19 de febreiro: Centenario nacemento Díaz Castro e presentación EDUCABARRIÉ

Enviado por admin o Lun, 24/02/2014 - 09:16

O pasado mércores 19 de febreiro, conmemoramos no IES o centenario do nacemento de Xosé María Díaz Castro. A esta celebración sumáronse invitados dende o IES Urbano Lugrís de A Coruña e o alumnado de 4º de ESO do CPI Dr. López Suárez, de Friol. Tamén tivemos a honra de contar coa presenza dos representantes da Fundación Barrié, de Educabarrié e os dos proxectos que, xunto con noso, foron seleccionados na Convocatoria de Proxectos Escolares 2013/14 de Educabarrié que tiveron a ben facer a presentación deses proxectos no noso centro en tan significativa data para nós.

Tanto o alumnado de A Coruña, como o de Friol, comezaron a súa xornada en Guitiriz cunha visita, guiada por alumnos/as, das instalacións do IES POETA DÍAZ CASTRO.

Tra-la visita procedeuse ao visionado no Salón de Actos do documental "A Lus do Mundo", realizado no nos instituto o pasado curso. Tras a proxección, realizáronse diversos xogos e actividades no propio salón de actos, antes de sair a "invadir" as escaleiras e recibidor do centro para levar a cabo unha "performance" con música, cantos e curiosa percusión, da que daremos debida conta en canto dispoñamos do material...

Ao mesmo tempo tiña lugar no noso IES a reunión de presentación dos 5 Proxectos de Innovación Educativa que foron seleccionados por EDUCABARRIÉ na súa Convocatoria de Proxectos Escolares 2013/14.

O Director da Fundación Barrié, Javier López, a Directora de Investigación e EducaBarrié, María José Mariño e a Asesora educativa de EducaBarrié, Susana Vázquez, reuniron en Guitiriz ao profesorado que desenvolve os proxectos

- Fala Londres do Instituto Español Cañada Blanch de Londres, profesor Xaime Varela.

- Ciencia cidadán na escola do IES David Buján, profesor José Viñas.

- Construíndo a cultura do pensamento eficaz hoxe para mañá do C.P.R. San José de Pontedeume, profesora M. T. Iglesias Polo.

- Proxecto de colaboración A Xunqueira-Amencer, do Centro Integrado A Xunqueira de Pontevedra, profesor M. Pérez Hernández; e

- Tralas pegadas de Díaz Castro. Un roteiro interactiva pola poesía, o lugar e a persoa, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, profesora Olga Aguiar.

Deuse conta do elevado nivel das intervencións educativas seleccionadas, o seu rigor e capacidade de aglutinar intereses moi variados do profesorado para mellorar a práctica docente, a captación do talento do alumnado e os incentivos en coñecemento e implementación das novas didácticas e tecnoloxía nas aulas.

Todos os proxectos serán elaborados neste curso escolar e poranse a disposición da comunidade educativa co compromiso de compartir e espallar as súas experiencias. Unha oportunidade para visibilizar a capacidade do profesorado con inquedanzas e desexo de formación permanente. Para o noso Centro unha oportunidade máis de desenvolver un proxecto interdisciplinar, vinculado á cultura e entorno do alumnado.