Skip to Content

CHARLAMOS CON BRAIS LAMELA

Nesta dura semana de volta ás aulas na escuridade, o frío e a choiva, de súpeto fíxose a luz, apareceu o sol, e con el o escritor Brais Lamela, que nos honrou coa sùa visita para comentar conosco o seu fermosísimo 'Ninguén queda' (Premio Nacional da Crítica e Premio El Ojo Crítico) e outras cousas non menos fermosas.

Ao encontro co alumnado sumáronse os afortunados profes que puideron compatibilizalo co seu horario, o noso querido compañeiro Xabi Rodo, e as dúas Marías, a nai, María Pousa, da Asesoría de Bibliotecas, e a filla María López Pousa, que traballa no mundo editorial.

Con tantas achegas, tivemos un rico coloquio de 90 minutos que pasou como un sopro, e que, abofé ha deixar un bo semente no alumnado que asistiu.

Brais, grazas por ser como es, sabes onde tes unha casa máis (sendo tan importantes as casas como son para ti).

Desexámosche a mellor das fortunas no teu percorrido académico e literario!

 

CHARLAS PLAN DIRECTOR

Nas últimas semanas do mes de decembro , nas horas de titoría semanal, tiveron lugar as charlas informativas/formativas destinadas ao alumnado de ESO, FP Básica e 1º de Bacharelato.

Estas charlas sobre temáticas relacionadas coa protección de menores e adolescentes e o seu dereito á seguridade persoal, tratando problemáticas como a ciberseguridade, o acoso escolar, a violencia sobre a muller, as drogas e o alcol, as novas adiccións, os delitos de odio e discriminación, a prevención dos delitos sexuais..., son impartidas por axentes e expertos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

O Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos, está impulsado desde a Delegación do Goberno en Galicia e a Alta Inspección de Educación.

 

 

O NOSO CORO

O mércores 20 de decembro, o Coro do instituto deu dous concertos de Nadal no Centro de día das Galeras e na residencia de maiores Clece Vitam.

Mellor público non poidemos ter! Agasalláronnos cun centro de nadal feito polos usuarios e un chocolate quentiño.

FELICES FESTAS!!

ORIENTACIÓN ACADÉMICA 2º BACHARELATO

O mércores 13 de decembro de 2023 o alumnado de 2º de bacharelato asistiu a unha charla de orientación no centro, impartida por Celso Rodríguez Fernández, dentro do programa “ A ponte”, da Universidade de Santiago de Compostela. (VER PRESENTACIÓN "A PONTE")

Nesta sesión de 2 horas,  recibiron información sobre a oferta e organización da USC, ABAU e proceso de admisión na Universidade en Galicia.
A actividade enmárcase dentro do Plan de Orientación Académica e Profesional do centro.

25 N

SEMANA MARÍA CASARES

Unha das moitas cousas curiosas que ten María Casares é que na mesma semana podemos recordar o seu nacemento (21 de novembro) e o seu pasamento (22). Así é que este ano decidimos recordar a súa figura con dous actos.

Tivemos a inmensa honra de recibir no noso centro aos pintores Alfonso Costa e Isabel Pintado que nos comentaron e ilustraron con imaxes o proceso creativo da súa exposición "Escenarios da paixón. Homenaxe a María Casares".

Como eles mesmos recoñeceron, nese traballo creativo xogou un papel moi importante a poeta Eva Veiga, que tamén participou no acto lendo e comentando algún dos poemas que escribira para o catálogo da exposición.

Foi un momento dunha fondura e fermosura poco habituais nos centros de ensino. Alí falouse do poder transformador da arte, da palabra e, como non da poesía. Alí falouse do verdadeiro artista, inconforme con si mesmo e en continua evolución. Alí falouse de amor e de paixón.

No outro acto, o profesor Fernando Domènech glosou a intensa vida de María Casares nunha charla que resultou ben animada grazas as numerosas preguntas dos rapaces. 

 

 

 

 

VISITA DIDÁCTICA AO XACEMENTO DE CAMBRE E CASTRO DE ELVIÑA

Este martes, 21 de novembro de 2023, os alumnos de Cultura Clásica e Latín da ESO fixeron unha incursión a territorio romana coa vista ao xacemento de Cambre, onde tiveron unha primeira aproximación como unha domus romana e como vivían os romanos asentados nesta zona,  descubriron as letrinae e moitas outras cousas. Desde aí avanzamos dous parasangas e chegamos ao Castro de Elviña, onde descubrimos a sociedade castrexa, dominadora de Brigantium.

 

   

VISITA MUNCYT 4º ESO

O pasado 24 de outubro o alumnado de 4º ESO de Tecnoloxía e de Dixitalización visitou o MUNCYT. Nesta ocasión tiveron a  oportunidade de realizar diferentes prácticas cun equipo de
electrónica e realizar unha visita polas diferentes salas do mesmo.
Coñeceron algún dos inventores españois menos familiares para o público, subiron á cabina dun Boing 747 (neste caso o que trasladou a obra de Picasso, O Guernica, desde o seu exilio en Nova York a España), tamén vimos o deseño dun pequeno acelerador de partículas e mesmo un ordenador con válculas de vacío no lugar de transistores.

VISITA ECOPARQUE MARÍN

O pasado luns 6 de novembro un grupo de estudantes de 1º de ESO probaron as súas habilidades en escalada, tirolina e outras actividades no entorno natural Ecoparque Marín, en Pontevedra.

Distribuir contido


by Dr. Radut