzas que o alumnado de 2º de Bacharelato que cursa a materia de Relixión tivo na súa estadía en Roma, a cidade eterna e en Florencia, a cidade meiga.

Acompañados das profesoras Almudena Suárez Cerviño e Catalina Míguez Vilas, disfrutaron dunha  magnífica viaxe cultural: o Coliseo, os Foros Romanos, as principais basílicas, o Vaticano, as sinxelas igrexas románicas, as espectaculares igrexas barrocas, a Piazza del Duomo, Ponte Vecchio, a pinacoteca dos Uffizi... tantos e tantos lugares fermosos, espléndidos, máxicos... que sempre perdurarán no tempo, agochados na memoria e no corazón.

 

.

Distribuir contenido

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut