Skip to Content

Ligazóns importantes

Emails do profesorado                                                        Horarios de atención a nais e pais

2013/2014

Acto de despedida de 2º de Bacharelato

Setembro, inicio das clases… semella que foi onte. Mais non é tal: maio está a dar as boqueadelas e nós, nunha tarde poallenta, propia para a saudade, o 29 de maio, despedimos entre emocións e nervios aos nosos mendiños e mendiñas de 2º de Bacharelato. Como nas  festas rachadas, houbo de todo: discursos, actuacións musicais,vídeos, petiscos, risos a esgalla e algunha que outra bágoa perdida. Facemos nosas as verbas que a nosa benquerida directora Cati pronunciou no seu discurso de despedida: “ Loitade e tede como horizonte as palabras de Asel: Entonces hay que salir a la otra cárcel  (…) ¡Y cuando estés en ella, salir a otra, y de esta, a otra! La verdad te espera en todas, no en la inacción”.

Premede na foto para verdes as probas gráficas:

 

 

Remate de curso

 

 

E chegou o gran día, o 20 de xuño,...

Houbo música: Aida Castro, de 3º de ESO, cantou de xeito estupendo, para todos nós. Os noso parabéns pola súa fermosa voz e por permitirnos compartila.

Houbo tamén cine: dúas curtametraxes interpretadas polos rapaces e rapazas de 4º de ESO, dirixidos polo seu profesor Leo Fernández.  E proxectouse a longametraxe “Million Dóllar Baby”.

E tamén tivemos actividades deportivas: brilé, fútbol-sala, baloncesto, balonmán, badminton e xogos populares.

 

Cos nosos mellores desexos, que pasedes un feliz verán e que traiades os azos renovados para o vindeiro curso!

Ollade a ledicia dalgunhas das nosas alumnas....

 

 

 

 

 

 

Exposicións

 

Na entrada ao centro, no seu paso á cafetaría, e na propia cafetaría, temos varias exposicións de fotos e traballos realizados polo noso alumnado:

Saída a Atapuerca, saída a Roma e Florencia, saída a Londres, traballos realizados na materia de “Obradoiro de expresión oral e escrita” e carteis elaborados polo alumnado de 1º de bacharelato, dentro da materia de Filosofía.

 Convidámosvos a todos e todas aqueles que queirades a compartir un pouco do voso tempo para ver estas exposicións.

 

 

Dúas curtametraxes

 

 

O alumnado de 4º de Diver., dirixido polo seu profesor, Leo Fernández, da materia optativa “Obradoiro de Expresión oral e escrita”, realizou dúas curtametraxes a partir da lectura do libro de Núñez Singala, Longa lingua: 

 

Que parviños te son

 

 

 Pagho eu

 

 

 

 

Visita a Ciclos Formativos

 

Os nosos alumnos e alumnas de 4º de ESO realizaron unha interesante e produtiva visita o 21 de maio a institutos de Vigo nos que se imparten Ciclos Formativos. Alí puideron coñecer e comprobar de maneira activa e práctica ensinanzas impartidas nestes ciclos.

 

 

Xornada de títeres

Os nosos mendiños e mendiñas máis cativos tiñeron o pracer de asistiren o 23 de maio a unha magnífica sesión de títeres a cargo do artista Jordi Beltrán. Houbo de todo: risos a cachón, música a esgalla: sentida, movida…, imaxes máxicas…

 Damos fe de que este magnífico Festival Internacional de Títeres de Redondela fai que a nosa vila sexa un importantísimo referente cultural dentro e fóra do noso concello. E este ano conta, ademais, cunha fermosa novidade, o CD “Son Titiriteiro” no que se presentan de xeito harmonioso diferentes estilos musicais que son quen de nos transportaren á mellor etapa da vida: a infancia, na que divertirse, ser ceibe e soñar  debarían ser as súas características máis importantes.

 Os nosos parabéns a todos e todas aquelas que, coa súa ilusión e o seu ben facer conseguen que as rúas e prazas de Redondela se incen de meniños, mozos, adultos e vellos compartindo música, risos, sentimentos, espectáculo….cultura.

Aí vén o maio...

E o maio tamén chegou ao MENDIÑO. Alumnos e alumnas de 1º de ESO informáronse a respecto desta antiga tradición: celebrar a chegada da primavera, a fartura dos campos, o enxeño e retranca das coplas …

Saíron aos camiños; cortaron fiúncho, pampullos… e construíron un maio tradicional. Escribiron coplas e cantáronas diante dos seus compañeiros e compañeiras. En definitiva, viviron o maio.

 

Para ver as coplas que escribiron preme aquí.

E para ver as fotos preme aquí.

 

 

Exposición de carteis sobre o festival de titeres "Memorial Juanjo Amoedo"

 

Todas aquelas persoas que queiran nesta primeira quincena do mes de maio, poden pasar pola cafetería do noso centro e ver a exposición de carteis que sobre deste importantísimo Festival de Títeres se teñen realizado desde a súa primeira edición.

Son fermosos e coloridos carteis nos que a imaxinación desbordante do artista nos anuncia alegremente este festival, un dos meirandes actos culturais do noso concello que ten atraído a milleiros de persoas á nosa vila.

Queremos, desde aquí, felicitar a todas esa xente que pon o seu entusiasmo e grande esforzo para que sigamos a ser un referente cultural.  

 

 
   

“VENTO E CHUVIA, OS ANTIGOS DEUSES GALAICOS”

Grazas ao Servizo de Normalización Lingüística do noso concello puidemos asistir o 22 de abril, xunto con alumnado dos institutos veciños O IES Pedro Floriani e o IES Illa de San Simón, a unha fermosa actividade de oralidade a través das sentidas e emocionadas palabras de Sole Felloza, quen nos introduciu no mundo da Idade de Ferro a través duns prodixiosos deuses que poboaron a antiga Gallaecia. As verbas de Sole Felloza anegaron o ambiente do Multiusos da Xunqueira de imaxinación e fantasía. Os nosos parabéns para a actriz e o noso agradecemento ao Servizo de Normalización Lingüística do noso concello. Está á vosa disposición o libro Vento e chivia. Os antigos deuses galaicos de Manuel Gago, doado polo profesor do noso instituto Xabier Toba.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Xornadas de baloncesto

Membros do Club de baloncesto Redondela estiveron estes días (22 e 23 de abril) no noso centro promovendo este deporte e animando ao noso alumnado a practicalo.


Distribuir contenido

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut