Actividades 2018/2019

Pantoque de Ramón Trigo

          O martes 12 de febreiro un grupo de alumnado da materia de Debuxo Artístico I de 1º de bacharelato visitou a exposición "Pantoque" de Ramón Trigo, no MARCO. Aquí vos deixamos algunhas das fotos que compartiu a profesora Chus.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Pantoque de Ramón Trigo

A lingua galega: Unha oportunidade

          Onte martes 12 de febreiro, acudimos co alumando de 1 Bach D ao Auditorio Municipal do Concello de Vigo, para asistir á conferencia "A lingua galega: unha oportunidade". O poñente foi o escritor e director do Servizo de Normalización Lingüística da USC Manuel Núñez Singala. Ademais do agradable paseo de ida e volta, a charla foi moi amenta e aprendemos que o galego estaría por número de falantes no posto 136 entre as cinco mil linguas do mundo. Tamén descubrimos que ten unha forte presencia en internet e que non necesitamos escoller entre as nosas linguas, podendo utilizar todas. Finalmente falounos do poder do grupo social e fixo valorar ao noso alumnado o multilingüismo e a importancia de manter viva a nosa lingua. Esperamos disfrutar de máis actividades como esta.

Álbum: Curso 2018/2019 -> A lingua galega: Unha oportunidade

8 de febreiro: Día de ler a Verne

          O pasado venres 8 de febreiro recordamos no IES Castelao a Jules Verne con motivo do aniversario do seu nacemento, no ano 1828. É unha data que se celebra internacionalmente lendo fragmentos da súa obra. Iso fixemos no instituto, onde un grupo de alumnos de distintos niveis leron fragmentos seleccionados das súas novelas Vinte mil leguas baixo dos mares e mais A illa misteriosa, por escollermos como eixo condutor a figura do capitán Nemo, presente en ámbalas dúas.

[Clica aquí para ampliar información]

Álbum: Curso 2018/2019 -> 8 de febreiro: Día de ler a Verne

Semana Branca 3ºESO

          Do 5 ao 8 de febreiro un grupo de alumnado de 3ºESO viaxou ata a estación de esquí de Leitariegos. Aquí vos deixamos algunhas das fotos que tomaron as profesoras Susana e Yolanda.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Semana Branca 3º ESO

Visita ao Museo de Pontevedra e á exposición "Alba de Gloria"

          O departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Castelao organizou unha xornada didáctica centrada na figura de Daniel Rodríguez Castelao que dá nome ao noso centro.
          Deste xeito, o alumnado de 2º de Bacharelato que o desexou, visitou, en primeiro lugar, as instalacións do Museo de Pontevedra, onde se lle dedicou especial atención aos fondos depositados na Sala Castelao, alén de visitar outros espazos do museo como os dedicados á arqueoloxía ou á pintura galega.
          A continuación, en xornada vespertina e no espazo compostelán de San Domingos de Bonaval, o alumnado e profesorado acompañante tivermos ocasión de seguir as explicacións que nos guiaron polas diversas seccións que compoñen a magnífica exposición "Alba de gloria", onde a experiencia final dun paseo pola significación do discurso que Castelao pronunciou o Día de Galiza de 1948 a través do recurso da realidade virtual puxo o punto e final a unha xornada intensa e, dalgún xeito, memorable.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Visita ao Museo de Pontevedra e á exposición "Alba de Gloria"

30 de xaneiro: Ilustrámonos sobre Castelao

 

          Con motivo do Día da Ilustración, instituído na data de nacemento de Castelao -o 30 de xaneiro de 1886-  desenvolvemos desde a biblioteca unha actividade que pretende mellorar o coñecemento deste artista polifacético que dá nome ao noso centro entre o alumnado.

 

          Pódese ver nas fotos como traballaban na busca de información sobre a súa persoa e a súa obra.

Almorzos saudables e saúde bucodental 2019

     A semana do 28 de xaneiro ao 1 de febreiro, o alumnado de 1ºESO realizou a terceira edición da actividade sobre almorzos saudables e saúde bucodental en colaboración coa Xefatura Territorial de Sanidade, a nosa Asociación de Nais e Pais e do Supermercado Froiz da peatonal, que nos proporcionou sen custe os produtos empregados.

Visita á pista de xeo

     Os pasado mes de decembro, alumnado 1º ESO  e 2º ESO  visitou a pista de xeo instalada en Samil. Aquí vos deixamos algunhas fotos da actividade:

Álbum: Curso 2018/2019 -> Patinaxe 2018

Visita á Casa Galega da Cultura

     O departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Castelao organizou unha saída  didáctica á Casa Galega da Cultura que se celebrou o  30 de xaneiro de 2019. Asistiron todos os grupos de segundo de bacharelato do centro e nela, os anfitrións do acto, Quico Domínguez, director da Fundación Penzol, e Antón Vidal, presidente do Consello de Administración da Editorial Galaxia, realizaron un percorrido sobre a xénese da Fundación Penzol e a súa evolución ata a actualidade, ademais de abrir as portas aos fondos depositados da devandita fundación e os que custodian do fondo pertencente a Francisco Fernández del Riego, alí depositados.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Visita á Casa Galega da Cultura

O achado do castro

 

                                                                        

       O achado do castro                      Manuel Núñez Singala

 

Na 1ª avaliación, os alumnos de  2º de PMAR, coa profesora do Ámbito Lingüístico Irene del Río, leron, interpretando os distintos personaxes, obra de teatro O achado do castro. Ademais, comentaron a peza entre todos. O texto gustoulles moito pola historia, moi divertida; polos personaxes, ridiculizados polo autor, que eran moi simpáticos e tamén por como falaban.

Distribuir contido