VOLTA Á ACTIVIDADE PRESENCIAL VOLUNTARIA DE 2º DE BAC.

Tras ser publicadas pola Consellería as instrucións precisas para a volta ao centro o grupo de 2º de Bacharelato e a reanudación da actividade presencial, informamos ao alumnado das pautas que deben seguir no centro. Por outra banda, lembrar que non hai transporte escolar.

As clases comezarán xa o luns, día 25, ás 8:30. O horario será o habitual.

As devanditas PAUTAS recollidas no protocolo que tedes dispoñibles nesta publicación para descargar e imprimir son as seguintes:

  • O alumnado que teña os síntomas da COVID 19 ou febre, absterase de vir ao centro. Se os sentise unha vez estado no centro, avisará inmediatamente ao profesorado ou ao Equipo directivo.
  • A entrada e a saída no centro e nas aulas ha ser en fila de un en un e gardando a distancia de dous metros.
  • Á entrada no centro entregarase cada día unha máscara a cada alumno/a. A máscara é obrigado tela posta en todos os movementos que se fagan polo centro. Só se poderá non tela posta durante as clases, sempre e cando esteamos sentados no noso pupitre como mínimo a dous metros dos/as compañeiros/as.
  • Unha vez que se saia do centro non se poderá volver a acceder ata o día seguinte, a non ser ao finalizar o recreo.
  • O alumnado ocupará sempre o mesmo sitio dentro da aula.
  • Extremarase a orde do alumnado tanto nas clases, cada un/unha sempre na súa e mesma cadeira, coma no material ben recollido riba da mesa. Ningún libro nin material poderá quedar no centro dun día para outro.
  • Hixiene de mans nas entradas a calquera estancia do centro ou cambio de aula. A tal efecto, en todas as estancias que estea permitido entrar hai xunto á porta un dispensador de hidro alcohol desinfectante para as mans.
  • Cando usemos os aseos, lavaremos as mans con xabón ao menos durante 40 segundos.
  • Cada alumno/a procederá á desinfección do seu pupitre e cadeira e resto de material empregado ao marchar ou cambiar de aula, sempre.
  • Non se pode compartir material de uso propio con ningún/ha dos compañeiros/as.
  • O alumnado debe permanecer nos seus sitios durante o cambio de clase, salvo que vaia tamén cambiar de aula. Poderá erguerse e estirarse, pero non abandonar o seu sitio.
  • Se tivese que saír ao encerado para facer algún exercicio ou manipular algún dos elementos comúns da aula, procederá a lavarse as mans co xel hidro alcólico, ao inicio e ao rematar e tanto profesorado como alumnado respectarán a distancia de seguridade
  • Durante o recreo procederase como durante o curso, poderase saír ao patio, ir á biblioteca ou saír do recinto. Segundo reza nas Normas de Organización e Funcionamento do Centro “ Os alumnos/as de Bacharelato poderán abandonar o centro nos recreos se son maiores de idade ou contan coa correspondente autorización paterna.” Sempre coa máscara e hixienizando as mans á saída e á entrada.
  • Non se pode permanecer nos corredores. O desprazamento polo centro reducirase ao mínimo.

 Nas seguintes ligazóns poden acceder ao protocolo do centro e ás instrucións publicadas pola Consellería.