Actividades (LGeL)

Alonso Montero e Mª Victoria Moreno

O pasado 24 de abril visitou o noso centro don Xesús Alonso Montero para dar unha charla ao alumnado de 1º de bacharelato sobre Mª Victoria Moreno, autora á que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. O alumnado, que este trimestre leu Anagnórise, unha das súas obras máis representativas, seguiu con atención e interese a disertación do que foi presidente da RAG ata o 2017 sobre a vida e obra desta autora estremeña de nacemento  mais galega de corazón e lingua.

Pica na imaxe para ver  fotos do acto

Álbum: Curso 2017/2018 -> Alonso Montero e María Victoria Moreno

Encontro con Ledicia Costas

O 6 de abril Ledicia Costas veu ao noso centro a  falar cos alumnos de 3º da ESO da súa obra Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta,  novela que recibiu o Premio Lazarillo á Creación Literaria no ano 2015.

Ledicia contounos  que a orixe da novela partiu do seu interese por Jules Verne e a súa chegada a Vigo, así como polo “submarino” de Sanjujo Badía, temas que se reflicten  na novela. Falounos tamén  de todo o  traballo de documentación que fixo  para escribir a obra e de como o mesturou coa fantasía das mulleres planta.

 Podes ver as imaxes da charla picando na imaxe.

Álbum: Curso 2017/2018 -> Ledicia Costas e Jules Verne

Percorrido d´A esmorga

      O pasado venres,  9  de marzo, un grupo de cincuenta  estudantes de 2º de bacharelato, acompañados polas  profesoras  Esther e Isabel, do departamento de Lingua Galega,  foron de excursión a Ourense  para realizaren o roteiro d’A esmorga, na cidade das Burgas,

      Aínda que o tempo non acompañou moito,  a visita resultou proveitosa e interesante, pois tiveron ocasión de facer un percorrido pola parte vella da capital ourensá e recoñecer in situ algunhas das localizacións de certos episodios da novela de Blanco Amor.

Álbum: Curso 2017/2018 -> Percorrido A Esmorga

Leonardo e os fontaneiros

O pasado venres, 2 de marzo, os alumnos e alumnas de 1º da ESO puidemos ver na Escola Oficial de Idiomas a representación teatral da obra Leonardo e os fontaneiros, de María Victoria Moreno.

O protagonista, Antón Andrade Asorei, e a  súa compañeira de clase, Begoña, recordaron as divertidas anécdotas vividas durante o último curso de colexio, mais  tamén os momentos de mágoa que experimentaron á morte do can Leonardo ou da súa mestra, A Galiña.

Álbum: Curso 2017/2018 -> Leonardo e os fontaneiros

Día de Rosalía

 Como todos os anos, o  24 de febreiro  celébrase o Día de Rosalía,  data de nacemento, no ano 1837, da nosa autora máis universal. Este ano, o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO  afondou na vida e obra da poetisa  a través dunha guía didáctica que  elaborou o equipo da biblioteca. O alumnado  traballou con ela a partir dos paneis expostos no vestíbulo.

Pica  na imaxe para ver as fotos

Álbum: Curso 2017/2018 -> Día de Rosalía

A louca historia de Galicia

   

     Os días 21 e 23 de febrero o alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato asistiu á representación da obra “A louca historia de Galicia” na sala Ártika de Vigo.

     Esta  divertidísima comedia fai un percorrido polas orixes, costumes e tradicións da nosa  terra, dende os celtas ata a actualidade. Os alumnos, ademais de pasalo moi  ben, aprenderon algo máis sobre a nosa historia.

     O peza foi representada pola compañía Fulano, Mengano e Citano.

Ilustrámonos con Castelao

Para celebrar  que o 30 de xaneiro, Día da Ilustración, coincide coa data de nacemento de Castelao,  o equipo da biblioteca elaborou unha guía didáctica para coñecer máis a fondo a vida e obra do autor que dá nome ao noso centro. O alumnado do 1º ciclo da ESO traballou con ela a partir dos paneis expostos no vestíbulo. Pica na imaxe para ver as fotos.

Álbum: Curso 2017/2018 -> Ilustrámonos con Castelao

O Pergamiño Vindel- Museo do Mar

O pasado 16 de xaneiro os alumnos de 1º de bacharelato B e D visitaron  no Museo do Mar de Vigo a exposición  titulada “Pergamino Vindel. Un tesouro en sete cantigas”. 

O alumnado, na primeira parte da visita, coñeceu aspectos sobre a sociedade da época medieval e  como se elaboraban os  pergamiños (materiais nos que se escribía, tintas, útiles  de escritura, quen os escribía…). Na segunda parte, aprendemos  aspectos da cultura  da época como a arte románica, instrumentos musicais e finalmente o pergamiño de Martín Códax coas sete cantigas de amigo e a súa música.

Álbum: Curso 2017/2018 -> Visita ao Pergamiño Vindel

Vídeo da celebración das Letras Galegas

Podes ver na nosa canle de Youtube o vídeo que recolle algún dos momentos da celebración do Día das Letras Galegas 2017.

Entrega premios gañadores Certame Letras Galegas 2017


A semana pasada fixémoslle a entrega dos premios aos gañadores do Certame das Letras Galegas 2017. Os premios foron aportados pola ANPA do IES Castelao.

Distribuir contido