Skip to Content

Entrevista a Sechu Sende

Entrevista a Séchu Sende

Séchu Sende, escritor e sociolingüista

“A lingua tamén é responsabilidade da xente nova”

O 17 de novembro estivo no instituto Séchu Sende para falarnos do seu libro Made in
Galiza e para motivarnos a falar galego.

Despois de escoitalo, de ler e comentar con el algúns relatos da obra, fixémoslle a seguinte entrevista.

Pregunta: Fálanos da túa experiencia como profesor: a que cursos das clases? Como son as túas clases, tes tanta imaxinación como no libro? Son así de divertidas?

Séchu Sende: Son un profesor disciplinado, pero ás veces cómpre empregar técnicas diferentes para motivar aos alumnos, para que se sintan cómodos e para que aprendan disfrutando.

P: Que che gusta máis: dar clases, escribir ou domar pulgas no teu espectáculo?

S.S.: O que máis me gusta de todo é dar clases e, de feito, moitas outras cousas que saen na miña vida veñen das aulas. O da doma de pulgas foi unha idea do meu irmán, el foi o impulsor e agora os dous somos domadores de pulgas no Galiza Pulgas Circus.

A escritura é unha necesidade, de entre tantas formas que hai para expresarse; eu fágoo escribindo e debuxando tamén.

P: Que estás a escribir agora, tes algún proxecto?

S.S.: Ata hai pouco non o tiña claro, eu tardo sobre catro anos en escribir un libro. Dende hai dous anos tírame moito a idea da defensa da terra, da ecoloxía e a destrución do medio ambiente. É un tema serio e o que estou intentando é atoparlle unha perspectiva lúdica na que a xente poida sentirse protagonista á hora de defender a natureza.

P: Agora unha pregunta seria: como cres que será o futuro do galego? Es dos optimistas ou dos pesimistas? Que pensas que se debería facer para ver garantida a supervivencia da nosa lingua?

S.S.: Considérome optimista, pero un optimista que non deixa de preocuparse porque o problema é serio. A solución ao conflito da lingua véxoo no compromiso social, en que todos vexan que a lingua está realmente nunha situación preocupante, que sintan o problema como propio e que traten de remedialo.

O galego é a nosa lingua, aí está, tendéndonos sempre a man. Debemos saber que estamos para falala, para asumila e para transmitírllela aos demais aínda que isto non poida resultar sinxelo, xa que moita xente non ten unha relación moi estreita coa lingua.

P: Por que hai relatos en Made in Galiza que nada teñen que ver coa lingua, se é un libro no que ten moita importancia a sociolingüística? Que ten que ver co título?

S.S.: Eu tiña a idea de facer un libro diverso e variado con certa amplitude. Como estaba nunha etapa da miña vida na que reflexionaba moito sobre a lingua, saíron moitos relatos relacionados con este tema. Pero tiña outras preocupacións que tiraban polo medio ambiente, á parte doutros temas universais como son o amor e o desamor. Este sería o aspecto social, o realista.

Por outro lado, está a parte máis surrealista, a do mundo dos soños que moitas veces nin sabemos explicar.

P: Por que a Séchu Sende lle dan tantos premios? É que tes algún enchufe na administración?

S.S.: O certo é que teño moita sorte de que o libro estea gustando tanto porque enchufe, que eu saiba, non teño...

O libro tivo éxito de vendas pero tamén porque é un libro que ten como tema principal a comunicación e trata un asunto tan grave como o da perda dunha lingua e o proceso de recuperación e diante deste conflito hai moita xente sensible, sobre todo maiores, con este tema, que se sente identificada e que considera que a lingua tamén é responsabilidade da xente nova. Isto fai que o libro se vexa como unha ponte, un facilitador á hora de comprender que lle está sucedendo á nosa lingua. Pero é unha pena porque se vivísemos nun país onde a nosa lingua propia non tivese a situación do galego non sería necesario ter escrito este libro.

Ao mesmo tempo hai moitos pobos no mundo, desde o País Vasco ata o Quebec, desde Bretaña ata Paraguai, onde é necesario escribir libros así porque á parte do problema ecolóxico e do amor e desamor da sociedade, está o problema da substitución lingüística.

P: Que significan para ti as palabras, por que te preocupas tanto por elas no teu libro, realmente teñen tanta importancia?

S.S.: A verdade é que me levo ben coas palabras, temos unha boa relación... Mais, así como hai falsificadores de xoias e cadros tamén hai falsificadores de palabras; os medios de comunicación, onde se contan algunhas cousas, outras a medias e moitas veces falsean a realidade a través das palabras.

Por outro lado, son o máis importante, é dicir, a maioría dos problemas que temos os seres humanos son por falta de comunicación. Cando un país invade outro dáse unha situación de abuso e as palabras serven como pretexto.

Lévome ben coas palabras, pero gústame advertir do seu poder, hai palabras coas que hai que ter coidado.

 



page | by Dr. Radut