Skip to Content

Ligazóns importantes

Emails do profesorado                                                        Horarios de atención a nais e pais

2012/2013

Bacharelato nas Illas Cíes

O alumnado de 1º e 2º de Bacharelato rematou o curso cunha saída xa tradicional no noso centro, a visita ás illas Cíes. Aínda que o día abría poallento e anubrado, o sol foi gañando forza e acabou por vencer xa á media mañá. Daquela, todo estaba a favor do disfrute: barco, mar, aire limpo e fresco, sol, conversas, risos, fin de curso… Velaquí algunhas fotos que din que non mentimos.

   


Visita á Illa de San Simón

Do mesmo xeito ca no ano pasado, o venres, día 14 de xuño, o alumnado de 1º de ESO visitou a Illa de San Simón e o venres, 21 de xuño, último día do curso, 2º e 4º de ESO tamén puideron disfrutar desta saída.

Logo do fermoso traxecto en barco pola nosa enseada baixo dun espléndido sol, desembarcamos na illa de Mendiño e escoitamos a explicación que a guía proporcionou sobre a historia da illa ao longo do tempo. Despois, os rapaces e rapazas da ESO participaron nunha carreira de orientación na illa e tiveron tempo para conversaren e relaxárense nesa marabillosa paraxe.

Queremos, desde aquí, agradecer a colaboración do concello de Redondela que fixo posible que actividades coma esta que pretenden xunguir historia, cultura e lecer ao mesmo tempo puidesen realizarse.

 


Visita a Madrid-Toledo dos alumnos e alumnas de Relixión

Saída cultural fantástica a Madrid e Toledo para un grupo de 11 alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO que cursan a materia de Relixión. Acompañados das profesoras Almudena Suárez e Catalina Míguez, estes mozos e mozas andaron por “todo” Madrid e Toledo: edificios relixiosos, museos, palacios, xardíns, monumentos, senado, mercados, literatura… nunha viaxe marabillosa na que houbo de todo: relixión, literatura, arte, lecer…

Agardamos poder repetir esta interesantísima saída en anos vindeiros.


Visita ao "Monte Penide"

O martes, día 28 de maio, alumnos e alumnas de 3º da ESO tiveron a oportunidade de coñeceren o patrimonio arqueolóxico que garda o noso monte Penide. Foi unha saída moi instrutiva que o noso alumnado aproveitou e disfrutou enormemente. Os nosos máis sinceros parabéns para Xurxo Cónstela polo ben que soubo achegar a información aos nosos rapaces e rapazas e porque sabemos do moito que traballa a prol da cultura de noso.


Os maios no noso centro

O Mendiño quixo vivir intensamente a celebración dunha festa moi tradicional na nosa vila: A festa dos maios. Para iso, un grupo de rapaces e rapazas acudiu á Biblioteca e procurou información sobre dela: orixe, tipos de maios, coplas...  Outro grupo foi pola vila preguntando á xente cuestións sobre esta celebración. Un terceiro grupo construiu un maio tradicional e un cuarto grupo elaborou coplas e interpretounas para toda a comunidade escolar nun recreo. O resultado foi magnífico pois, amais de aprender, disfrutamos. No apartado AS NOSAS FOTOS temos imaxes que dan proba do que dicimos e aquí tedes un pequeno video da actuación.

Charla de Xesús Constela

O día 22 de abril tivemos a sorte de podermos contar de novo coa presenza do escritor Xesús Constela, que recibiu o Premio Nacional da Crítica pola súa obra As humanas proporcións, libro de relatos que o noso alumnado de 1º de Bacharelato leu e gozou neste curso. A presentación do autor correu a cargo de dúas alumnas de Bacharelato: Laura e Patricia. Sorprendemos gratamente a Constela coa proxección dun video elaborado polos propios rapaces e rapazas de bacharelato, que non só foi do agrado do autor senón tamén do resto do auditorio.

 

Saídas de 3º e 4º de ESO pola Enseada de San Simón

Grazas ao Colectivo TRESPÉS do que forman parte antigos e benqueridos alumnos do noso Instituto, ao Grupo de Acción Costeira e ao Concello de Redondela, o noso alumnado de 3º e 4º de ESO está a participar nun interesante proxecto: "Mar, traballo e patrimonio". Descobre a Enseada de San Simón" no que se pretende pór en valor o patrimonio marítimo da nosa Enseada desde distintas perspectivas: natural, industrial e humana.

Amais das unidades didácticas que nos fixeron chegar ao centro, o día 19 de abril o alumnado de 3º de ESO realizou unha saída a Rande, para coñecer elementos do patrimonio industrial que resumen, en certo modo, a historia industrial galega do séculos XIX e XX. E tamén acudiron á lonxa onde escoitaron as explicacións dunha mariscadora a respecto deste oficio. O día 3 de maio, este mesmo grupo realizou unha saída en barco pola nosa Enseada e un grupo de 4º de ESO fixo esta mesma saída o día 6 de maio.

O noso agradecemento a todos os colectivos que fixeron posible estas actividades e os nosos parabéns, moi especialmente ao colectivo TRESPÉS pola súa disposición e entrega neste traballo a prol do noso alumnado.

   
   

Charla sobre "Riscos de Internet"

O alumnado de 1º e 2º de ESO o martes, 29 de abril, asistiu a unha charla impartida por Don Luis Alberto Suances, inspector de policia de Vigo, sobre os riscos de internet, un mundo no que o noso alumnado adoita moverse moi asiduamente sen comprender nin ser consciente de moitos dos perigos que se agochan aquí.

Esta é unha das actividades que forman parte do III Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar que persegue achegar os servizos públicos de seguridade á comunidade escolar como elemento de garantía da seguridade e liberdades públicas na sociedade democrática. O seu obxectivo é axudar a prever episodios que poidan ameazar a convivencia escolar.

Queremos agradecer de todo corazón a participación de Don Luis Alberto Suances no seu bo facer neste empeño.

Charla sobre "Drogas e Alcol"

O alumnado de 3º e 4º de ESO o mércores, 24 de abril, asistiu a unha charla sobre os problemas e graves prexuízos causados polo consumo indebido de drogas e alcol impartida por Don Luis Alberto Suances, que xa estivo connosco a semana pasada.

Novamente o noso agradecemento pola súa desinteresada colaboración a prol do benestar dos nosos rapaces e rapazas.

Charla sobre "Acoso Escolar"

O venres, 19 de abril, estivo no noso centro Don Luis Alberto Suances, inspector de policia de Vigo. Impartiu dúas charlas para 1º e 2º ESO respectivamente sobre Acoso Escolar. Amais de fornecer información de xeito claro e preciso, conseguiu facer reflexionar ao alumnado a respecto de certas condutas, ás veces irreflexivas e mesmo en ocasións sen pensar que son incorrectas, que deben ser evitadas de cara a non caeren neste problema.

Os nosos parabéns para o relator que soubo captar a atención e o interese do alumnado. Agardamos poida estar connosco o curso vindeiro.

Distribuir contenido

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut